CONVERSA CON ISAAC DÍAZ PARDO CO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS E AS CIENCIAS AO FONDO

 

Compartimos con vos este artigo de Xosé A. Fraga que publica hoxe o diario La Opinión de A Coruña e que consideramos de interese:

Episodios da cultura científica

O pasado 2020 cumpríronse cen anos do nacemento dunha figura esencial na Galicia da segunda parte do século XX, Isaac Díaz Pardo.

Lamentablemente, a pandemia COVID-19 desluciu os eventos previstos para o seu merecido recoñecemento. Agardemos que a exposición que sobre el se inaugurou no Gaiás a primeiros de novembro amplíe o período de apertura previsto (remata o 4 de abril) e que os galegos e galegas podamos gozar da mesma. Polo que a min respecta, con este breve texto quero renderlle unha modesta homenaxe a ese galego exemplar.

1936: a dobre traxedia para Isaac

Se o golpe de Estado de xullo de 1936 e a conseguinte Guerra Civil alteraron traxicamente a vida de moitas persoas, para a existencia de

Isaac tivo un especial efecto. O mozo de 15 anos, cumpría os 16 en agosto, afrontou unha orfandade dramática, co asasinato do pai, por ser galeguista, e coa nai trastornada irremisibelmente polo acontecido. Porén aí non rematou a cousa, Isaac era un activo militante da Juventud Socialista Unificada (JSU) de Compostela, unión das mocidades do PSOE e PCE, e necesitou agacharse; veu para Coruña a casa do seu tío Indalecio. Os bárbaros non acabaron con el. Nunca poden acabar con todos e dedicou a súa vida a facer o que eles viñeran a destruír: erguer proxectos culturais, establecer empresas desde aquí; dignificar o país. E non esqueceu, foi pioneiro na memoria democrática.

O perfil singular de Isaac tamén se aprecia no seu compromiso co exilio galego. En Arxentina puxo en marcha unha fábrica de cerámica, a de Magdalena, e estableceu unha irmandade con persoas coma Luis Seoane e Antón Baltar. Cando volveu, con el tamén viñeron proxectos xurdidos naquel mundo e xa para sempre actuou como embaixador e anfitrión dos amigos que tornaban. Cómpre subliñar ese vínculo, porque ao exilio galego de esquerdas non sempre se lle acolleu con entusiasmo por parte do galeguismo que permaneceu no país.

Unha ollada peculiar

O artista dotado dun talento singular foi quen de converterse en promotor industrial e cultural. Fíxoo situando a Galicia como o elemento prioritario e xerando un diálogo frutífero entre o popular e as vangardas artísticas. Ademáis, non ficou na especulación, afrontou proxectos pola súa conta, de forma independente e con integridade; tamén nesas cuestións foi especial.

O percorrido de Isaac ofrece relevantes éxitos mais tamén fracasos; o derradeiro foi o que lle supuxo a perda de control do grupo Sargadelos e Cerámicas do Castro en 2006, por confiar en quen non debía. Non obstante, como vimos, xa partía dun trauma persoal e viviu unha parte substancial da súa vida nun contexto ditatorial. Probablemente esas duras experiencias xeraron nel un certo desacougo persoal e rebeldía social; tamén unha disposición cultural moderna, insatisfacción co acadado, en evidente contraste co conservadorismo intelectual dunha parte das elites galegas. O afouto Isaac foi un resiliente. Con enorme confianza en si mesmo, as dificultades servíronlle de estímulo creativo. Estou convencido de que se o que lle pasou ao remate da vida ocorrera antes, sorprendería a todos cun novo proxecto.

Durante décadas substituíu ás institucións que non cumprían coa súa responsabilidade, ou non existían, na promoción cultural, edición de libros, organización de exposicións e eventos, artellamento de grupos, etc. Cómpre agradecer a súa xenerosidade pois todos tíñamos aberta a porta do seu despacho. Amosábase moi receptivo ás propostas, mesmo aceptando algunhas dubidosas e soportando vaidades tan frecuentes no gremio cultural. Ademais, realizou labores de mediación e sempre estaba disposto a botar unha man, exercendo, como el dicía, de “limpamerdas” e “templagaitas”.

Co Seminario de Estudos Galegos

O SEG fora constituído en outubro de 1923 como centro de investigación e divulgación por mozos universitarios preocupados pola desatención dos medios académicos do momento ao estudo da realidade do país. A raíz do golpe de Estado de 1936 foi eliminado e moitos socios resultaron asasinados, represaliados ou tiveron que exiliarse. Isaac foi quen promoveu a súa recuperación coa volta da democracia. O novo SEG naceu o 28 de xullo de 1978 no auditorio do Museo do Pobo Galego, seguindo o modelo da vella institución pero facendo fincapé no coñecemento dos recursos produtivos do país, nas áreas científicas e no labor interdisciplinario. A actividade realizada nuns trinta anos foi importante, con numerosas iniciativas e case duascentas publicacións.

Coñecía algo a Isaac pero o meu trato con el tivo lugar a raíz da creación do Grupo de Historia das Ciencias no seo do Seminario (SEG). O 20 maio 1987 estivo no acto constitutivo do colectivo nas instalacións de Cerámicas do Castro (Sada), mesmo exerceu de fotógrafo do evento. Desde ese momento, na medida en que asumín a coordinación do Grupo e Isaac era o secretario da Xunta Reitora do SEG (presidida por Francisco Díaz-Fierros) coincidimos en diversas actividades e xuntas. Tamén asistiu a algunha das reunións que o Grupo de Historia das Ciencias tiñamos nos locais da Galería Sargadelos en Santiago. Do labor deses anos xurdiu o Dicionario de científicos galegos, unha colección de monografías e a revista Ingenium. A principios deste século o SEG foi esmorecendo, coma o propio Isaac. Paco Fierros, Alfonso Mato e eu continuamos o traballo arredor da Historia das Ciencias no Consello da Cultura Galega, presentando en marzo de 2012 o Álbum da Ciencia.

Conversa final

O 22 de abril de 2008 fun falar con el ao lugar onde nese momento traballaba, o Instituto Galego de Información (IGI), situado no Monte do Gozo de Santiago. Un singular edificio pensado como sede dun xornal que non chegou a nacer. O que se visualizaba na gran sala central desocupada, destinada á maquinaria de impresión, coa que o visitante se atopaba ao acceder ao interior. Un baleiro que sempre me causou unha certa sensación de desolación, desacougante impresión que nesa visita vivin de forma máis pronunciada.

Isaac, no proceso da traumática perda da propiedade, estaba —naquela especie de castelo abandonado— en medio dun conmovedor silencio, no piso superior, no que permanecían os últimos “casteláns”, unha persoa que atendía a intendencia e algún colaborador. Achegueime a el co respecto que sempre me inspirou e cunha enorme sensación de tristeza. Aquel vello con digno porte porén con aire desvalido era unha das figuras máis relevantes que deu Galicia e non merecía rematar a súa vida pública dese xeito.

Recibiume afable, rodeado de papeis, arquivos e carpetas; vestido ­coa súa habitual modestia. Posou con naturalidade para a fotografía que fixen e que acompaña este episodio, coa súa ollada intelixente e directa malia o brillo apagado. Como adoitaba facer, facilitou a charla. Non establecía barreiras mais sempre tiven a impresión de que unha parte do seu ser quedaba “fóra” nas conversas, nas reunións; observando a certa distancia.

Comezamos falando do vello Seminario, da novidade que supuxo o seu labor a prol do coñecemento ao servizo de Galicia. Isaac, neno daquela, tivera coñecemento do SEG polo seu pai, Camilo Díaz Baliño, quen era membro e colaboraba en numerosas actividades; por el coñeceu a moitos dos que formaban parte do Seminario. Díxome que conservaba clara na memoria a vez que foi co pai ata o salón artesanado de Fonseca para instalar a escultura Nai de

Eiroa. Salientou: “O SEG era un proxecto, unha idea, pero tamén un sentimento”, unha afirmación que repetiría ao longo da conversa. Coidaba que no tempo do vello Seminario houbera un maior e máis xeneroso compromiso das persoas implicadas: “Coido que aquel espírito de desinterese non existe hoxe”. Algo que tamén estendía á II República, que tivo “moitas virtudes, desenvolveu moitas cousas, foi un momento de entusiasmo”. Asemade, reiterou outra idea, a da necesidade de darlle continuidade aos proxectos; laiouse de que aquel SEG e aquela República duraran poucos anos. No momento da conversa, 2008, Isaac mantiña certa esperanza de que o goberno bipartito da Xunta favorecera a creación dunha fundación que recollera o labor do Seminario, vello e novo. Comentoume que lle propuxeran que levara o seu nome pero el prefería o de Fundación SEG. Pregunteille se era optimista co proxecto e respondeume —rindo— co humor que nunca o abandonaba: “Tino, teño moitos anos, moi optimista non podo ser”. Levaba razón, polo da idade e polo fracaso do proxecto.

Insistiu na necesidade nestes tempos dunha entidade como o Seminario, “unha institución típica para servir a un pobo”. Coidaba que precisamos de todas as ferramentas posibles para defender a nosa identidade cultural. “Ata hai ben pouco levábamos séculos sendo un condado de León, abandonados; iso desfai a un pobo, unha conciencia. Conservamos o galego nas fendas, onde non puido chegar a desfeita”. Por iso entendía que precisamos persoas comprometidas co pais e institucións que sexan referencia moral e intelectual, e tamén útiles.

Amosouse preocupado pola hexemonía do castelán entre a mocidade e reflexionou sobre a situación actual do idioma, “quérese defender o galego pero como as demais cousas non están defendidas, o galego está desaparecendo”. Isaac sempre contemplou o tema da lingua en relación cos nosos intereses materiais. Nese sentido, defendeu o papel do Seminario favorecendo a coordinación de iniciativas de estudo científico, algo que consideraba que as universidades galegas non sempre fan, e actuando como estímulo para unha investigación ao servizo do país, “de que serve a Ciencia se non é para servir ao ser humano?”. Tamén tivemos un momento para falar da terra do seu pai, Ferrol, da importancia do patrimonio arquitectónico da Armada de tempos da Ilustración. Reparou na esqueira do edificio da Sala de Armas: “é a mellor que hai en Galicia”.

Repasamos o labor do Grupo de Traballo de Historia das Ciencias. Lembramos algunhas reunións en Compostela, as conversas polo Diccionario, a súa presenza na presentación en 1989 do primeiro número da revista e das monografías, a asistencia en 1999 ao Congreso de Pontevedra da Sociedad Española de Historia de las Ciencias. Tamén a súa participación na presentación en Santiago do primeiro tomo do Dicionario en 1993 e a do segundo, en 2005, na Coruña, ou mesmo o acto de facer pública a publicación sobre os naturalistas no castelo de Santa Cruz, no Ceida (2001). Sobre o Diccionario de científicos subliñou a importancia de coñecer o pasado para entender que tamén a Ciencia ten raíces. Esa idea de conectar o presente co pasado era algo básico na súa forma de pensar; foino no seu labor cerámico, onde buscou o diálogo da arte coas raíces, co deseño popular e coas materias primas do país. Rematamos falando da Cidade da Cultura, sobre a que era crítico: “falta unha idea coherente”. A Isaac vino despois nalgunha ocasión, saudeino, pero a de abril de 2008 —naquel “castelo” desolado— foi a derradeira conversa que tiven con ese galego singular. 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará