RUTA ROTEIROS SAUDABLES EN SADA

 Alejandro Alba

O entorno de Sada ofrece unha boa posibilidade para aqueles que lles gusta gozar da natureza. Neste artigo, falaremos da ruta Sada-Lourido, etapa pertencente á ruta de sendeirismo PR-G 96.

Trazado da ruta Sada-Lourido 

e perfil de desnivel da mesma

Imaxes do autor

Dende hai uns meses, decidiuse crear unha actividade que consiste en percorrer cada fin de semana diferentes rutas e sendeiros polos diferentes concellos de Sada, pasando por Veigue, Meirás, Mosteirón ou Carnoedo entre outros.


Cada sábado, un grupo composto de entre 10 e 20 persoas de todas as idades xúntanse para gozar dunha mañá activa, coñecendo novas rutas e sendeiros, ademais de vivir unha boa experiencia para coñecer xente.

Como comentabamos antes, imos falar da ruta de Sada-Lourido, unha ruta cunha distancia aproximada de 9 km e cunha altura máxima de 55 metros. A ruta parte do Punto de Información do Concello de Sada, pero pódese comezar dende calquera punto da vila.

Ás 10 da mañá é a hora á que comezamos a actividade todos os sábados polo que co grupo desta data decidimos quedar, como sempre, 5 minutos antes da hora para poder facer exercicios de quecemento. Unha vez cheguemos todos, partimos cara o noso camiño, sempre contando con 5 min de marxe por se acaso.

A primeira parada é no antigo Castelo de Fontán, onde atopamos os restos dunha batería construída no século XVIII como axuda para protexer a zona dos ataques dos navíos que podían chegar a atacar a cidade. Á vista está unha reprodución dun canón de batalla.

Unha vez visto o castelo, seguimos coa nosa aventura. Para iso, teremos que andar cara a saída da cidade para coller, xa por fin, o sendeiro que nos leva ao cruceiro de Carnoedo. Dende alí, a primeira parada é tan só uns metros adiante na coñecida como punta da Herba, a través de onde podemos observar unha espectacular vista da ría aos seus arredores.


Continuando o camiño, vemos que é unha ruta moi sinxela e que está ben sinalada, polo que non hai risco de perda. O seguinte punto que atopamos é un miradoiro que descansa sobre un cantil de 40 metros de altitude, desde onde se poden divisar as famosas bateas.

Un pouco máis adiante atopamos a praia de Arnela, unha praia afastada das edificacións, formada por area branca e fina, con augas cristalinas e tranquilas.

Continuando coa nosa marcha chegamos a outro miradoiro dende o que podemos divisar novas caliñas moi similares á praia de Arnela.

Despois de este miradoiro e atravesando un camiño con subidas e baixadas a través do monte, deixando á beira dereita o mar en todo momento, chegamos a desviación que nos leva cara á igrexa de Carnoedo, onde debemos continuar por un camiño de asfalto ata chegar ao noso destino: punta Lourido. Nela atopamos unha pequena praia de difícil acceso, xa que esta composta por rocas e moi pouca area, pero que conta cunha fantástica vista onde podemos observar, entre outras, pequenas lanchiñas.

Unha vez chegado e tras un breve descanso, toca volver ao punto de partida, polo que iniciamos o noso regreso. O camiño de regreso é exactamente o mesmo que o de ida, polo que non ten dificultade nin perda.


Unha vez chegamos ao punto de partida, procederemos a realizar unha serie de estiramentos para concluír a actividade.

E ata aquí a ruta de Sada-Lourido. Unha ruta fantástica, apta para todos os niveis, que se atopa moi preto de Sada e percorre unhas paisaxes naturais cunha beleza espectacular. Ademais, trátase dunha ruta sinxela , de aproximadamente 9 quilómetros e cunha duración de entre 1 h e 30 minutos e 2 horas, dependendo do ritmo e das paradas que se queiran realizar.

Así que, dito isto, agardo que vos animades a participar nas seguintes rutas que se organicen e…

Vémonos no camiño

Varios aspectos do percorrido, desde o castelo de Fontán ata a praia de Lourido

Fotografías do autor e de M. Pérez

 



Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *