MEIRÁS, UN ESPAZO PARA A APRENDIZAXE

Un artigo do noso compañeiro Manuel Pérez Lorenzo que publica hoxe o diario La Opinión de A Coruña.

Pasado, presente e futuro son planos no tempo que se retroalimentan. Se o momento no que vivimos é produto do que nos precedeu, os relatos que construímos para explicar o pasado teñen moito que ver co presente desde o que se elaboran. Os historiadores e historiadoras eliximos os aspectos que queremos estudar e facémolo condicionados polo contexto no que vivimos e polos medios —documentais, por exemplo— dos que dispoñemos. Por outra parte, as mulleres e homes de hoxe vivimos no pasado dun futuro que estamos a construír. Os nosos actos, todos, teñen consecuencias.

O Pazo de Meirás é un bo exemplo de todo isto. De como as investigacións históricas conseguen mudar o relato predominante sobre o pasado. Esa idea da ofrenda voluntaria a Franco, unha creación emanada da propia propaganda do réxime. Un exemplo de como a mobilización social e o traballo constante rematan por vencer oposicións, sumar axentes e propiciar consensos imposibles. Velaí unha reivindicación que nace da percepción dunha inxustiza histórica, coa vocación de transformar a realidade presente. Un exemplo de como se dita unha sentenza xudicial que atende ao contexto dos feitos que está xulgando. Os mesmos procedementos, prácticas e actitudes non son análogos se se producen en ditadura ou en democracia. Un exemplo de como o debate en torno aos seus usos futuros está condicionado por estratexias políticas do presente pero, ao mesmo tempo, propicia a reflexión sobre o pasado. Aí está a discusión pública acerca da idoneidade de Pardo Bazán como referente moral ou do peso que a escritora e o ditador deben ter no discurso que explique o edificio.

Ese é o valor do conxunto conformado polas vellas Torres de Meirás e a finca na que se asentan. O seu carácter representativo de tantas cousas, de tantos tempos que se suceden, de tantos acontecementos relevantes. Fortaleza erguida na Galicia das loitas señoriais. Residencia característica da fidalguía dos pazos. Creación arquitectónica, fogar e espazo creativo de Emilia Pardo Bazán. Lugar con connotacións reaccionarias, ligado a insurreccións golpistas triunfais e fracasadas nos anos 20 e 30. Atalaia que presenciou un conflito campesiño na II República con proxección en toda a prensa escrita do Estado. Epicentro político da ditadura de Franco durante case catro décadas, como residencia de verán do ditador. Un dos símbolos principais da impunidade do franquismo nas catro décadas seguintes. Referente, agora, do que pode ser a quebra con ese tempo que nos ata.

Aí está o seu potente valor pedagóxico. Para entendermos un pasado que, en boa medida, nos determina. Queiramos ou non. Un pasado que debemos coñecer, coas ferramentas que a historia nos proporciona, para sermos máis libres. Para decidir cales queremos que sexan os nosos referentes e que episodios debemos evitar que se volvan repetir. O Pazo de Meirás, se se consolida como un edificio vivo, con actividade permanente, pode ser moi útil como elemento dinamizador a nivel económico e cultural. Pero tamén como espazo para a aprendizaxe. Ese debe ser o papel, tamén protagonista, tamén relevante, que o futuro lle depare. Agora estamos a vivir o pasado dese futuro. E temos a oportunidade de construílo.

Manuel Pérez Lorenzo é historiador y coautor do libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *