QUE O MUNDO SAIBA DO ESPOLIO. INTERNACIONALIZAR A DEVOLUCIÓN DO PAZO

 

ANA MIRANDA

Portavoz de BNG en Europa



O Pazo de Meirás é a cara visible da ostentación polos herdeiros de sangue do franquismo e os que consentiron, un agravio á memoria das vítimas nunha democracia incompleta presa da continuidade programada nas estruturas do Estado, onde aínda existen fundacións franquistas como a Fundación Franco, xestora das visitas ao Pazo até o 10 de decembro de 2020.

Ana Miranda con participantes na xornada Franquismo 

despois de Franco, no Parlamento Europeo (Bruxellas, 2017)

Fotografía cedida por Carlos Babío

 

Na loitas pola devolución do Pazo, ademais das importantes investigacións dos sadenses Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo sumadas á longa presión social e institucional, tamén houbo unha prolongación da presión a nivel internacional. O cambio de relato coa decisión dos herdeiros do ditador de encargarlle á Fundación Francisco Franco a xestión das visitas, elevou esa presión.  Dende 2017 realizáronse tres conferencias co título «Franquismo post Franco» nas que asistiron activistas do movemento memorialístico e representantes da Comisión pro devolución da Deputación de Coruña. Presentáronse preguntas parlamentarias e denuncias repetidamente para que transcenderan as fronteiras do Estado que aínda permitía a vixencia da francocracia co silencio e a impunidade.

Precisamente, para amplificar esa denuncia, eurodeputadas e eurodeputados de 4 grupos parlamentares europeos viñemos visitar o Pazo o 3 de maio de 2018. Era a primeira visita institucional á propiedade roubada e tivo moitísima transcendencia mediática, pois o guía realizou apoloxía do franquismo na presenza dos medios. Pouco despois, ten lugar a participación como unha das relatoras na Resolución do Parlamento Europeo sobre o avance do neofascismo en Europa de 25 de outubro de 2018, no que como BNG acadamos que se aprobaran artigos de relevancia futura como a de «instar ao  Estado español a prohibir as fundacións ou asociacións que realicen apoloxía do fascismo», ou o recoñecemento do apoio aos 19 de Meirás. Denunciamos dende o BNG no Parlamento Europeo, para que se soubera na Unión Europea e na ONU a anomalía democrática que persistía en Galiza e no Estado, internacionalizando a causa da devolución do Pazo.

[arriba] Circular do Gobernador Civil aos alcaldes da provincia instando a realizar achegas para o obsequio do Pazo de Meirás.

[abaixo] Recibo da Junta Pro Pazo correspondente a un dos ingresos realizados polo Concello de Oleiros para a subscrición.

Arquivo Municipal de Oleiros. Beneficencia e Asistencia Social. Suscricións. Suscrición Pro Pazo del Caudillo

 



 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *