A DIVERSIDADE SEXUAL NA ADOLESCENCIA. ENTRE A CASA E A ESCOLA

 Luisa Abad

O sexo, ser nena ou neno, é algo biolóxico que nos vén dado co nacemento. O xénero, pola contra, é unha construción social, un papel que nos toca desempeñar, cheo de estereotipos. Correspóndese cos modelos femininos e masculinos nos que fomos socializadxs. Se es rapaza tes que ser sensible, coidadora, preocupada pola beleza…, se es rapaz deberás ser forte, líder, poderoso…

A reprodución, a sexualidade, a división sexual do traballo inscríbense no sistema binario tradicional home-muller, pero ultimamente existe unha necesidade social de rachar con ese binarismo debido á presión das persoas encadradas no colectivo LGTBIQ+ (entre o 3% e o 10% da poboación). Que significan estas siglas?: lesbianas, gais, transexuais. bisexuais, intersexuais, queer, asexuais…, persoas que reivindican unha sexualidade diferente da heterosexualidade normativa.
Fronte a argumentos que sosteñen que o “natural” é sentirse atraído polo sexo contrario, é dicir, ser heterosexual, a realidade homosexual imponse: lesbianas e gais son persoas cuxa orientación do desexo vai cara a persoas do seu mesmo sexo. Bisexuais son aquelas que se senten atraídas por persoas, independentemente do seu sexo.
Son transexuais e transxénero as que non teñen acordo entre o sexo que lles outorgaron no nacemento e o xénero co que se identifican. Moitas persoas transexuais, mediante operacións cirúrxicas, van modificar o seu corpo para asemellarse ao da súa identidade de xénero. As persoas transxénero non senten esa necesidade.
Defínense como intersexuais as que poden variar entre unha e outra identidade e como queer as persoas que prefiren non identificarse en función do seu sexo, xénero ou sexualidade. Son asexuais as persoas que non manifestan ningún interese polo sexo. Ás veces aparece tamén o C para designar as persoas que, non tendo clara a súa identidade, están en cuestionamento.

• Todas estas persoas manifestan unha sexualidade diversa, diferente da heterosexualidade na que fomos socializadxs, un modelo patriarcal cheo de sexismo e que rexeita a homosexualidade. No patriarcado ser home é ser heterosexual. É urxente desaprender este modelo se queremos respectar a diversidade, e facelo a dous niveis: o social e o persoal, introspectivamente.

Se fobia é un rexeitamento psicolóxico ou afectivo, homofobia é un prexuízo social, construído culturalmente e interiorizado pola socialización, contra a homosexualidade. Tamén existe lesbofobia, transfobia, plumofobia… Como se expresan estas fobias? Con exclusión do grupo, con rexeitamento (ignorar, deixar de lado, non deixar participar, non falar con esa persoa…), con violencia verbal: ridiculizar, insultar, poñer alcumes, ameazar, acosar nas redes… A miúdo vemos nos medios actos de agresións contra a xente diferente. Vexamos titulares recentes na prensa: “Detidos tres menores por insultar e agredir un rapaz pola súa condición sexual”, “Brutais ataques homófobos no deporte”, “Perdín un ollo por ser gai”…
Ao noso redor, en todos os momentos e espazos de sociabilidade da vida cotiá dáse a homofobia, e por extensión a transfobia: nos centros educativos, na rúa, nos medios de comunicación, nos grupos de amigos, nas asociacións deportivas. Ningún ámbito se libra: é o delito de odio máis frecuente, por riba do racismo.
As criaturas con diversidade sexual están inmersas nunha familia. Do rexeitamento ou aceptación desta poden derivar graves desaxustes ou, polo contrario, seguridade, aceptación e benestar. A homosexualidade non é modificable nin pode ser “reorientada” por ninguén. Ser homosexual non fai a ninguén mellor nin peor persoa.
Cales son os procesos máis frecuentes seguidos polas familias cun/cunha adolescente LGTBIQ+?
En principio a “saída do armario” provoca un shock inicial que mestura sentimentos de culpa, de medo ao descoñecido, a que sufran maltrato e rexeitamento, ao qué dirán. Por suposto aparece tamén a ira por non ter sido quen de detectalo e “impedilo” a tempo, ou por non ter prestado a axuda necesaria no momento en que a precisaban.
Pásase despois á negación da realidade, a tentar persuadir a filla ou fillo de que está equivocadx, a pretender convencelx de que é moi novx e está confundidx; pódese mesmo forzar para que acuda a terapia psicolóxica. Nin que dicir ten que tratar de “reconverter” a orientación sexual da persoa pode ocasionar graves prexuízos psicolóxicos dificilmente xustificables dende o punto de vista ético. A axuda que poden proporcionar xs profesionais da psicoloxía non se move nesa dirección senón en traballar na mellora da autoestima dx mozx e axudar a familia a superar as dificultades que a revelación da homosexualidade lles produciu.
Cando a familia se agocha no silencio e o rexeitamento está expoñendo x adolescente a graves riscos (depresión, consumo de substancias, anorexia, suicidio…) que van supor o afastamento da familia. Ás veces incluso a ruptura, ademais dun sufrimento cruel, de deixalx en soidade.
Cando se afronta a realidade aínda queda un longo camiño que supón loitar contra a propia homofobia para poder apoiar, acoller e aceptar con normalidade xs fillxs. Aprender a convivir coa nova “realidade familiar”, dende o cariño e o diálogo sincero. Queda reestruturar a familia, asimilando e aceptando, e brindando apoio incondicional.
O ámbito escolar tamén ten un problema de aceptación da diversidade. Nun estudo realizado no ano 2005 por Jesús Generelo e José Ignacio Pichardo titulado “La homofobia en el sistema educativo”, conclúen que a homofobia campa ás súas anchas no sistema educativo, a miúdo en forma de insultos ou agresións físicas, máis xeneralizado no seu aspecto máis disimulado de silencio ameazador, de prexuízo indeterminado, de estereotipo deformante, de control invisible da liberdade de expresarse, da liberdade de ser, de vivir sen medos, sen angustias, sen necesidade de agocharse.
A problemática LGTBIQ+ continúa a ser invisible nos centros de ensino. As rapazas e rapaces teñen vergonza a manifestarse, por medo. O contaxio do estigma impide aliadxs. A homofobia e a transfobia están normalizadas nas aulas: forman parte da tradición. Chámase “horizonte da inxuria” o insulto xeneralizado a quen saia da norma, sobre todo na adolescencia (maricón, bollera…). A escola non é un espazo seguro e libre onde poder medrar se es diferente. Queda moito por facer. A esperanza é que xa existen institutos de referencia que van normalizando a diversidade.
Non é ningún consolo que sexa un problema universal (ocorre en todo o mundo). Existen a día de hoxe 70 países (principalmente en África e Asia) que penalizan a homosexualidade con condenas de cárcere, torturas e mesmo seis deles coa pena de morte. Xa dentro de Europa, en países como Hungría e Polonia dáse unha profunda homofobia social, tanto máis inquietante se pensamos que forman parte da Unión Europea, que lexisla en contra diso.
A maior parte dos delitos de odio que se producen son por mor da orientación sexual. A pesar da enorme melloría, segue a ser o principal motivo de agresións verbais ou físicas nos centros escolares: o 20% do alumnado manifesta un claro rexeitamento cara á diversidade sexual e un 25% foron testemuñas de agresións homófobas (Fonte: Pichardo, 2014).
Pero este acoso pódese previr. En primeiro lugar hai que visibilizalo, saber que existe, nomealo. Crear un ambiente escolar seguro traballando a valoración da diversidade dende as primeiras etapas da escola. Detectar conflitos e discutilos no grupo para afrontalos axeitadamente antes de que aumenten. Vixiar as diferentes manifestacións e ter engraxados os mecanismos de axuda no grupo (compañeirxs axudantes, caixa de correo para denuncias de acoso), porque o habitual é que nin a vítima nin as persoas que contemplan o abuso denuncien, e intervir cando se produza, sempre de acordo cos Plans de Convivencia que existen nos centros.
A Lei galega 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia, é un bo instrumento no que ampararse para facer un pouco mellor a vida das persoas con diversidade sexual. Asociacións como Arela en Vigo ou 7 Cores e Alas na Coruña loitan por normalizala.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *