1921 – 2021 CARMEN ARIAS DE CASTRO “MIMINA”. DO CASTRO Á GALICIA IDEAL

 

Mimina retratada por Isaac Díaz Pardo  no seu cadro Moiras (1944, detalle)

 Fundación Abanca


Artista plástica, deseñadora, empresaria… Carmen Arias de Castro (A Coruña, 1921–Sada, 2014) é unha figura obviada case sempre e sen a que, pola contra, dificilmente se poden chegar a comprender algunhas das experiencias culturais –e non só culturais– da Galicia contemporánea. Creacións súas, baixo as marcas de Cerámicas do Castro e Sargadelos, forman parte hoxe da nosa identidade. Ocupan os andeis das nosas cociñas e os estantes do noso imaxinario colectivo. Carmen Arias, Mimina, compañeira de vida dun titán como Isaac Díaz Pardo, foi peza esencial nese conxunto de industrias concibidas en clave de país e cun firme alento de modernidade. Coa vocación dun futuro mellor nunha Galicia consciente das súas potencialidades.
No centenario do seu nacemento, lembramos a Mimina, socia de honra da A.C. Irmáns Suárez Picallo e Filla Adoptiva de Sada, desde a proximidade espacial destas páxinas editadas no mesmo territorio no que desenvolveu a súa vida e boa parte dos seus proxectos

Retrato de Mimina por Isaac                     Imaxe cedida por Xosé Díaz 

Conversa  arredor de
Mimina

Un percorrido pola vida de Carmen Arias da man da súa familia

Laura I. Pita Campos
manuel Pérez lorenzo

 

Visitamos o Castro nunha tarde de abril. Deixamos atrás as Cerámicas, embrión e núcleo da industria cultural máis relevante da Galicia contemporánea. Un conxunto de edificios que hoxe esmorecen mentres a empresa se afasta dos principios que a fixeron nacer e se entrega a un mercantilismo con escasa visión de futuro. Dirixímonos a onde persiste aínda ese espírito fundacional, ao pazo do Castro de Samoedo, a escasos trinta metros da vella cocheira na que naceu Cerámicas do Castro, para conversar con María Ripoll (MR), Xosé (XD) e Camilo Díaz Arias de Castro (CD), nora e fillos de Isaac Díaz Pardo e da figura arredor da cal xira a nosa conversa: Mimina.

Dúas imaxes de Mimina recibindo un premio.  [arriba] Mimina con tres anos.

MR—O pai de Mimina era o dono do pazo e veraneaban aquí. Onde Isaac comezou a montar o seu estudo eran as cocheiras do pazo.

CD—Unha vez que se fixeron mozos oficialmente, que foi na Coruña, Isaac regálalle unha pulseira moi bonita que deseñou el. Unha vez prometidos, Isaac xa vén polo Castro visitar a Mimina, e cando casan, van vivir a Madrid pero nos veráns veñen aquí.
Nunha desas viaxes, Alicio ofrécelle a Isaac uns galpóns de apeiros agrarios e cocheiras, que non as usaba, e Isaac dixo «si, vénme moi ben, que así fago o estudio», e fixo un estudio na parte de arriba. Todo iso favorecido polo seu enlace con Mimina no ano 45. Entre o 45 e o 49 fúndase Cerámicas do Castro e Isaac pasa veráns longos aquí, xuño, agosto, setembro, parte do outono… Preparan un pequeno taller de porcelana que terminou sendo unha empresa, Cerámicas do Castro, e Mimina axudábao. Eles vivían no pazo pero tamén tiñan o seu cuarto íntimo no estudio, con independencia, porque aquí nos veráns no pazo xuntábase moita mestura política, toda a familia, e había unha parte que eran amigos do réxime. Isaac quería eludir as discusións e facían moita vida no estudio. Era onde pintaba e onde ás veces durmían. Mimina axuda a Isaac, renuncia á súa carreira, pois ía para pintora e estaba de profesora de Artes e Oficios.

<Na imaxe superior]  O seu pai, Alicio Arias de Castro, nunha fotografía de comezos do século XX enviada á súa familia desde Perú, onde residiu durante algúns anos. Nesta imaxe, dous deseños de carteis presentados en 1938 a un corcurso convocado pola casa González Byass. 

UNHA ARTISTA PROMETEDORA


Mimina tivo unha vocación artística precoz. Xa en 1937, a prensa auguráballe un futuro prometedor. A comezos dos anos 40, semellaba ter encamiñada a súa carreira no campo das artes plásticas.

Obras de Mimina nunha exposición colectiva celebrada na Asociación de Artistas da Coruña.      Fotografías cedidas por Camilo e Xosé Díaz Arias de Castro 

MR—Mimina era unha acuarelista magnífica.


XD—Ela era unha muller que ía para pintora, clarisimamente. Pero claro, no ano 43-44 coñeceu a Isaac, renunciou á súa carreira e dedicouse a apoialo.

MR—Apoiou moito a Isaac, se non Isaac tampouco podería chegar ao que chegou se non tivera o apoio dela.

CD—E tamén nos seus problemas. Dádevos conta que Isaac tiña un procedemento xudicial de cando apedraron a farmacia de Villar alí en Santiago, foi o seu sogro Alicio, o pai de Mimina, e Sebastián Martínez-Risco, que era avogado, os que resolveron o problema, entre os dous. Conseguiron que o arquivaran.

Manuel Pérez Lorenzo (MP)—Lolita Díaz Baliño tivo un papel determinante na formación artística de Mimina e no encontro con Isaac.


XD—Isaac e Mimina coñécense grazas á amizade que tiña o pai de Mimina cun irmán de Camilo Díaz Baliño, Germán, que pintaba, tocaba o violín, facía caricaturas… Eran amigos. Germán é o que lle di a Mimina que ten aptitudes e que vaia estudar debuxo coa sua irmá Lolita. Unha vez que vai estudar á casa de Lolita é cando coñece a Isaac. Isaac viviu na Coruña nos anos 36-39, toda a guerra na Coruña. No 40 xa está en Madrid estudando Belas Artes.

«Ela era unha muller que ía para pintora, pero renunciou á súa carreira e dedicouse a apoiar a Isaac»

 

MP—E Mimina, con posterioridade, nunca volveu pintar,
aínda que fose como afección?


CD—Fixo algunha acuarela da ría de Sada, da capela do Castro. Eu teño varios cadros: un castiñeiro de Indias, un retrato meu…

XD—Había un retrato tamén dos tres fillos. Ela ensinábanos a acuarelar de pequenos

CD—E levábanos a pintar. Iamos por Lubre pintar paisaxes.

DECORADORA E MESTRA

Mimina tivo un papel moi relevante como decoradora nas industrias cerámicas que crea Isaac, así no Castro como en Sargadelos. Deseños icónicos que aínda hoxe se comercializan son produto da súa creatividade.


MR—Mimina montou a decoración en Sargadelos.

CD—Mimina ensinou a moitísimas rapazas a pintar en Sargadelos e fixo decorados, por exemplo o AB1 (semicírculos verdes e azuis), e sobre todo en Magdalena. Traballou moito, porque había moito material que saía con pintiñas e facían decorados que as tapaban.

MR—Pero primeiro empezou aquí no Castro, montando a decoración .

XD—Aquí no Castro fixo centos de decorados.


CD—Ao principio Mimina axudaba a Isaac a pintar as pezas grandes, enormes, que facía: o Cronos, as Tres Gracias… E despois, cando Isaac estaba na América, ela facía decorados para tapar, como lle escribe a Isaac nas cartas: «Están saíndo as cousas moi mal. Imos ter que facer algo para tapar os defectos». Saían unhas pintiñas de ferro, unhas manchiñas, e ela facía uns decorados, xaspeados, con verdes, negros, azuis, violetas… que as tapaban. E quedaban moi bonitos.

MP—De feito había algunha entrevista na que ela dicía que tiveran tanto éxito esas pezas «tapadas» que depois, cando xa saían ben, houbo que seguilas decorando por dentro porque tiñan demanda.

CD—Ao mellor, cun fondo verde, facía cun pincel con moitos picos un xaspeado en negro. Ou cun fondo violeta, marrón…

MR—Ao final quedou precioso, entón xa se seguía facendo porque gustaba moitísmo.

CD—Moitas cousas facía, cuadriculado… Despois inventou as esponxas, os tampóns. Poñía a pintura en azulexos e despois mollaba, cunha esponxa redonda ou con forma de estrela, ou cadrada.

