Os colectivos agrupados na IGM estarán representados por Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo nesta nova loita contra a impunidade franquista, perpetuada nunha sentenza que obriga a indemnizar os Franco e branquea o espolio da ditadura.
O manifesto “Volver pagar polo roubado: unha sentenza inasumible para un Estado democrático” conta xa con 3.000 sinaturas e o respaldo de máis dun cento de colectivos do país e tamén de Euskal Herria, Madrid, Catalunya ou Andalucía.
A Iniciativa Galega pola Memoria vén de solicitar reunións co delegado do Goberno, Javier Losada; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e as persoas voceiras dos grupos presentes no Parlamento galego, o popular Pedro Puy, a nacionalista Ana Pontón e o socialista Gonzalo Caballero; ao obxecto de transmitirlles a necesidade de que tanto o Estado como a Xunta presenten recursos contra a sentenza que obriga a indemnizar os Franco para recuperar Meirás, e que inclúe un relato compracente co ditador que suporía branquear e perpetuar a extorsión económica do franquismo.
A coordinadora da IGM decidiu por unanimidade que actúen como voceiros seus nos asuntos relativos a Meirás, os propios investigadores impulsores do proceso de recuperación do Pazo, Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, que forman parte da plataforma como integrantes da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo. Ademais, trasladou a ambos o total apoio da Iniciativa á nova batalla que emprenderon e que se materializou na realización do comunicado ”Volver pagar polo roubado: unha sentenza inasumible para un Estado democrático”, que conta xa con 3.000 sinaturas e o apoio de máis dun cento de colectivos do país e tamén de Euskal Herria, Madrid, Catalunya ou Andalucía. (https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSeDPWrXQIdJsJvYxUVB7fpQVvz7WoG__PQr_GGHLgIMtG0bVg/viewform?fbclid=IwAR1jGQndRg-kbFO9Pl0uT82PrNkMD4PW4VteGB7UaLlN8zlfLX7Cd5jm3Ik)
Na solicitude de reunión, lémbrase que a recuperación de Meirás para o desfrute público foi “a culminación dunha reivindicación que se caracterizou pola divulgación de investigacións históricas e a suma progresiva de vontades, coa construción de consensos determinantes para acadar a finalidade que se perseguía”. A sentenza da Audiencia Provincial da Coruña suporía un paso atrás que é imprescindíbel reverter para que, como recolle a solicitude, o Pazo de Meirás poida converterse “nun símbolo de entendemento, de ruptura co franquismo, de afondamento nos valores democráticos que deben caracterizar á nosa sociedade e ás nosas institucións”. Entenden desde a IGM que non se pode “dar por acaída aos intereses públicos unha sentenza que branquea á figura do ditador e pon en dúbida os procesos represivos cos que o Pazo chegou a mans de Franco”.
Neste senso, a IGM trasladou durante a última reunión da Xunta pro devolución do Pazo, os seus parabéns á Deputación da Coruña, Concello de Sada e Concello da Coruña, pola súa decisión de recorrer o fallo aínda conscientes das poucas probabilidades de admisión e estimación deste tipo de recursos ante o Supremo, que se verían agravadas pola renuncia a recorrer do principal actor no proceso xudicial, o Estado. A IGM entende que recorrer a sentenza é a única opción defendíbel nunha democracia. De aí que a loita de Babío e Pérez Lorenzo para conseguir que o goberno estatal modifique a súa decisión e recorra a sentenza, conte co unánime e absoluto respaldo do movemento memorialístico representado na IGM.