No ano 1966, Díaz Pardo tiña 46 anos e ocupábase o mesmo das súas tres fábricas de cerámica: O Castro, Sada (A Coruña), Magdalena (Bos Aires) e Sargadelos (Lugo), que se inaugurou no 1970.
Ao mesmo tempo, mantiña unha actividade frenética de creación:
– Publica Discurso sobre organización de empresa manufactureras (Imprenta Moret, 1960. A Coruña).
– Escribe para a revista Galicia Emigrante que coordina Luis Seoane.
– Colabora na editorial Citania de Luis Seoane na que publica as obras de teatro Midas e O ángulo de pedra.
– Ilustra A Esmorga de Blanco Amor.
– Organiza exposicións de pintores novos, como a do Centro Lucense de Bos Aires.
– Participa en homenaxes, asiste a conferencias (Otero Pedrayo, Martínez Risco, García Sabell), dá el mesmo conferencias e expón a súa cerámica.
– Coordina con Luis Seoane, Galicia Hoy (1966), na editorial Ruedo Ibérico, baixo os pseudónimos de Maximino Brocos e Santiago Fernández, respectivamente.
O conxunto destas situacións obrígano a vivir durante varios anos entre Galicia e América, nas súas verbas:
A admiración a aquela Galicia da diáspora, e o deber de non abandonar o que fixera no Castro, que xa comprometía o modo de vivir de moita xente, mantivéronme trece anos nunha emigración intermitente. Crucei o Atlántico case 20 veces.
1.ª viaxe
Ida: avión. 2/11/1955 | Volta: avión. 31/01/1956
2.ª viaxe
Ida: barco. 12/10/1957
Volta: avión. 17/12/1959
3.ª viaxe:
Ida: barco. 7/03/1960
Volta: avión, 14/09//1962.
En marzo de 1960, xa estaba de volta en Magdalena, tras deixar en marcha as obras da nova nave de Cerámicas do Castro, para outra estadía que se prolonga ata setembro de 1962 co fin de organizar a nova planta do Castro.
4.ª viaxe:
Ida: avión. Xaneiro 1963
Volta: avión. 30/06/1963
Os cinco primeiros meses de 1963 pásaos en Magdalena e o verán no Castro, xunto con Luis Seoane e Maruxa. Das conversas e traballos deste tempo nace o Laboratorio de Formas e a idea de restaurar a tradición cerámica de Sargadelos.
5.ª viaxe:
Ida: avión. 3/12/1963
Volta: avión. Abril de 1964
6.ª viaxe:
Ida: avión. 26/10/1964
Volta: avión. Maio de 1965
En Nadal deste ano, chega o seu fillo Camilo Díaz Arias a Magdalena a traballar e estudar.
7.ª viaxe:
Ida: avión. Xaneiro de 1966 (desde París)
Volta: avión. Agosto de 1966
8.ª viaxe:
Ida: avión. Outubro de 1966
Volta: avión. Febreiro de 1967. Renuncia á dirección de Magdalena, co inicio do proxecto de Sargadelos
9.ª viaxe:
Ida: avión. Outono de 1968. Derradeira viaxe.
Volta: avión. Outono de 1968
Esta etapa en América supón o encontro coa Galicia do exilio, que será clave para Isaac: as conversas con Rafael Dieste, Antonio Baltar, Lorenzo Varela, Blanco Amor, Arturo Cuadrado e, sobre todo, con Luis Seoane traen importantes e profundas consecuencias na cultura galega. Xuntos soñan futuros para Galicia e, das conversacións entre Luis Seonae e Isaac Díaz Pardo, xorde o Laboratorio de Formas, cuxa primeira actuación é a creación de Ediciós do Castro; a segunda, fundar un museo que recollese a obra e a documentación do movemento renovador da arte galega e, así xorde oMuseo de Arte Contemporáneo Carlos Maside, que tamén actúa como foco de actividades culturais, e a terceira actuación consiste en poñer en pé Sargadelos e en restaurar a súa actividade.
Irme á Arxentina serviume para coñecer xente estupenda. Seoane foi un personaxe excepcional, como Rafael Dieste e Lorenzo Varela… Grazas a eles, recuperouse boa parte da Galicia histórica.
Fotografias que ilustran este artigo:
[arriba] Isaac regresando de Arxentina e
na fábrica de Magdalena; [abaixo] os
Seoane con Mimina e persoal da fábrica
Fotografías cedidas pola autora
1920-2020 | ANO ISAAC DÍAZ PARDO
|