MR—É que Mimina era moi creativa, moi botada adiante. Ela cando pensaba que algo podía funcionar, non tiña dúbida.

XD—Mimina deseñou aquí as primeiras vaixelas infantís, que despois renovou.

MR—Ti podes crer que unha vaixela infantil que fixo ela é a que se segue vendendo máis en Sargadelos, a pesar do paso dos anos? Houbo vaixelas novas, pois segue gustando máis a dela. É unha que ten un tren en vermello, un barquiño… Esa é a que fixo Mimina. Esa vaixela é moi antiga.

MP—Ademais de deseñar decorados, tamén no Castro tivo Mimina un papel moi importante como mestra. Foi quen ensinou o oficio a varias xeracións de decoradoras.

XD—Sobre todo, ela ensinaba a manexar o pincel, a facer as augadas, as liñas, os filetes… Tivo un problema físico moi fastidiado, tivo tuberculose ósea, quitáronlle parte do óso e o brazo quedou sen rótula. Movíase con dificultade e, a pesar diso, ela collía a man coa outra e pintaba. Pero iso para unha persoa que manexa o pincel é moi fastidiado. Cando vai a Magdalena xa está sen o óso, pero tiña unha forza de vontade tremenda.

«Mimina ensinou a moitísimas rapazas a pintar en Sargadelos e fixo decorados»    [Camilo Díaz]

 

[nas imaxes superiores] Tres imaxes de Mimina e Isaac en Sada cando eran mozos.

[ seguintes imaxes de arriba a abaixo]  Dúas obras de Isaac, un retrato de Mimina e un óleo de ambos cos seus tres fillos, Camilo, Rosendo e Xosé.   Fotografías cedidas por Camilo e Xosé Díaz Arias de Castro

Nestas imaxes, Dous momentos da conversa con Carmen Ripoll, Xosé e Camilio Díaz  Fotografía MPL 

A EXPERIENCIA DE ARXENTINA

Nos anos 50, Isaac cruza o Atlántico para montar unha nova fábrica en Magdalena (Arxentina). Unha oportunidade para expandir o seu pro-xecto industrial pero tamén para conectar a Galicia amordazada pola ditadura co mundo do exilio, coa intelectualidade que tivera que fuxir. De novo, no Castro ou en Magdalena, Mimina tórnase imprescindible.

CD—Ela queda vixiando. Isaac no 55 fai a primeira viaxe e marcha definitivamente a Arxentina no 57, cando o avisan de que a nave de produción está xa construída. Estivo tres anos. Pasounas moi mal, tivo varios problemas: estaba explicando a un empregado como se conectaban os cables dun motor en triángulo ou en estrela, ninguén o avisou de que tiñan corrente e patapún, rompeu a escápula. Despois colleu unha peste rara, con febre, e non curaba. No Centro Galego non foron capaces de saber o que tiña, e o estabilizaron alá en Magdalena no hospital, como dicindo: «que se va a morir este señor». O médico de Magdalena, Mariano Vidal Viviánez, comezou a tratalo con quinina, empezou a reaccionar e curouno, pero quedou tan esvarado que lle dixo o médico «Isaac, é mellor que marches para O Castro, coa túa familia, e te repoñas alí con eles». Xa a finais do 59, Isaac veu para aquí, repúxose e foi o ano que comezou a construír a nave nova de produción, que se inaugurou no 62. Eu tiña 14 anos no 60 e recordo traballar alí, perdín o curso todo por ir traballar ás obras. Non estudabamos, gustábanos máis ir traballar, e perdín o 4º de Bacharelato. Mimina despois meteume interno e dixo, «tes que sacar o curso como sexa». Fun todo o verán e aprobei todas as materias, e a reválida de 4º, saín a flote.

MP—Mimina tamén vai participar na experiencia de Magdalena.

CD—Si, estivo en Magdalena tres anos axudando a Isaac ata que por fin Isaac levou a Jose Luís Montero, que foi traballar alí no 62, e substituíuna na decoración. Ela vai a Magdalena no momento no que a persoa que estaba á fronte do taller de decoración en Magdalena, o pintor Geno Díaz, marcha, porque tiña outras aspiracións.

XD—El traballaba para periódicos, facía caricaturas… e facía incluso televisión. E Magdalena quedáballe lonxe de Bos Aires, a 100 quilómetros.

CD—Cando marcha Geno Díaz, a Isaac quédalle coxa a decoración. «Mimina, tes que vir para aquí inmediatamente, veña!». Mimina prepara todo, métenos internos nun colexio aos fillos, e marcha. Estivo indo tres anos. Deixábanos no colexio en outono e volvía en verán para sacarnos do colexio. Hai máis de dúas mil e pico cartas que se escribiron Isaac e Mimina entre o Castro e Magdalena, cando ela non estaba alí. Unha carta diaria, impresionante. En Magdalena recórdana moitísimo. Este ano, no centenario, en Magdalena fixéronlle unha homenaxe.

XD—Hai unhas cartas de Isaac aos fillos e a Mimina, cando está en América, preciosas, que eu maquetei e lle fixen un libro á miña nai. Fixera varios exemplares, pero é moi bonito porque hai algún retrato de Mimina cos fillos.


MIMINA NO NACEMENTO DE SARGADELOS

Ao regreso de Arxentina, retoma a súa actividade como decoradora e mestra no Castro. Cando, anos máis tarde, Isaac e Luís Seoane poñen en marcha a fábrica de Sargadelos, recuperando o vello proxecto industrial de Antonio Raimundo Ibáñez, Mimina volve a ser unha peza chave.

CD—Ela segue traballando en decoración, ensinando a xente nova que viña, facendo algún decorado, ata que as cousas ían mellorando. Despois veu todo o tema Sargadelos. De feito, a sociedade constitúese a 50% entre dúas socias, Mimina e a muller de Ángel Vázquez, Antonia Mosquera. Foi o primeiro Sargadelos.

XD—Iso foi no ano 67, e deu lugar a moitísimas liortas cos socios, con Rey e Nogueira. O feito de meter a Mimina e á muller de Ángel significou que non quería meter os socios capitalistas.

CD—Nun momento determinado os capitalistas que estaban con el querían ter máis capital en Sargadelos e Isaac ameazounos, hai cartas escritas que andan por aí, dicíndolles que se seguían insistindo el púñase independente, deixaba o Castro e metíase en Sargadelos directamente sen ninguén, con Seoane e outros… E os socios aceptaron, entraron, entrou Cerámicas do Castro co 36% do capital, o Laboratorio de Formas co 18% e despois repartiuse todo entre os socios, os Vázquez, os Marentes… E Mimina tamén quedou cunha parte compensatoria, case un 4%.

UN PROXECTO PROPIO: A SECCIÓN DE XOIERÍA

Nos anos 70, Mimina emprende un novo proxecto no que vai ser determinante a súa creatividade e o seu impulso. É ela quen, con María Ripoll, pon en marcha a sección de xoiería de Sargadelos, que se convertirá en todo un referente dentro das actividades do grupo.

«Foi a creadora da xoiería en Sargadelos.


Ela ensinoume, era unha mestra estupenda»
 

[María Ripoll]


XD—María traballou moito con Mimina.

MR—Moitos anos, na xoiería. Ela foi a creadora da xoiería en Sargadelos, ao pouco tempo entrei eu a colaborar con ela e xa seguimos as dúas. Trasladamos o taller de Sargadelos ao Castro e aquí no Castro é onde comezou a crecer realmente porque tiñamos os xoieiros de Bergondo aquí ao lado. Mimina, antes de empezar coa xoiería, xa fixera para a fábrica unha colección de medallas que aínda se venden: unha árbore con paxariños…

Placas e pezas da sección de xoiería de Sargadelos, creada por Carmen Arias e María Ripoll


CDAgora están usándoas para colgar dos bolsos…

MRMimina empezou facendo esas placas, que tiveron moito éxito. Desas plaquiñas grandes fixo outras máis pequenas e empezou a montalas en prata.

CDCoas engrenaxes dun reloxo pequeniño facía esas formas.

XDQuen lle montaba as placas en prata?

MRPrimeiro foi Rajil, aquí en Samoedo, que despois tiña unha xoiería na Coruña pero tiña un taller aquí. Máis adiante empezamos con Malde, que tiña un taller en Santiago.

XDCando te incorporas con ela?

MREu penso que no 78. Ela viaxaba moitísimo con Isaac, non paraban en Sargadelos nin dous días seguidos, entón empecei eu con ela e así marchaba xa un pouco máis tranquila porque a produción non se paralizaba. Ela ensinoume, porque ensinaba de marabilla, era unha mestra estupenda. Eu facía as pezas e ela, cando chegaba, decoraba. Un par de días! E logo volvía marchar… Logo, cando viñemos para o Castro no 89, xa tiñamos unha produción moi grande, porque traballabamos con Malde e Rajil, e con José Luís Tamiz, de Gandarío. Chegamos a traballar con 5 talleres, porque a produción xa se fixo moi grande e variada.

XDA facturación da xoiería chegou a supoñer o 20% das vendas da empresa, a sección máis rendible da fábrica.

CDChegaron a vender cerca dos 100 millóns de pesetas ao ano.

MRRendible era, porque eramos as dúas nada máis. Pero a esa facturación había que restarlle o custo da prata, había que pagarlles aos talleres. Nós o que intentamos, Mimina e máis eu, era que Isaac nos deixara facer unha empresa de xoiería dentro da propia empresa. Eu púxeno en mans dos nosos asesores, pero foi imposible. Isaac debería ter medo dos outros socios, e mira que levabamos anos… parecíalle que era un privilexio, e deixounos así.

CDIsaac dicíalle: «Mimina, non te preocupes, que nunca che vai faltar de nada!»

MREsa era a palabra… e logo Mimina tivo unha enfermidade na vista, a mácula dexenerativa. Nos útimos anos traballaba cunha lupa incrible que tiña unha luz, e custáballe moitísimo traballo decorar. Traballou ata os 79 anos, despois continuei eu.

MPMimina aplicaba a súa capacidade creativa a actividades diversas: pintura, decoración de porcelana, deseño de xoias…

MRAdemais cosía moi ben e moi rápido.

XDTamén facía tapices, con deseños dela e de Isaac. En Ediciós do Castro, que publicou centos e centos de libros durante a súa existencia, hai un libro, só un libro, que ten a cuberta de Mimina: Mar Adiante de María Victoria Moreno. É bonita, ten un toque cinematográfico, unha especie de semipicado.

MRMimina era estupenda, moi botada adiante, moi traballadora

CDAxudou a Isaac ata que se meteu na xoiería e logo xa non tiña tempo para máis.

MRAcompañaba a Isaac a todas partes, pero ela sempre coa xoiería. Eu consultáballe, «Mimina que che parece se sacamos estas pezas novas?». E ela, «adiante!». Era unha entusiasta, era moi doado traballar con ela nese sentido. Isaac algunhas veces axudábanos un pouco, porque como era unha persoa xenial… Un día dixo «María, a ver se empezades a facer unhas plaquiñas moi pequenas, e xa veredes como se poden facer máis deseños con plaquiñas pequenas», e efectivamente!

 

Mar adiante, de Mª V. Moreno, con capa deseñada por Carmen Arias de Castro

Imaxes cedidas por Camilo Díaz


ANFITRIOA NO EPICENTRO CULTURAL DE GALICIA

 

Nunha Galicia pechada ao mundo, coa súa identidade propia e a súa lingua relegadas á marxinalidade pola ditadura, o Castro funcionou durante décadas como un potente motor cultural. Como un vínculo co pasado anterior á guerra e cos proxectos truncados en 1936. Naquela realidade gris, o Castro foi unha fiestra aberta ao mundo, unha porta a un futuro máis libre e con conciencia de país.

XDUnha das facetas bonitas de miña nai foi a de anfitrioa. Meu pai traía moita xente aquí,  sobre todo de Arxentina, non só exiliados que retornaban senón amigos de Seoane. Xente moi importante e moi interesante, e Mimina era a que os recibía, os atendía.

CDDáballes de comer, durmir

MRLevábaos a visitar os arredores no seu coche. Lorenzo Varela estivo aloxado aquí, Blanco Amor pasaba temporadas...

«Mimina era moi creativa, moi botada adiante»

XDNese ínterin fíxose moi amiga de Maruxa Seoane. Tiveron unha amizade moi grande, e con Carmen Dieste, pero sobre todo con Maruxa Seoane. Era un libro precioso recoller toda a xente que pasou por aquí: escritores, filósofos, músicos, de todo. Xente impresionante: Maiztegui, Horacio Cóppola, Granell…

Mimina, Isaac e Manolo Ben no balneario de Magdalena en 1960.

Imaxes cedidas por Camilo Díaz


OS ÚLTIMOS ANOS: DECEPCIÓNS E REENCONTROS

Medio século despois do nacemento de Cerámicas do Castro, Isaac era apartado da dirección do Grupo Sargadelos por varios accionistas que decidiran mudar o rumbo da empresa. A reconversión dunha industria cultural, cunha vocación que ía moito máis alá da obtención de réditos económicos, implicaría o peche ou desmantelamento do Museo Carlos Maside, Ediciós do Castro, o Instituto Galego de Información… Proxectos nos que Isaac e Mimina investiron toda
unha vida de traballo.

MP—Como vive Mimina a deriva das empresas nos últimos anos?

XD—Un drama, dálle moita magoa, sempre se está magoando de Isaac, de que acabara así os seus días, apartado, traizoado polos seus socios. Case ás veces incluso perdía un pouquiño a cabeza.

CD—Ela participou en todas as homenaxes que se lle fixeron a continuación. Velo apartado, levouno moi mal.

«O Castro para Mimina era o centro do mundo, moito mais que A Coruña ou Sargadelos»

XD—Si, porque nos últimos anos a miña nai converteu ao meu pai nunha especie de Deus. Era unha adoración absoluta. Nos últimos tempos aínda se dedicaba a recoller todo: libros, artigos, fotos de todo tipo, incluso inventariou todas as cousas que tiña na casa…

CD—Antes Mimina tivera certa crítica con Isaac cando repartía as empresas, porque ela dicía que había que meter os fillos tamén un pouco. Pero Isaac non quería, polo que dirán, que non dirán…
XD—Era o labor exemplarizante del. El tiña unha frase que era «O único privilexio que teñen os responsables é o de dar exemplo».
CD—Ela foi crítica, continuamente. Os curtocircuítos que había entre eles dous eran por esa razón. Mimina dicía que era importante que a familia tivera tamén máis participación, que non repartira a trochemoche as cousas, ata que pasou o que pasou.
CD—E Mimina dicíalle, «Ves Isaac, eu dicíache que había que facer así»… «Non mo lembres máis, con que mo digas unha vez chega».
XD—Foi un drama tremendo para ela.
CD—Da noite á mañá, o marido, Camilo, Xosé, todos á rúa. Eu tamén era administrador, levaba 15 anos na administración. A min estivéronme acosando ata que me botaron.
XD—Os últimos tempos foron moi tristes.
CD—Foi moi triste para todos, para Mimina, para nós, para todo o mundo. Eu aguantei ata que fixen os 65 anos, pero estiven ano e medio de baixa por acoso moral. Tiven varios xuízos, cinco preitos laborais dos cales gañei os máis importantes.
MR—O único bo, que isaac volveu ao final para a súa casa, estivo coa súa familia ata que morreu, nese sentido… polo menos volveu. Foi como unha volta atrás.
XD—Facía vida no estudio del.
CD—Os últimos dous anos antes de morrer viviron xuntos. No 2006 bótano de Sargadelos e no 2010 ou 2009 césano no IGI de Santiago, onde vivía. E é cando volve ao Castro.

[arriba] Practicando unha das súas maiores afeccións: a música nesta imaxe] Modelo AB1 de Sargadelos, con decorado deseñado por Mimina.

Imaxes cedidas por Camilo Díaz / LPC-MPL

MR—Vivía na casa familiar e logo traballaba no seu estudio, ata que faleceu en 2012.
CD—Mimina desgustábase moito porque Isaac, para sobrevivir –porque quedou practicamente na miseria, cortáronlle o subministro de todo tipo– vendía algún cadro. Isaac erguíase moi cedo, ás 7 da mañá, sen que ninguén se enterara, collía un cadro, levábao para o seu estudio e dáballo ao marchante.
XD—Isaac desde 2006 quedou sen nada, viviu de ir vendendo obra, foi moi dramático.
MP—Que significaba o Castro para Mimina?
XD—Era o centro do mundo, moito máis que A Coruña ou Sargadelos.
CD—Uns días antes de morrer, pediunos a nós que o día que morrera quería que botásemos as cinzas na ría de Sada. E fixémolo.

Deseños de Cerámicas do Castro característicos da inventiva de Carmen Arias.

LPC-MPL

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *