Neste 2021 o Concello de Sada quere conmemorar o centenario do nacemento de Carmen Arias de Castro, “Mimina”, figura senlleira e fundamental na historia da Galiza do século XX e Filla adoptiva de Sada.
Toda Galiza en xeral, e Sada, en particular, teñen unha débeda con ela e co seu fogar, o Castro de Samoedo, pois ela foi a muller que iluminou, desde o fondo, ese fogar para todos nós e hoxe resulta imperativo o recoñecemento, a reparación e a xustiza que a súa persoa e traballo merecen, e, así, alimentarmos o lume que ela acendeu hai xa moito tempo.
O Concello de Sada ten o deber de dar a coñecer á Mimina cofundadora de Sargadelos, á Mimina mecenas, á Mimina innovadora, á Mimina deseñadora, á Mimina artista, á Mimina audaz, á Mimina comprometida… á gran muller que aparece sempre ligada ao seu home, Isaac Díaz Pardo, cunha fidelidade e lealdade tales que fixeron que a súa propia traxectoria ficase nunha inxusta invisibilidade que, o máis axiña posible, debe ser reparada.
É hora de que as boas palabras se traduzan en feitos, de que as mans deste Concello falen, e o mellor xeito de honrar a quen tanto lle deu a Sada e devolverlle a luz ao legado que nos deixou. O feito de que Mimina soubese traballar coma ninguén no escuro, de que soubese manexar coma ninguén os silencios, non pode condicionar que esa lousa de silencio e escuridade dominen unha traxectoria e un universo que, moi ao contrario, estiveron e estarán para sempre repletos de luz e compromiso.
O 1 de Novembro de 2013 finaba Mimina no Castro de Samoedo. O Concello de Sada asume a responsabilidade de manter acesa a luz que ela, canda o seu home Isaac, nos legou para que as vindeiras xeracións nunca esquezan esta figura determinante da historia de Galiza. E pode ser certo… Ás veces, detrás dunha gran muller hai un gran home. Mais sempre está alá, ao fondo, esa outra muller miúda que cala tanto.