O SETE

 Xoanseca

Ilustración orixinal de Eduardo Seoane Riveira


Ostras, e agora que demos fago!

Andaba na procura dun lugar de especial fermosura nas beiras do río Mandeo do que oíra falar, pero quedei atoado nunha corredoira dos montes da zona. O meu Citroën 2 CV non andaba nin para adiante, nin para atrás. Non era un problema mecánico, senón de espazo e de tracción. Estaba só, non me quedaba máis remedio que botarme ao camiño e buscar a alguén que me puidese axudar. O único temor que tiña era que se me botara a noite enriba, aínda que de momento tiña bastante marxe. Optei por seguir cara a adiante.

Malo será que non viva alguén por aquí!

Logo dunha pequena costa, cando vin terras aradas e unhas vacas pastando nun prado, souben que estaba preto dalgunha casa e sentinme aliviado. Efectivamente, dende o alto enxerguei a casa típica de aldea, construción de pedra, aínda que recebada con cemento nalgunhas zonas. As cortes feitas de bloque. Tiña un hórreo sobre cepas de pedra, o corpo de madeira coas doelas feridas polo paso do tempo e o tellado a dúas augas de tella do país. No medio da eira, un tractor.

Nada máis achegarme levei un susto tremendo cando un can se me botou enriba ladrando ameazadoramente. Cando máis medorento estaba e o corazón me batía con máis forza na caixa do peito, un home achegouse cara a min berrándolle con firmeza ao can:

Lisca, Moro!

O can obedeceu ao momento.

Non se preocupe, non fai máis que o seu traballo, sabe. Ladra para darme aviso de que alguén estraño chega, pero non traba.

Seica se perdeu?

Máis ou menos. Quedei atrancado co coche aí arriba, nunha corredoira, e veño pedir axuda para poder sacalo.

Agarde un anaco, collo as chaves do tractor e miramos a ver –agora o seu ton demostraba seguridade; sen dúbida sabía que facer.

Alá fomos. Foi a primeira vez que montei nun tractor, toda unha experiencia que nunca máis repetín ao longo da miña vida polo ben dos meus cadrís. 

Como se lle ocorre meterse co coche por estes camiños, están pensados para os carros, home!era a súa maneira de dicirme que era parvo. Seguramente pensaba que era un señorito da cidade. E mordín a lingua.

Logo de botarlle un ollo ao coche, atoulle unha cadea ao gancho e remolcouno ata un lugar no que puiden dar a volta.

Agradecinlle moito a súa axuda e tamén a súa amabilidade. Dinlle a man e apertouma con firmeza. Malia ter os dedos finos e largos eran mans curtidas polo traballo. 

Tranquilo, oh, para iso estamos. Agora teña coidado de non se perder. Ao chegar ao cruzamento dos camiños colla o da dereita e sígao ata que chegue á pista asfaltada. Despois da ponte xa decide para onde quere tirar, se para Irixoa ou para Aranga.

Non quere botar un pito antes de marchar?

Díxenlle que non, que deixara o tabaco había uns anos. El confesoume que ese era o único vicio que tiña; ben, ese e botarlle un bo chisco de caña ao café. Despedímonos e volvín para a casa.

Na viaxe de volta non podía sacar da cabeza a imaxe daquel home. Tería a miña idade, máis ou menos, pero estaba máis avellentado. Era alto, con brazos moi longos e nariz afiado. Levaba pucha e tiña bigote. Vestía un pantalón de pana gastada con remendos á altura dos xeonllos e un xersei de la. Nin sequera lle preguntei o seu nome.

Dende que deixei atrás Irixoa de volta xa para a casa comecei a obsesionarme con el. Sabía que o coñecía de algo, pero non me lembraba de que.

Pero, de que o coñezo eu?-non paraba de preguntarme.

Ao pasar por Betanzos, xusto por diante do instituto, viñeron á miña memoria lembranzas de neno. Acordeime do meu primeiro día de clase. Atrás quedaran os estudos de primaria e as escolas de San Francisco. O novo centro era moderno, amplo, luminoso, cun gran vestíbulo onde destacaba un inmenso mural e unhas enormes escaleiras en curva que nos conducían ás aulas.

Iniciaba o primeiro curso de bacharelato elemental, era o número oito do grupo B. En total eramos corenta e dous rapaces; as rapazas estudaban no instituto feminino que se atopaba no centro da vila. Estabamos sentados en filas de  seis coas mesas separadas, atrás quedaban os vellos pupitres  co taboleiro inclinado e o burato para colocar o tinteiro.

Había un profesor por materia e tamén moitos rapaces de fóra da vila, xa que o noso era o único instituto de ensinanza media en toda a redonda. Dese xeito alí coincidimos, ademais dos de Betanzos, que xa nos coñeciamos todos, alumnos de Curtis, Abegondo, Sada, Cesuras e demais lugares da bisbarra.

A primeira clase que tivemos foi a de Ciencias. Logo de se presentar, o profesor foinos preguntando por orde de lista quen era cada un de nós. Así nos levantabamos e diciamos para toda a clase o noso nome e apelidos e de onde eramos.

Non coñecía ao compañeiro que estaba xusto antes ca min, de Betanzos non era. Estaba moito máis medrado que calquera de nosoutros. Delgado, de pernas e brazos largos e unha cabeza pequena na que destacaban por enriba de todo o seu corte de pelo cunha perrera recta e os primeiros pelos dun bigote a piques de se poboar. Estaba vestido co que semellaba ser o seu traxe de festa, un pantalón e unha chaqueta gris do mesmo pano. Levaba tamén unha camisa branca e un reloxo de correa de coiro no seu pulso dereito. Os zapatos, limpiños.

Cando lle tocou presentarse, ergueuse e timidamente e con voz xa de garrafón dixo:

–O sete.

Todos os compañeiros se botaron a rir, incluso o profesor se mofou da situación. Eu non, a min non me fixo ningunha graza, todo o contrario. Sentín moita mágoa polos risos e as burlas de todos cara a el.

Despois das burlas, o profesor preguntoulle polo seu nome. Con máis timidez aínda que antes dixo unicamente:

–José Antonio- e sentou avergoñado, coa cabeza baixa.

Traguei saliva antes de me erguer e presentarme. Nada máis dicir o meu nome e apelidos, o profesor preguntoume se tiña algún irmán no instituto. Ao responderlle que si xa se adiantou e citou os seus nomes dicíndome que tomase exemplo deles.

No recreo todos se mostraban exultantes comentando que profesores lles tocaran, se lles caían ben ou mal… Un compañeiro do meu grupo contou a anécdota do sete; todos botaron a rir outra vez. Eu afasteime e decateime de que el estaba só, de pé pegado á parede do patio cuberto máis próximo á entrada, como se non quixese aventurarse a coñecer todos os recantos que o espazo exterior nos brindaba. Estaba comendo un bocadillo que sen dúbida xa traía preparado da casa. Tocou o timbre e todos volvemos para as aulas. Destas primeiras clases non recordo moito máis. 

A segunda semana tivemos que facer os equipos de competición para as clases de «Ximnasia». A min nomeáronme capitán dun dos equipos polo que tiven que elixir os compañeiros que ían integrar o meu para competir a fútbol, baloncesto e voleibol. E elixín a José Antonio en primeiro lugar causando o pasmo entre todos os demais capitáns, xa que non tiña pinta de ser un bo xogador, mais ben todo o contrario. Ao final da elección só coñecía da escola primaria a un dos que me acompañarían nas competicións internas, os outros non eran de Betanzos.

No primeiro partido de fútbol demostrouse que José Antonio non xogaba ben ao fútbol, pero iso non importou porque os outros  compañeiros resultaron ser uns fenómenos, polo que comezamos ben o campionato. O mesmo nos pasou en baloncesto, aínda que aquí a súa envergadura nos viña moi ben á hora de collermos os rebotes.

O feito de estar no meu equipo permitiume charlar de cando en vez con el. Souben que era dun lugar de cuxo nome non me lembro da parroquia de Churío, no concello de Irixoa, a uns quince quilómetros da vila. Era fillo único e os seus pais, labregos, tivérano xa de maiores.

Viña ao instituto en autobús de liña regular, o cal supoñía que tiña que madrugar bastante máis ca nós, ademais tiña que andar uns dous quilómetros dende a súa casa á parada. Ao mediodía quedaba a xantar na casa dunha tía maior e solteira que vivía nunha das calexas da costa dos Ferreiros.

O curso foi pasando. Acabamos ben en baloncesto e voleibol e gañamos a fútbol. El non aprobou todo e xa non veu ao instituto o curso seguinte.

Supoño que os pais decidiran que facía máis falta na casa, atender as leiras e as vacas cada vez lles resultaría máis complicado. Supoño que o seu futuro estaría ligado á terra, como no presente o estaba para os seus pais. Nunca máis souben del.

Estaba a piques de chegar de volta á casa xusto cando caín na conta:

–Claro, por iso se me facía tan coñecido!

Con certa satisfacción pensei que José Antonio acababa de saldar unha pequena débeda contraída cando estudaba primeiro de bacharelato.

 

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *