XOSÉ DÍAZ LEMBRA OS SEUS PAIS: MIMINA ARIAS DE CASTRO E ISAAC DÍAZ PARDO

Neste día do centenario do nacemento de Mimina Arias de Castro, rescatamos este artigo do seu fillo Xo´se Díaz publicado no blog “Unha manda de pezas para Isaac

Xosé Díaz achega un texto fermosísimo no que lle dá voz e presenza á eterna compañeira de Isaac, Mimina, persoa tamén formada en artes mais sempre ao carón do seu marido, nos bos e nos malos momentos. Porque eles -pais de Camilo, Rosendo e Xosé Díaz- deben ser tidos en conta no seu conxunto e asemade en particular, na unidade e no persoal de cadaquén. 

Desta volta dende o Alento Esbravexo non imos comentar o texto, pois este xa todo o ofrece. É preferíbel entregarlle directamente a palabra a Xosé Díaz para que informe con minucioso detalle. 

Iso si, non queremos desaproveitar a ocasión para lle agradecer -con sinceridade- tres aspectos: en primeiro lugar que gustase de colaborar co documento textual que abaixo se reproduce así como con esoutros gráficos (debuxo e fotografía) que acompañan as súas palabras; en segundo termo, que tivese a ben querer contar connosco, co Alento Esbravexo, para homenaxear a persoa tan excepcional como foi Isaac Díaz Pardo; e por último, por entregar tan emotivas e imprescindíbeis reflexións co obxecto de rescatar a imaxe doutra persoa non menos necesaria, Mimina. 

Beizóns e Memoria!!

Imaxe: Mimina debuxada por Isaac Díaz Pardo nos seus anos mozos

MIMINA, A MULLER DE ISAAC DÍAZ PARDO

Foi a eterna compañeira de Isaac, nas boas e nas malas, a cuxa causa se entregou en corpo e alma. E colaboradora e sostén de moitos dos proxectos do seu home. Nacera en 1921 na Coruña e principiou a estudar pintura no obradoiro da cidade vella coruñesa de Lolita Díaz Baliño, coa que traballou como axudante nas súas clases na Escola de Artes e Oficios coruñesa. No obradoiro de Lolita coñece ao seu sobriño, un tal Isaac Díaz Pardo que debuxaba e pintaba coma un mestre do renacemento. Isaac axiña se vai a Madrid onte fai Belas Artes e comeza unha carreira exitosa de pintor. Por influenza de Lolita, Mimina comeza a estudar a carreira de Belas Artes en Madrid. Era unha moza que tiña, tamén, enormes aptitudes para a pintura que, máis adiante, serán dunha gran axuda para os proxectos de Isaac. En Madrid —estamos a falar dos primeiros anos coarenta—, como xa apuntamos, está o seu mozo, e o pai da aspirante a pintora non ve con bos ollos que estean xuntos tan lonxe, de maneira que deciden casarse para poder emprender o camiño sen impedimentos. Isto ocorre en 1945 e tres anos máis tarde deciden instalarse en O Castro de Samoedo, no concello de Sada, para iniciar a aventura cerámica de todos coñecida, que continuaría na Arxentina nos anos cincuenta e en Sargadelos, a partir dos anos sesenta. Foi nestes emprendimentos industriais e culturais onde o labor de Mimina foi fundamental, pois tanto aquí como no outro lado do Atlántico, foi ela a que organizou e puxo a andar os obradoiros de decoración das fábricas de porcelana. En Sargadelos creou Mimina, xunto coa súa nora María Ripoll, o obradoiro de xoiería, que se coverteu nunha exitosa sección que contribuíu a aumentar o prestixio da cerámica da Mariña luguesa, e que continuaria ata despois da súa morte en 2013, poucos meses despois da desaparición do seu home. Non se entende a vida e a obra de Isaac sen a colaboración da súa esposa, nas duras e nas maduras, pois foron moitos os avatares que xuntos lograron superar, e moitos os esforzo, renuncias e xenerosidade para que os múltiples proxectos de Isaac chegaran a bon fin. Mimina sacrificou moitas das súas capacidades e talentos artísticos para axudar á materialización dun proxecto único no panorama galego do século XX, non só polo que xa apuntamos como artífice dos obradoiros de decoración e xoiería, senón por toda a súa labor titánica para conservar a memoria do seu home, arquivando e documentando todo labor de aquel mociño cheo de inquedanza, vontade e compromiso que coñecera nun obradoiro de pintura coruñés da cidade vella, onde deu comezo esta historia que hoxe lembramos nestas cativas, pero emotivas, liñas.

Xosé Díaz


Mimina e Isaac (Sada 1944)



Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *