Fernando Souto Suárez 1 | Irene Tomé Urresti 2
1 Presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña | 2 Xornalista, investigadora sobre Memoria e Discurso na USC, membro da CRMH
O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña estimaba, no mes de setembro de
2020, a demanda do Estado e condenaba os herdeiros do ditador a lle devolver a
aquel o Pazo de Meirás, deixando claro que esta adquisición, tal e como di a demanda, foi «unha venda simulada» realizada nun contexto de
represión. Agora ben, este proceso de recuperación significa algo máis: o cambio dun relato asentado na falsa legalidade franquista que comezaba hai máis de 80 anos.
O Pazo de Meirás é un exemplo máis de espolio doutros moitos lugares que seguen
pertencendo á familia Franco, como a Casa Cornide, na Cidade Vella da Coruña, e que adquiriron por medio de falsas doazóns e mediante un modus operandi que merece o máis firme rexeitamento tanto por parte da cidadanía como da xustiza, que vén de dar a razón a esa última, despois de moitos anos esixindo a recuperación deste inmoble.
Neste artigo explicaremos como se levou a cabo o proceso de recuperación do Pazo de Meirás, facendo fincapé na especial participación da cidadanía, un modo de proceder que acuñamos co nome de «Método Meirás»1. Destacamos tamén a importancia deste proceso, por un lado, á hora de recuperar un ben usurpado e, por outro, á hora de mudara falsa legalidade do relato franquista. No ano 1938, en plena Guerra Civil, que remataría cuns 5.000 asasinados, 1.600 condenados a cadea perpetua e milleiros de persoas represaliadas 2, as autoridades coruñesas comezaron a ver a Franco como gañador da contenda, e viron a oportunidade de facer das Torres de Meirás un lugar para que o futuro Xefe de Estado e os seus achegados pasasen longas estadías. A adquisición do inmoble preparouse coa conivencia do gobernador civil, Julio Muñoz, xunto coa de diferentes autoridades,
como o por aquel entón enxeñeiro Alfonso Molina ou o vicepresidente
do Banco Pastor, Pedro Barrié de la Maza, entre outros, que
formaron a Junta Pro Pazo e que farían das Torres de Meirás a residencia doXefe do Estado,
da súa familia e da nova elite que estaba ao seu
carón, durante máis de 80 anos. Na
súa orixe, as Torres de Meirás foran propiedade da condesa Emilia Pardo Bazán, que as remodelaría para usalas como espazo de
creación literaria onde se xuntaban intelectuais,
xornalistas e personalidades da vida política e cultural. Falecida en Madrid, en
1921, o pazo pasou a ser propiedade dos tres fillos: Jaime, Blanca (viúva do xeneral Cavalcanti, falecido en San Sebastián) e Carmen (viúva de Torres de Cela). Ao
faleceren Carmen, en 1935, e Jaime, asasinado en Madrid en 1936, o Pazo pasaría a ser propiedade de Blanca Quiroga e Manuela Esteban–Collantes, viúva do
primoxénito Jaime. Estas últimas propietarias decidiron iniciar as negociacións coa Compañía de Jesús para que as Torres de Meirás foran
destinadas a uso relixioso. Neste punto foi cando a Junta Pro Pazo, promovida polo Goberno Civil, decidiu
adquirilo para llo doar ao que remataría por ser Xefe de Estado.
Tal e como sinalan Babío Urkidi e Pérez Lorenzo (2018) «o interese das elites coruñesas pola
idea de ter ao ditador preto era evidente» 3, as présas caracterizarían todo o proceso de adquisición. Por iso, o 31 de marzo de 1938 os medios informaban deste
agasallo e ata un diario de Compostela aproveitaba «para lembrar que se trataba dun agasallo de toda a
provincia» 4. Tamén, o 1 de abril de 1938 La Voz de Galicia publicaba unha ampla reportaxe 5 sobre a historia do Pazo de Meirás na que se falaba das virtudes deste inmoble.
A prensa
galega comezaría a poñer o foco en Meirás como lugar ideal para o futuro Xefe do Estado dunha maneira
moi concreta, resaltando a «doazón» cedida por un «pobo entusiasmado». Non é ata finais de ano, no mes de decembro, cando Franco visita
Galicia, a Catedral de Santiago de Compostela e o Pazo de Meirás, aproveitando a viaxe para tomar posesión deste inmoble. Para esta viaxe, os medios retomarán este discurso e publicarán fotografías do pergamiño «que
conmemora o acto de ofrenda das Torres», exposto nun comercio da Rúa Real para que a cidadanía puidese
ver esa cesión «voluntaria». Durante esta visita no mes de decembro, os medios fan constantes
referencias á emoción da cidadanía con esta visita de Franco, así como da cesión de Meirás, xa que semella que foi «un pobo emocionado» quen cede un pazo ao futuro Xefe de Estado, tal e como recollen
os seguintes extractos:
«Reconquistada ya España para Dios, para el Imperio y la revolución nacional», Franco terá máis tempo para «reposar de
la fatiga de la guerra» nas Torres de Meirás. […] «Galicia en general y Coruña en particular
rebosan satisfacción y agradecimiento. El Generalísimo, en plena tarea de soldado y de gobernante, se
desplaza del centro de sus actividades para pasar unas horas en su amada tierra
de Galicia y en su Pazo de Meirás» 6.
«De todas
las gargantas empezaron a salir las vibrantes estrofas del Cara al Sol, mientras
un bosque de brazos se alzaba al cielo» 7.
Esta é a mensaxe que chegará practicamente ata os nosos días: o Pazo de Meirás é un
agasallo dos galegos e galegas a Franco a través dunha «doazón voluntaria». Pero esta estratexia propagandística seguida polos medios de comunicación era moi similar en todo o Estado. Desde o comezo da
Guerra Civil o control da información foi constante debido á necesidade de institucionalizar a Ditadura. No plano da
prensa, en Galicia «desapareceron tódolos medios impresos pertencentes a grupos republicanos ou,
en todo caso, víronse forzados a cambiar de ideoloxía e servir ao novo réxime imperante» 8. Non houbo nin que agardar ao remate da Guerra Civil para
ver que o franquismo desexaba instaurar, a través dunha
intensa fabricación historiográfica, unha
nova idea de relato 9.
A FRACTURA DO RELATO IMPOSTO
Ata máis de trinta anos despois da morte de Franconada mudaba
no interior do Pazo de Meirás, e a presenza da familia, verán tras verán, seguía a ser habitual. Aínda que algo si mudaba na
conciencia democrática de moitas persoas, e ese sentir veríase canalizado por exemplo, no nacemento de organizacións vinculadas á Memoria Histórica e Democrática.
En novembro de 2004, nunha
asemblea do local Portas Ártabras, pertencente á Asociación de Amigos dos Museos de
Galicia, creouse unha asociación de ámbito comarcal que sería a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), co claro obxectivo de
organizar actividades para suprimir a simboloxía
franquista, entre outras actividades enfocadas a defender a democracia.
Nestes
primeiros grupos de traballo da CRMH houbo unha grande implicación de moitas persoas, entre as que destacamos a Manuel
Monge e Plácido Lizancos pola súa idea de propoñer a creación dun grupo de traballo que acabou por promover unha
concentración diante do Pazo de Meirás cun cartel coa palabra «Devolución». Para divulgar este acto preparamos un
folleto, en branco e negro, onde se relataba o que recolleramos na memoria oral
sobre o Pazo, historia hoxe moi documentada pero que naquel entón non chegaba á maioría da opinión pública.
A chegada de José Luis Rodríguez Zapatero (PSOE) á Presidencia do Goberno e a promulgación da Lei52/2007, de 26 de decembro, coñecida como Lei de Memoria Histórica, foi un paso claro a prol de facermos unha lectura do
noso pasado en perspectiva democrática. Mentres, en Meirás, despois da primeira mobilización —á que acudiron unha vintena de
persoas—, sumáronse unha serie de actividades
reivindicativas co fin de implicar as autoridades para lograr a devolución do Pazo. A primeira marcha cívica tivo lugar en 2005 e a segunda en 2007. Foi nesta
onde o actor e veciño de Meirás Fernando Morán leu un manifesto co título:«Devolver ao pobo o que é do pobo».
Estas marchas tiveron algo de acollida na prensa, que se
comezou a facer eco destas primeiras reivindicacións. Outro
dos acontecementos importantes foi, en agosto de 2008, un acto de protesta diante
do Pazo celebrando «a contravoda» da bisneta de
Franco en Meirás, onde se repartiron folletos que deixaban
claro que esa familia non era benvida nin en Sada nin en Galicia. Se ben non é sinxelo combinar un acto lúdico e
divertido con actividades memoriais, o grupo «Os Maracos» fixo unha boa e divertida interpretación desa voda, que tamén saíu nos medios de comunicación. Ademais
de actividades, temos que destacar a implicación de
historiadores e os traballos de divulgación nos que se detallaban os feitos
sobre como as Torres de Meirás chegaran ás mans da familia Franco. O papel da historiografía é clave na recuperación do Pazo, e entre estas aportacións destacamos o libo de Carlos Babío e Manuel Pérez, Meirás. Un pazo, un caudillo, un
espolio, un relato
escrito que, acollendo a memoria da tradición oral, rompe co discurso da
falsa legalidade franquista e pon de manifesto a corrupción sistémica no modo de actuar dos Franco
e da elite que estaba ao seu redor. Á hora de falar da recuperación de Meirás resulta clave citar o papel do
Concello de Sada, con Abel López Soto (BNG) na alcaldía, xa que esixir que o Pazo de Meirás fose declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e se
abrise uns días ao mes significaba tamén fomentar a idea de que algún día puidese ser recuperado. Con esta idea
seguiría o tamén alcalde de Sada Benito Portela,
que apoiaría os argumentos do Estado para reclamar a súa devolución.
XUNTA PRO DEVOLUCIÓN DO PAZO DE MEIRÁS
No ano 2017, a Deputación da Coruña, os concellos da Coruña e Sada, a Iniciativa Galega da Memoria, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica e a Universidade crearon o Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás, unha entidade que tiña un fin contrario ao da que fora a antiga Junta Pro Pazo, creada co fin de entregar o inmoble a
Franco. Desde esta entidade traballouse para elaborar un informe histórico e xurídico que sería clave para o xuízo que tivo lugar no mes de
xullo e que recalcaba importantes ideas, como que o inmoble foi doado de forma
fraudulenta. Ademais tiveron que traballar rápido para evitar a venda de Meirás por parte da familia Franco. Dentro das actividades da
Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás levouse a cabo unha asemblea aberta para organizar a
Marcha a Meirás, que tivo lugar a finais de 2018. Nela participamos
moitas persoas, así como entidades, sindicatos e partidos políticos. Foi un gran paso adiante,
tanto para facer posible a recuperación do Pazo de Meirás como para fortalecer os fundamentos dunha sociedade máis madura. Non temos moitos referentes históricos de procesos democráticos en
que todos os partidos apartasen as diferenzas para loitaren xuntos por un ben común. Isto ocorreu coa recuperación de Meirás, polo que esta loita é un referente en moitos eidos.
Outro feito fundamental
neste proceso foi no ano 2019, cando o Parlamento Galego chegou a un acordo histórico: todos os grupos aprobaron por unanimidade unha
proposición non de lei na que se instaba o Goberno a
iniciar un proceso civil para a devolución de Meirás ao patrimonio público. Non obstante, non foi ata
setembro de 2020 cando o Xulgado estimou integramente a demanda interposta polo
Estado, ao que declara propietario do Pazo de Meirás. Desde o
movemento memorial celebramos o resultado desta acción xudicial, que bota por terra o relato mantido na falsa
legalidade franquista e fai que os anos de mobilización cobre nunha vital importancia, feito que tamén observou a maxistrada coruñesa Marta
Canales, que asumiu que a posibilidade de articular esta demanda «nace dun importante estudo histórico e dun consenso social, logrado tras moitos anos, que
responde á madurez do sistema democrático»10. Desde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) celebramos esta decisión. Así como antes había xente que permanecía indiferente ante a situación do Pazo, con esta acción xudicial
moitas persoas caeron na conta da verdadeira inxustiza que se cometeu durante o réxime fascista, así como da vergoña que é que despois da morte do ditador
a súa familia continuase sendo a propietaria
deste inmoble. Por outra banda, esta acción xudicial rematou, cun relato
oficial nacido antes incluso que a propia Ditadura e fraguado na subordinación da prensa á autoridade do Estado. Entre as
formas de socialización das ditaduras modernas, no franquismo
destacou «a manipulación dos
medios de comunicación mediante a censura e a propaganda»11.
Na actualidade, desde a CRMH estamos a elaborar unha
exposición ao aire libre que terá lugar a final deste 2020 e que se situará no Obelisco (A Coruña) co fin de explicar todo este longo
proceso de recuperación do Pazo de Meirás a modo de síntese cotítulo: [Es]pazo
Meirás. Esta exposición mostra a importancia dun longo proceso de recuperación que remata cunha vitoria da cidadanía democrática e pon punto final a un
relato deturpado durante máis de corenta anos.
Encabezamento dunha lista de contribuíntes á Suscripción Pro-Pazo del Caudillo
Arquivo Municipal de Carballo. 1.3.7. Beneficencia e asistencia social.Donativos/Suscricións
1 A revista Grial recolle por vez primeira a referenciaao «Método Meirás» no artigo de Souto Suárez, Fernando(2019): O “método Meirás”: o proceso de mobilización cidadá, Grial, 57, pp. 42–49.
2 Para coñecer máis sobre a represión en Galicia pódese consultar o Proxecto de Investigación «Nomes e Voces» dende:
http://vitimas.nomesevoces.net/3 Babío Urkidi, Carlos e Pérez Lorenzo, Manuel (2017):Meirás. un pazo, un caudillo, un
espolio, Santiago
de Compostela: Fundación Galiza Sempre, p. 93.4 Ibidem.
5 La Voz de Galicia, 01/04/1938.
6 «Un día de honor y júbilo para La Coruña: El Caudillo en su tierra y en su casa», La Voz de Galicia,06/12/1938.
7 «Nuestro Glorioso Caudillo gana
el jubileo jacobeo y es aclamado delirantemente por el pueblo de Santiago», ABC, 06/12/1938.8 Cendán, Antonio (2003): Xornalismo e medios decomunicación en Galicia durante o franquismo, A Coruña:Ediciós do Castro, p.18.
9 Entre os rotativos condenados á desaparición atopábaseo semanario nacionalista A Nosa Terra. O seudirector, Víctor Casas, sería executado nos primeiros meses
de Guerra Civil. Doutra banda, El Pueblo Gallego,fundado por Manuel Portela Valladares, último Presidente do Goberno antes do triunfo da Fronte Popular
nas eleccións de febreiro de 1936, sufriría unha gran transformación e
depuración.10 «Devolución Pazo de Meirás. Las claves de la sentencia, entre
comillas», La Opinión, 04/09/2020.11 Sevillano Calero, Francisco (1998): Propaganda yMedios de Comunicación en el franquismo (1936–1951), Murcia: Publicaciones de la Universidad
de Alicante,p. 21.