COSERNOS CO CABLE DA FUNAMBULISTA

 

Emma Pedreira

Desequilibrio-naufraxio-refuxio-intemperie. In-tem-pes-ti-va.
Recoñecemos certa Xela Arias porque hai un pouso do que nos deixou que pervive tanto despois da desaparición: Hasme oír, a unidade componse da desorde, ba-leirate-me.
Rompeunos os esquemas e os poemas e artellou linguaxe e discurso como fai un/ha tedax cun obxecto sospeitoso que latexa no medio do nada. Desconectounos a bomba do corazón e estoupóunolo cara adentro, nun sentido inverso ao normal do torrente sanguíneo. E colocou todo outra vez, reconstruíu deixando algo de intacto e algo de derrotado tamén. E escuras queimadelas no lugar da combustión.

Xela Arias cambiou o discurso do amor, da maternidade, do erotismo, das cidades, do equilibrio á intemperie das mulleres soas, empoderounos (négome á palabra oficial, apoderar, que semella rapina, ilicitamente) hai xa trinta anos.
Este ano, aínda pandémico, podemos vestirnos con aquelas vestiduras verso e que aínda nos senten tan ben, que axeite o corte do poema, a transversalidade dos tecidos urbanos, das paisaxes únicas que quedaron impresas no estampado do vestido. Acáenos aínda tan ben Xela porque ninguén nin nada gastou esa epiderme orixinal e única e séntanos agora como unha segunda pel.
Vistámola. Saiamos ás rúas vestidas de núas coa desequilibrada intemperie da poeta que escribiu, estudou, amou con toda a lingua, cabalgou tigres, protexeu o seu cachorro das impiedades da ollada común, desgastou o asfalto nocturno, evacuou as illas imaxinarias da noite e fixo para nós un constructo tan sólido que tardamos case vinte anos en collerlle os baixos para que nos axeite na pisada e non arrastrar.
No gume desa patronaxe vai ela, poeta, marcando os trazos e prendendo cos alfinetes que leva atravesados na lingua. Cose as palabras á pel, escama a escama, poro a poro, nótanselle os ganduxos na liña como a Emily Dickinson o fío onde engarzaba as palabras como doas e ese traciño –tirando un fío–un cableado–un gume intenso sobre o que cabalgar– no equilibrio da danza. Xela Arias invisibiliza ese trazo pero tamén o practica, descose e recose, menda, retella o discurso, cortapega, fai colaxe co texto, a frase, a palabra, do macro ao micro, da pel ao poro e inseríndoos todos, un por un, nunha prodixiosa alteración de orde e significados, mentres camiña sobre o propio cable, fío, gume, funambulista do seu propio verso. Cosámonos a ela para manter ese equilibrio e cabalgar á intemperie. Celebrala do mesmo xeito no que unha poeta escribe é sosterlle os versos e a memoria.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará