O PAZO É DO POBO GALEGO

 SILVIA SEIXAS (19 DE MEIRÁS)

Integrante do colectivo de persoas que, no ano 2017, realizaron unha toma simbólica do pazo de Meirás, para reivindicar a súa devolución ao pobo galego

Era un día 30 de agosto de 2017 cando 19 galegas e galegos, demócratas, nacionalistas e activistas da memoria, decidimos acceder á propiedade do Pazo de Meirás nunha xornada de visitas. Acordamos despregar dúas faixas co obxectivo de reclamarmos a intervención dos poderes públicos para o patrimonio usurpado polo ditador Francisco Franco poder ser recuperado para o pobo galego. Foi unha acción pacífica, simbólica e reivindicativa con que conseguimos unha grande repercusión nacional e internacional que contribuíu para reactivar o debate social e político sobre como chegou ás mans da familia Franco parte do seu patrimonio. E, naturalmente, tamén conseguiu xerar unha presión moi importante sobre o Estado español, que se viu empurrado pola sociedade.

A nosa actuación non deixou indiferente nin a familia do ditador nin a Fundación Francisco Franco, que puxeron unha denuncia xudicial en que nos acusan de violación de morada, delito contra a honra, danos e delito de odio. Por todo isto queren que as/os 19 de Meirás cumpramos penas por un total de 247 anos de cadea e paguemos uns 500.000 euros de multa.

Tres anos despois desta acción, as chaves do Pazo de Meirás xa foron entregadas pola familia ao Estado. A sentenza, que nace na Galiza, dá a razón ao pobo galego fronte á familia do ditador, é tardía, mais moi agardada e, na realidade, podemos afirmar que non deixa de ser contra o propio franquismo. Esa resolución xudicial, que se coñeceu no mes de setembro deste ano, confirma os textos das faixas despregadas polas/os 19 de Meirás no penúltimo día de agosto de 2017 e tamén as nosas declaracións e reivindicacións. Este texto, que debe marcar tamén o camiño nas reclamacións doutros bens espoliados (como a Casa Cornide e as estatuas de Abraham e Isaac), sería impensábel sen a mobilización social dos colectivos da memoria e sen o traballo de investigación de Carlos Babío e de Manuel Pérez Lorenzo. Tamén viraría impensábel sen a aposta decidida de institucións públicas onde o nacionalismo galego tiña e ten responsabilidades de goberno e onde se xogou un papel moi importante que achegou argumentacións xurídicas que fixeron que a avogacía do Estado se implicase, a pesar das reticencias que organismos estatais tiveron durante demasiado tempo. Poderiamos falar aquí tamén da mudanza de actitude do propio goberno da Xunta de Galiza, pois non tivo outra opción que a de se sumar á reclamación diante das evidencias que existían, da fortaleza das probas e da importante mobilización social. Xa non había volta atrás: o camiño estaba trazado e había que o percorrer.

Chegadas/os a este momento histórico, cómpre reclamarmos varias cuestións: a primeira é solicitarmos que a denuncia que aínda recae sobre as/os 19 de Meirás sexa arquivada, xa que a sentenza de setembro vén demostrar que o ben foi roubado e, por tanto, coa súa devolución fica claro que o xuízo non ten ningún sentido. A segunda pasa por salientarmos que despois de 45 anos da morte do ditador presenciamos como se inicia o fin dos privilexios herdados dun réxime de terror, morte e espolio, mais hai aínda moito que facer e subsecuentemente temos de continuar a reclamar o que aínda non foi devolto. E a terceira cuestión asenta en solicitarmos que o pazo sexa transferido ao patrimonio público galego e que na definición dos seus usos se teña en conta que debe ser un símbolo para a memoria democrática e a represión franquista en Galiza; ten de haber constancia do noso pasado, do alzamento militar, do que foi o franquismo, das súas consecuencias e das súas secuelas posteriores, mais tamén merece ser un espazo de mencións e recoñecemento co compromiso das persoas e colectivos que neste país pelexaron durante anos sen descanso por racharen o silencio, por contaren a verdade e para que se fixese xustiza.

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *