O PAZO, PARA O POBO

Oscar Benito Portela Fernández

Alcalde de Sada



Estamos a vivir momentos históricos. A recente resolución da sentenza sobre a propiedade do Pazo de Meirás supón un paso enorme a prol da restauración da dignidade e da hixiene democrática, moitos anos máis tarde do que debería ter acontecido.

Franco chegando á casa do Concello de Sada, 

na rúa Linares Rivas. Ano 1944

Fotografía cedida por Laura Pita

Sada, a nosa vila, as súas xentes, asociacións e institucións, están a ter unha importancia capital no proceso de incorporación do Pazo ao patrimonio público, tanto polo traballo realizado como pola capacidade para abandeirar e liderar o labor feito durante décadas por persoas que dedicaron o seu tempo de forma anónima e altruísta a facer realidade o seu soño de xustiza, reparación e dignificación da memoria dos represaliados polo franquismo. Durante a longa noite de pedra houbo moitas vítimas esquecidas, e a nosa obriga para con elas é a de non esquecer a súa loita e a de valorar o seu legado, e asemade a de recoñecer o traballo e o labor constante de todas aquelas persoas que actúan de forma desinteresada a prol do ben común, do interese xeral e do benestar colectivo.

Neste sentido, quero lembrar que foi no ano 2008 cando o Concello de Sada impulsou a declaración BIC do inmoble na categoría de sitio histórico e, xa no ano 2017, coa aprobación do PXOM, incluíu o edificio dentro dun plan especial de protección de patrimonio, a desenvolver ante a eventual incorporación ao patrimonio público. É fundamental lembrar tamén que, nestes días, a sentenza veu poñer de manifesto, e así o recolle de forma expresa, que o traballo de investigación de dous historiadores sadenses foi fundamental para argumentar xuridicamente a nulidade na posesión dos herdeiros do ditador. Nesta sociedade na que o instantáneo e o inmediato cobran cada vez máis relevancia, cómpre detérmonos un anaco para avaliar e analizar a importancia do noso pasado, das nosas orixes e da nosa historia coa finalidade de valorarmos e definirmos con claridade cal é o destino e o futuro que desexamos como obxectivo vital tanto individual como colectivo, e traballos como o referido outorgan o fundamento necesario para iso.

Considero importante destacar que todas as pretensións e fundamentos aducidos polo Concello de Sada no proceso xudicial foron admitidos e recollidos nunha sentenza xuridicamente impecable, e, así, a incorporación do Pazo ao Patrimonio do Estado, a nulidade da compravenda e a imposibilidade de liquidación posesoria aos herdeiros do ditador por seren detentores de mala fe foron estimadas na súa integridade pola xuíza. Tamén é imprescindible recoñecer e valorar o feito de que durante todo o proceso se xerou un clima de colaboración e debate construtivo que derivou nunha unidade de acción, a cal proporcionou a solidez argumental decisiva e necesaria para un asunto desta importancia e relevancia.

A colaboración e a cooperación interadministrativa debe continuar, xa que despois do día 10 de decembro, e coa maior brevidade posible, o Pazo debe abrirse ao público, e neste sentido, o Concello xa manifestou a súa dispoñibilidade para a xestión de visitas e así rematar, dunha vez por todas, coa vergoña de que sexa unha organización fascista a que as organice e leve a cabo. Por outra banda, non podemos esquecer o feito de que os bens mobles asociados ao sitio histórico Pazo de Meirás, pola súa natureza, orixe ou función, deben ser incorporados ao decreto BIC co fin de preservar e garantir a integridade do dito espazo.

Un Pazo de Meirás sen os Franco e un Pazo aberto á cidadanía; a súa incorporación ao patrimonio público non se pode entender sen a súa apertura e destino ao uso e servizo públicos. Para acadar tal fin e dende o primeiro momento, o Concello de Sada xa ten demandado un convenio coas distintas Administracións Públicas na procura de acadar un espazo destinado á recuperación da memoria histórica e ao estudo da vida e a obra de Emilia Pardo Bazán, ademais daqueloutros usos dotacionais públicos que se poidan concretar.

Aproveito a oportunidade para agradecer, unha vez máis, o monumental traballo feito por todas as e os sadenses que loitaron a prol dun Pazo de Meirás do pobo, e quero manifestar tamén o enorme privilexio e o inmenso orgullo que para min supón poder representar á cidadanía que busca unha Sada e unha Galiza máis libres e democráticas.

O Pazo, para o pobo.

Partillar

2 thoughts on “O PAZO, PARA O POBO

  1. Desde mi infancia, hace ya muchos años (ahora tengo 64) cada vez que veníamos a veranear a A Coruña desde Madrid, paseabamos por Sada. Mi abuelo siempre me contaba, cuando pasábamos cerca del Pazo, como les obligaron a dar dinero para "comprarle" el Pazo de la Pardo Bazán a Franco. Con el transcurso de la vida tuve la inmensa suerte de venir a vivir a Sada y creo que mi abuelo estaría muy orgulloso de lo que habéis conseguido. Me siento orgullosa de vivir en esta villa.

    1. Moitas grazas Ana polo teu comentario. Precisamente que o teu avó trasmitira esa memoria, a do abuso, a estorsión, o espolio relacionado co Pazo de Meirás fixo posible en boa medida a súa recuperación. Esa memoria que lembraba os abusos fixo posible que comezase a reclamación da propiedade unha vez morto o ditador. Esa transmisión oral foi na que beberon as organizacións que foron movilizando e traballando para reclamar a súa devolución durante décadas. Que investigadores se puxeran a traballar durante anos para documentar ese espolio. No concello de Sada, da que todas e todos nos sentimos tamén orgullosas, traballouse arreo, fundamentalmente desde o ano 2007 na que se instou desde a administración local a que o Pazo fose declarado como Ben de Interese Cultural, clave no proceso. Foi un traballo conxunto de moitas persoas, de moitas entidades e das administracións. Nesta Asociación ACIP sentimonos tamén moi orgullosos e orgullosas de ter colaborado e aportado o noso grao de area.
      Mais a clave de todo, foi a Memoria de persoas como o teu avó. E que a transmitiran. Se algunha magoa ten todo isto é o tarde que chegamos e que as persoas que sufriron en vida o espolio e a represión franquista, non poideran ver o dia no que o patrimonio público tomaba posesión da propiedade.
      Un saudo, e reiteramos as grazas pola tua mensaxe

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *