Miguel Mosquera García.
A Terraza de Sada
Fotografía de Marisa Naveiro |
A A Terraza de Sada é unha peza arquitectónica da que hai que falar cando se fai referencia ao período modernista de Galicia. Unha xoia do patrimonio cultural. Un edificio que sufriu unha metamorfose e que, a día de hoxe, como produto da transformación e da adecuación aos diferentes usos, segue en pé.
O edificio érguese a principios do século XX nos Xardíns de Méndez Núñez como un quiosco de madeira e de vidro. Inicialmente era unha construción de única planta baixa mais terraza, con accesos laterais. Desta forma recibiría o nome de «A Terraza». Igual que outros moitos pavillóns (exposicións universais e mais quioscos), nace como un edificio provisional. Unha construción que se limita a un uso no presente, que cumpre o servizo dado durante un período de tempo limitado (un edificio de madeira). Tiña unha lonxitude total de 20 metros máis as escaleiras a ambos os lados, e un ancho de 10 metros.
Debido ao éxito que ten o edificio como lugar de ocio, A Terraza comeza a ser concibida como proxecto da cidade, e abandónase o concepto de uso provisional. É a partir do ano 1912 cando comezarán a realizarse as numerosas reformas que lle darán a identidade actual, para trasladarse a Sada no ano 1920. Non se sabe a ciencia certa o porqué deste traslado. Historicamente, no ano 1919 o arquitecto Antonio de Mesa Álvarez asina uns planos de nova reforma que ampliaba o longo da terraza até 38 m e engadía dous corpos a senllos lados de cemento armado de estilo ecléctico. Como teoría persoal (nese momento histórico existía o edificio de madeira, un material que reduce as súas prestacións estruturais co paso dos anos por mor da intemperie), engadir dous corpos de cemento nunha nova ampliación do edificio, que cumpriría xa 10 anos, resultaba contraproducente. Quizais foi por isto que na sesión municipal do 21 de xaneiro de 1920 o Concello da Coruña rexeitaría esta reforma e favorecería a construción dun novo edificio no mesmo emprazamento (edificio actual da RTVE, obra de Pedro Mariño). Aínda así, A Terraza non é desmantelada e abandonada. Existiu un interese, un amor cara ao edificio, que a trouxo a Sada.
A Terraza. interior do segundo andar
Fotografía de Marisa Naveiro |
As intervencións que tivo por mor do overbooking do que gozaba na época son hoxe en día impensables. Mira unha fotografía, camiña ao redor do edificio. Que edificios actuais teñen a manufactura, o trazado xeométrico, a laboriosidade de todas e cada unha das pezas que a conforman? Pouco a pouco, esquece a súa identidade. Desde que está en Sada perdeu a metade da ornamentación do exterior, as incribles ferraxes modernistas que tiña na varanda que pecha a zona exterior da planta baixa, perdeu xente. Pero perdeu xente porque ten un uso actual claramente inadecuado. Parece que non sabemos volver a propoñer unha reforma para darlle un novo uso, despois dos sete proxectos que tivo. É cousa do pasado, nós non sabemos diso.
En definitiva, A Terraza de Sada é unha xoia modernista como poucas quedan. É unha supervivente de guerra que sufriu incontables modificacións completamente innovadoras. Viaxou, deu cabida a centos de persoas nos concertos, nos bailes e nas festividades. Pero hoxe A Terraza chora. Bota a última exhalación servindo de restaurante-café. A Terraza xa non ten tantas visitas, non hai quen lle baile no seu piso de madeira. A Terraza érguese por pouco tempo esperta en Sada, morrendo lentamente. A súa pintura cae ao chan, despegada da madeira, logo os varredores e varredoras recóllena. Os ollos da Terraza, os seus vidros tinxidos, están rotos e xa non ven. As súas carpinterías están podres da humidade e da falta de coidado. A Terraza de Sada, espida, unicamente se mantén en pé para que, algún día, alguén valore a súa historia e fermosura e decida vestila de novo.