A COSTA DE DEXO: ESE MONUMENTO ARTIFICIAL

 Franqui Illanes

A costa de Dexo, coa Marola ao fondo                       Fotografía do autor

A Costa de Dexo (e Serantes) é a punta que penetra no Atlántico entre as rías de Sada e da Coruña, que, coa Marola, soporta os embates dos temporais do Golfo Ártabro. É un interesante espazo protexido que comprende a costa dende Lorbé ata o faro de Mera. Foi declarado Monumento Natural, tamén Zona de Especial Conservación da Rede Natura 2000, e pertence ademais á Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Aínda que ningún destes mecanismos de protección serviron para protexela, senón máis ben para todo o contrario… lamentablemente.

Debería centrarme en facer unha extensa lista das marabillas ambientais presentes no noso espazo (des)protexido… pero non. É máis, o que vou contar é que este lugar non é un Monumento Natural. É, pola contra, un fermoso Monumento Artificial, construído ao longo dos séculos polas persoas que loitaron, traballaron, desfrutaron, e en fin, viviron aquí e modelaron este espectacular anaco da nosa terra co obxectivo único e fundamental de SOBREVIVIR.
Farei un pequeno percorrido por unha serie de lugares que mostran isto que acabo de dicir.
O primeiro lugar é a igrexa de Dexo. E dirás: que ten isto que ver coa supervivencia? Pois claro que si. Os nosos antergos axudaron a conservala grazas á suor do seu traballo pagando misas, décimos e rendas á Igrexa, coa inxenua e firme convicción de sobrevivir… SOBREVIVIR á morte. Sendo boas persoas e cumprindo cos mandamentos da santa madre igrexa irían ao ceo, serían felices e comerían perdices por toda a eternidade. É unha fermosa igrexa, exemplo típico do románico rural galego, cunha iconografía erótica, enterramentos “ilustres”, restos arqueolóxicos castrexos, romanos e medievais, e da que se sabe practicamente todo. Merecería un artigo para ela soa, pero non temos espazo para contar as súas aventuras ao longo dos seus máis de nove séculos de historia.
Abandonando o rueiro chamado A Aldea en dirección ao monte e á costa, poderás parar a ver eses paraísos inalcanzables para os ratos que son os cabazos. Outros elementos esenciais para SOBREVIVIR. Nas beiras das casas ademais os nosos antergos modificaron o contorno creando as hortas, elementos básicos tamén para a SUPERVIVENCIA. Xentes que, por unha banda, eran case analfabetas eran tamén, pola outra, enxeñeiros agrónomos que sabían perfectamente cando sementar, cando plantar, que asociacións de cultivos eran as óptimas, cal era unha boa rotación de cultivos, como fertilizar, como manter a raia as pestes e as pragas…
Entrando xa no monte, pódese observar, cun esforzo de abstracción, o que sería o souto que rodeaba a poboación. Outro exemplo que amosa como os antepasados crearon un hábitat co obxectivo de SOBREVIVIR. Aínda se poden ver bastantes castiñeiros neste lugar, fonte de alimento fundamental e de materia prima para construcións vitais en épocas en que a pataca aínda non se convertera nun dos alimentos básicos. Se es capaz de borrar coa imaxinación a terrible praga de eucaliptos que, tamén aquí, nos asola, poderás ver os restos do bosque autóctono: carballos, para quentar o fogar e cociñar na lareira, loureiros, salgueiros medicinais e con varas flexibles para facer ferramentas agrícolas como o caínzo, espiños que servían de guía para enxertos «máxicos» para froiteiras saborosas que daban alimento en diversas épocas do ano etc., adaptacións «indíxenas» para unha envexable SUPERVIVENCIA sostible.

A igrexa románica de Dexo     Fotografías do autor

Máis adiante, xa na ribeira, o vento impide o crecemento da masa arbórea dando paso ao toxo, as queiroas e os fieitos. Miña nai, que sempre me dicía que “qué lles ensinas aos turistas, se aquí non hai máis que toxo”, era, a pobre, incapaz de apreciar a fermosa paisaxe que dende aquí se desfruta, xa que non podía borrar da súa memoria a imaxe dos penosos trafegos de ir coller ao monte a louzada para facer esterco que, nas leiras, lles permitirían SOBREVIVIR coas súas colleitas. Con ela fun varias veces recoller as queiroas e o trovisco co que facía o ramo no San Xoán para protexernos das meigas. Algo que sigo facendo, aínda que ela xa non pode, para que SOBREVIVA a súa memoria e parte da nosa cultura. Descoñecía ela a presenza da colonia peninsular máis numerosa de corvo mariño cristado (considerado como vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas), ou a nidificación de falcón peregrino, ou choias biquivermellas. Tampouco sabía da existencia doutras plantas interesantísimas como orquídeas, ou margaridas presentes en poucos lugares do mundo, ou outras pequenas plantas de gran valor que pasan desapercibidas. (Polo que se ve, as autoridades (i)rresponsables da conservación deste espazo tampouco o saben, e permiten así que se realicen neste lugar actividades que repercuten moi negativamente nos valores polos que foi declarado lugar protexido).
Durante este tramo vese moi preto A Marola (e xa sabemos que «quen pasou A Marola…»), tamén outra illa, que, aínda que nas cartas náuticas apareza erroneamente sinalada como O Marolete, debo dicir que en realidade o seu nome é O Corval, chamado así por ser un lugar onde os corvos mariños dos que falei antes se pousan a secar as ás antes de levarlles o alimento aos seus polos, que penduran perigosamente nas inaccesibles rochas dos cantís.
Tras pasar o lavadoiro do río da Pedra, que cae nunca fervenza ao mar, chégase á Pena de Rocha, dende onde se ve o porto de Dexo (non lle chamedes O Portiño, por favor, como fan os do concello, cometendo unha grave deturpación toponímica). O porto de Dexo é un porto de labregos, que non podían pasar sen os recursos que lles proporcionaba o mar durante uns poucos meses ao ano, cando as condicións o permitían, e que lles facilitaban a SUPERVIVENCIA.
Cada familia tiña unha buceta ou unha chalana para ir ás luras, ao polbo ou aos peixes das rochas con pequenos tramallos. Baixábanse as lanchas co guindastre manual que aínda se pode ver alí, e deixábanse atadas nas amarras, ata que antes de que os temporais llelas estampasen contra as rochas, volvían a subilas para terra. Aproveitaban tamén o «gholfo» que subían na mesma grúa e que levaban en carros para as leiras como esterco. Nada se desperdiciaba. Non coma hoxe.

Dous hórreos de diferentes tipoloxías                Fotografías do autor

 

Encamiñando os pasos cara ao muíño de Tía Antonia de Tía Carme pódese ver outra construción fundamental para SOBREVIVIR como é o muíño onde se moía o gran para cocer periodicamente «o pan de cada día». Muíño movido por enerxía renovable sen danar o medio ambiente. Economía circular, que nos queren vender agora como algo vangardista. Lugar de traballo, pero tamén de festa: «unha noite no muiño, unha noite non é nada; unha semaniña enteira, esa si que é muiñada». Qué vila ou aldea non ten muíño? Unha historia que circulou de boca en boca entre as nosas xentes di que Tía Antonia de Tía Carme era meiga. «Falaba» cun mozo de Dexo que despois a deixou para casar con outra rapaza. O seu primeiro fillo, en vinganza (miña nai dicía que as meigas son moi envexosas), estaba revellido, non comía, choraba moito… Entón, loxicamente, levárono á curandeira, que, nada máis velo, dixo que tiña «o aire do gato». Para sacarlle o meigallo, había que lavar o neno na tina de latón onde se aseaban os cativos, na que meteron tamén cinza da lareira. Despois de facer uns ritos cargados de sincretismo, coaban a auga cun pano (neste paso recordo ao meu pai dicindo «eso vino eu, eso vino eu») e ao abrir a bóla de cinza, esta estaba chea de pelos de gato. A outra parte da curación era tomar vinganza da meiga. A parella, co neno enmeigado, debía saír ás doce da noite da casa en dirección ao adro da igrexa. Non poderían falar con ninguén. Ao chegar ao adro tiñan que facer algo con pan e auga bendita. E ao mesmo tempo alguén quedaría na casa varrendo e levando a varredura para o centro da casa. Cando chegaran a nai, o pai e o fillo da igrexa, alguén tería que baterlle duramente ao lixo e así estarían pegándolle á meiga. Parece ser que a esas horas da madrugada chegou Tía Antonia berrando que daba arrepíos, mentres se agarraba aos barrotes da fiestra da cociña pedíndo «Tío Antonio, Tío Antonio! Déame fermento para cocer o paaaan!!», e miña nai, rindo mentras contaba a historia, dicía «era pola tunda que lle estaban dando». Haberá xente que cando lea isto diga «canta ignorancia había nas nosas aldeas», mentres alucina encantada cos bailes batusis, cos xamáns ianomamis ou coa mitoloxía nórdica. Eu téñoo claro, mentres eu poida, a nosa rica e complexa mitoloxía vai SOBREVIVIR ao meu redor contando esta historia (e outras). E ao que non lle guste, «que lle bote azúcar».
Abandonando xa o muíño chégase en breves á Agra da Canle, o lugar onde a xente de Dexo temos as nosas leiras de labor. Aquí pódese ver como se modificou, con moita suor e traballo, a pendente do terreo facendo terrazas de cultivo coa intención de evitar as escorrentías e favorecer o traballo do gando para os labores agrícolas. Moitos, moitísimos metros cúbicos de terra moveron con esa intención, o que lles permitiu crear un indispensable lugar para a súa SUPERVIVENCIA, xa que eran as imprescindibles leiras das que sacaban os produtos fundamentais para alimentar o gando e as familias. Xa case ningunha leira se traballa agora, pero pódense ver os balados con desniveis de tres ou catro metros, que amosan claramente o tremendo labor que acometeron.
Dende aquí, seguindo o carreiro posiblemente máis antigo ou máis usado da localidade (no que o paso da xente durante séculos foi afundindo o camiño no terreo, como un río que escava un canón), chégase inmediatamente ao remate do paseo, na mesma igrexa de Dexo.
Non quería, de todas as maneiras, deixar pasar a ocasión de renderlles unha profunda homenaxe a todos os nosos antepasados que aquí en Dexo (pero tamén na túa vila ou aldea) foron capaces de SOBREVIVIR de maneira perfectamente ecolóxica e sostible no seu medio, e pedirlles perdón por non sermos capaces (con toda a nosa ciencia, a nosa tecnoloxía e a nosa pretendida sabedoría) de conservar a súa herdanza, que estamos desbaratando en tan só uns poucos anos.

Partillar

2 thoughts on “A COSTA DE DEXO: ESE MONUMENTO ARTIFICIAL

  1. Bom dia,

    Antes que nada , parabeniza-lo por este lindo e emotivo trabalho de recuperaçâo da memória histórica, folclore e identidade popular.

    Queria perguntar-lhe se a Tia Antónia aque faz refeénci é Antónia Cruz Cubeiro, que morava na Rua das Pombas?.

    Muito obrigado.

    1. Bos días,
      miña nai, unha fonte inagotable de saberes, refráns e ditos populares, contestaría a esta pregunta comentando que "se di o pecado pero non o pecador".
      Pero eu non son a miña nai e só vou decir que sí, que a tía Antonia vivía na rúa das Pombas. Pero ata ahí…non vou concretar máis.
      Un saúdo e grazas polos parabéns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *