SANIDADE PÚBLICA E COVID. OS CENTROS DE SAÚDE

 Rexina Basadre

A aparición da pandemia do covid-19 podemos considerala unha catástrofe social, con consecuencias tanto na saúde das persoas como na economía. A necesidade de coidar a saúde individual e colectiva para evitar a transmisión incontrolada do virus cambiou moito a nosa forma de vida; o uso das máscaras, o distanciamento entre persoas, así como o lavado frecuente de mans son hoxe en día as medidas contrastadas máis eficaces para diminuír a transmisión comunitaria da enfermidade, e as que debemos seguir mantendo, sobre todo en espazos pechados.

Pero tamén diminuíron de maneira drástica as actividades e os modos e lugares onde conviviamos: desde vodas até os enterros, festas populares, viaxes ou actividades para maiores, por poñer algúns exemplos. Moitas empresas pecharon e moita xente foi ao paro; noutros casos, a actividade laboral ademais mudou a teletraballo.

Todo isto levou consigo cambios profundos, sempre con aumento da soidade, tanto real como percibida, e maior vulnerabilidade de sectores de poboación como os maiores ou as persoas con menos recursos: peores condicións de vivenda, menores salarios ou persoas con pouco soporte familiar e social. As consecuencias sobre a saúde, máis aló das perdas en vidas humanas, están aínda por cuantificar.

As autoridades sanitarias reaccionaron inicialmente ante esta situación aumentando recursos en tecnoloxía e camas hospitalarias, de cara a evitar o desamparo dos enfermos máis graves, e transformando os centros de saúde en lugares de teletraballo, salvo as urxencias, co afán de evitar aglomeracións.

A situación era dunha grande incerteza e estas medidas parecían as necesarias, porque o noso modelo sanitario é un modelo centrado nos hospitais; alí vai a maior parte dos orzamentos de Sanidade, de por si minguados na ultima década. Neste mesmo período, a Atención Primaria sofre graves carencias de persoal, con orzamentos á baixa e sobrecarga crónica dos seus profesionais; así, por exemplo, desde hai xa uns anos non se cobren baixas nin vacacións, e moitas veces tampouco as xubilacións; e o número de pacientes diarios para un médico do centro de saúde supera moitas veces os 40 ou 50.

Mais as epidemias son enfermidades comunitarias, e a base do seu control debería ter sido o traballo da Saúde Pública (os moi escasos epidemiólogos e preventivistas) e da Atención Primaria (centros de saúde e PAC); non obstante, no noso contorno as decisións fronte á pandemia tomáronse sen a intervención deste colectivo profesional, que foron meros receptores pasivos de decisións tomadas sen a súa participación.

A Atención Primaria sempre se definiu como a porta de entrada ao sistema sanitario, pero pode parecer na actualidade unha porta medio pechada: pedir cita a través do teléfono computarizado (falar coa «máquina») ou por internet, tórnase difícil, ás veces imposible, para unha parte da poboación menos adestrada tecnoloxicamente, que ten que facer colas no centro de saúde (ás veces fóra do edificio) para obter unha cita telefónica coa súa médica/enfermeira, que finalmente valorará se ten que ver o paciente fisicamente ou non. Esta perda de accesibilidade pode desanimar a certas persoas a consultaren as súas patoloxías, atrasando o seu diagnóstico; así mesmo, o control de crónicos require na maior parte dos casos visitas presenciais, non só pola posible necesidade de exploración física, senón pola mirada biopsicosocial da medicina de familia.

Digo tamén que a consulta telefónica presenta vantaxes para resolver unha parte da actividade asistencial de maneira máis eficiente, tanto para o profesional como para o paciente, evitando desprazamentos e optimizando os tempos de espera, polo que seguramente quedará para solucionar moitos procesos como baixas, renovación de receitas ou procesos menores.

É urxente relanzar a actividade dos centros de saúde, para o cal é máis necesario que nunca aumentar os seus orzamentos e o numero dos profesionais, porque a actividade de seguimento de enfermos covid non hospitalizados, e dos seus contactos, ten que ser acompañado xa cunha volta á actividade asistencial normal, graduada e con todas as precaucións, si, pero decidida a atender aquilo que é a súa razón de ser.

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *