1965. O ARTIGO NO QUE ISAAC PROPÓN HOMENAXEAR A SUÁREZ PICALLO

 Redacción Areal

Picallo quería que o enterraran no Fiunchedo

Isaac,
por Calros Silvar. Caricatura inédita.
Cervo, 1980

 

Sendo eu un neno, entre os anos 31 e 35, levado da man do meu pai, coñecín a Ramón Suárez Picallo en Compostela, e adeprendín a lle ter respeito e ademirazón, inda sen saber outra cousa dil, que se hospedaba no Hotel Europa a onde lle teño levado máis dunha encomenda do meu proxenitor quen me falaba dil coma un dos grandes homes de Galiza. Algúns escritos de Picallo daqueles anos fican gardados na miña casa.

No ano 57, ó voltar de Sada no meu segundo viaxe á Arxentina, reencontreime con il no Centro Betanzos de Bos Aires, nun agasallo que lle faguían. Leváralle como pequeño tributo meu cartafol de dibuxos de «Xentes do Meu Rueiro» que lle avivaron nise intre os relembros dos seus eidos. Atopou familiares certas eispresións e verbas que non rixen máis que nas nosas Mariñas dos Freires. (No meu rueiro do Castro hai refráns que non serven máis que pra il, e algún o localiza con precisión en todo o universo, coma iste: «Se vai pra Sada, terra mollada.» «Se vai pra Soñeiro, pon a roupa no xungueiro»). Suárez Picallo pasou a mente pola súa condición de eisilado político en función das causas que o determinaban. Tivo consideración da súa mala sorte de se ollar arredado voluntariamente das terras polas que morría de saudade e pleio de fe, de infinda fe, aceitando coma inamovíbel o seu destino, xustamente en función da súa fe en Galiza e nos seus homes, conscente da súa desesperanza individual díxome un día: –«Eu quixera ir morrer a Beloi e que me enterraran no Fiunchedo».

O Fiunchedo chámaselle ó osedo, ó Campo-santo, de Sada. Fica na metade do camiño entre Sada e Pazos, ó pé da Eirexa parroquial, ourentado ó norde nunha outa terraza asomada sobor da ría, un balcón dende o que se contempra unha das paisaxes máis fermosas do mundo. Ten a carón na outra banda da ría o Breamo, monte que emerxe da iagua con forma de seo de rapaza, e que ó seu pé dorme Pontesdeume. Tamén se ve o Ferrol, a ponta Coitelada, Perbes, Miño, Ponte do Porco, o Pedrido, Corbeiroa e Sada, e ó fondo os montes da Capelada e as estribacións das serras de Moncouso. Din as lendas, que nas noites de ardora os mortos non poden resistir a tentación e asómanse ó balcón do Fiunchedo e se pasman ollando como as ondas do mar arden cando morren no arcón de Bañobre, catando a espranza de que a morte é unha continuazón da vida cando dela se desprende tanta luz. E algún morto se rube a un albre pra ver se aínda arde o lume no seu fogar de Fontán.

Tamén da morte de Suárez Picallo se desprende unha luz que nos ensina o vieiro dos homes que teñen fe e amor como a tivo il. Foi seu amor ó pobo, foi seu amor ós homes que sofren, a profesión da súa vida. Seu caráiter de dedicación ós homes que sofren en xeral, non somente ó seu pobo galego, está patente na súa aitividade primeira na Arxentina. Il emigrou como emigramos todos, un pouco por inquedanza, outro pouco sen saber porqué; e un moito, na maioría dos casos, por trocar condicións económicas negativas, ou por algunha insatisfaición do que se deixa atrás. Suárez Picallo axiña de se convertir en emigrante decataríase que o seu fin non era acadar fortuna, facer a América, e asín entregouse á causa de todos, á causa dos que necesitan axuda. Súa profesión de amor á Terra e ós homes opremidos, coma no Noso Señor San Roque, patrón de Sada, foi xa pra sempre a outa profesión da súa vida.

* * *

Cando voltei a Sada no ano 59 Suárez Picallo quixo que coñecese a súa irmán e que lle levara unha cartiña e unha presa de doces ó seu sobriño Monchiño, que mora en Beloi na casa onde nasceu e onde nasceron seus pais.

Beloi é un pequeno val nas aforas de Sada. Por  alí pasa unha estrada de terceiro orden que vai a Veigue, Taibó e Carnoedo. Os anos da guerra civil foron de traxedia pra casa dos Picallo en Beloi. En agosto do ano 36 nunha finca que os Picallo tiñan en Veigue, coma nun fatídico anuncio, apareceron os corpos asasiñados de Xoán Antón Suárez Picallo (outro inesquecíbel galego pra as xentes que o coñeceron), xunto cos de Manoel Prego, Antón Carballeira e outros máis. Ó pouco tempo outro irmao de Ramón, Eduardo, perseguido, desapareceu sen que se voltase a saber dil, e os pais morren cáseque ó mesmo tempo.

Rematada a guerra civil Ramón Suárez Picallo encetou o seu pelerinaxe polo mundo coma fillo dun pobo condeado, cangado co drama da súa Terra e a traxedia do seu lar. Súa irmán coida que entón non o deixaron entrar na Arxentina, e percorreu México, Estados Unidos, Cuba, Santo Domingo, Panamá, Chile até que un fato de amigos consegue traelo a Bos Aires no ano 57. Nos derradeiros tempos as cartas que recebía súa irmán María levaban a dramática ousesión de se ver morrer lonxe de Galiza.

Ramón Suárez Picallo tiña razón no seu pensamento sobor do problema galego, e fixo da súa vida unha dorosa testemuña, senlleira, da denuncia do mal. Non se relembran hoxe, acó, das lamentábeis equivocacións que se cometeron entón con Galiza coma esprito de vinga ou xenreira senón coma marco da súa circunstancia e co degaro de que non es volvan a cometer máis equivocacións. Galiza non ten máis que un camiño, coma todo o mundo, e o seu porvir fica en quen saben pór o amor ó próximo e sobor todo ó próximo desvalido, por riba de calisquera outra consideración.

* * *

Non son amigo dos homaxes ós mortos pra o cal xa hai institucións ilustrísimas adicadas a iso; mais coma niste caso Suárez Picallo era un político, un alentador da causa de Galiza e do seu pobo, pura, sen outros aliños, cerce e non codia, e podería ser esquecido, sería ben que os emigrantes galegos de Bos Aires, ou de toda América, lle colocasen unha placa sinxela na súa casa de Beloi que dixera algo asín como:

«O 4 de Novembro do 1894 nasceu nesta casa o bo e xeneroso Ramón Suárez Picallo, emigrante, xornalista, avogado, político, quen amou a Galiza e ó seu pobo labrego e mariñeiro e morreu de saudade en Bos Aires o 14 de outubro do 1964 soñando con que algún día o levaran a enterrar ó Fiunchedo.»

Magdalena (Pcia. de Buenos Aires)
nadal, 1964.

A Nosa Terra, Bos Aires, 03/1965

 

Placa dedicada a Suárez Picallo na súa casa natal
de Beloi por iniciativa de Isaac Díaz Pardoa

Fotografía de Marisa Naveiro

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *