José Manuel Busto Lago
Catedrático de Dereito Civil da USC, membro da Comisión
de Expertos promovida polo Parlamento galego e co-redactor do informe elaborado por esta Comisión
Con data 2 de setembro do 2020 fíxose pública a sentenza en virtude da
que, ademais de outros pronunciamentos correlativos (nulidade de determinados títulos de adquisición) e accesorios (cancelación das inscricións contraditorias no Rexistro da
Propiedade de Betanzos), se declara que o Pazo de Meirás (integrado por quince fincas rexistrais estremeiras) é un ben de dominio público, propiedade do Estado. En
consecuencia, ordenase ós codemandados, na súa condición de posuidores actuais do mesmo
(seis netos de F. Franco e C. Polo, e a sociedade patrimonial do sétimo), a restitución da súa posesión o Estado. Remataba así, nesta primeira instancia, o procedemento xudicial
iniciado formalmente en xullo de 2019 coa interposición da demanda por parte da Avogacía do Estado, actuando en nome e representación da Administración Xeral do Estado. Mais os
traballos preparatorios, históricos e xurídicos, que permitiron articular a demanda tíñanse iniciado case que dous anos antes, en esencia pola
chamada Comisión de Expertos nomeada pola Consellería de Cultura a instanciada Resolución do Parlamento de Galicia de setembro do 2017 e tamén a través do estudo feito, case que nas
mesmas datas, por impulso da Deputación Provincial de A Coruña. Lonxe de consideracións de
natureza política, sociolóxica e ética, neste procedemento xudicial, como non podía ser doutro xeito nun Estado democrático e de Dereito, axuizouse unha cuestión xurídica (a propiedade dun
determinado inmoble) atendendo a argumentos exclusivamente xurídicos aplicados os feitos que foron acreditados a través da proba practicada na vista pública deste procedemento.
En esencia, a acción reivindicatoria –nome técnico propio da acción a través da que se pretende que un órgano xudicial declare a propiedade dun ben e a súa restitución o propietario– exercitada fundamentase na adquisición da condición de ben de dominio público en atención a súa posesión pública, pacífica, ininterrompida e en
concepto de dono por parte do Estado durante un período de tempo superior a trinta anos (este modo de
adquisición da propiedade, recibe o nome de usucapión). No caso do Pazo, este tempo ten transcorrido
sobradamente entre os ano 1938/1941 e 1975.
O Xulgado parte dunha premisa non
rexeitable: o Ordenamento xurídico español contempla a posibilidade de adquisición por usucapión —ou prescrición adquisitiva— de bens para integrárense no dominio público, mediante a posesión continuada e vinculando o ben obxecto de posesión ao uso xeral ou á prestación dun servizo público, como é, neste caso, que o Pazo servise de residencia oficial do
Xefe do Estado durante un laso de tempo superior os trinta anos (laso de tempo mínimo esixido para que se consolide nos efectos
adquisitivos da usucapión extraordinaria). A través da proba documental aportada xunto coa demanda, e da
proba de testemuñas e periciais practicadas na vista
celebrada nos primeiros días do mes de xullo de 2020, a Sentenza
considera acreditado que concorren as circunstancias de feito nos que se funda o modo de adquisición da propiedade invocado polo Estado.
Nomeadamente,
considerase acreditado que o Pazo de Meirás foi obxecto dunha posesión pública, pacífica e
continuada coma residencia oficial do Xefe do Estado, integrado, de facto, entre
os bens da Administración xeral do Estado ao servizo da Xefatura do Estado,
cun tratamento semellante ao dispensado á residencia do Xefe do Estado en
períodos non estivais (de «gestión tipo El Pardo. 1938 a 1975» fala a sentencia).Dende o ano 1938, no que o xefe do
Estado toma posesión do Pazo e ata a data do falecemento de F.
Franco (1975), as Torres –ou Pazo– de Meirás foron utilizadas como
residencia oficial estival do xefe do Estado, e o seu mobiliario e aveños inventariáronse como pertencentes á Casa Civil de S.E. o xefe do Estado e xeneralísimo dos Exércitos (así resulta, v.gr., do inventario do Pazo de Meirás feito en novembro do 1942). A abondosa documentación aportada pola Avogacía do Estado, extraída do Arquivo Xeral de Palacio (Madrid), do Fondo da Casa
Civil de S.E. o xefe do Estado, do Arquivo Intermedio Militar Noroeste con sede na cidade da Coruña e, nomeadamente,os documentos referidos ás “Jornadas Veraniegas de Sus
Excelencias”, que amosan as actividades e a burocracia
vinculada a estancia do xefe do Estado e do aparello burocrático da Casa Civil no Pazo de Meirás, permite inferir, como afirma a Srª
Xuíza na Sentenza, que o Pazo de Meirás considerábase, a todos os efectos, como
unha residencia oficial do xefe do Estado, na que a celebración anual de Consellos de Ministros (entre 1946 e 1975) non
deixa de ser un dato mais que abonda na proba de tal uso.
De xeito adicional, e
en consonancia so carácter de residencia oficial e sede
institucional, os labores de vixilancia do Pazo foron levados a cabo por diversos corpos
armados do Estado, determinándose o número de efectivos precisos, en cada intre, por parte da Casa
Militar, ao tempo que se creou a figura dos chamados “guardas hortelanos”,
que eran
gardas civís con funcións de “guardeses” do Pazo. Especialmente relevante
resulta que a Sentenza considera acreditado que a presenza do Estado en Meirás non remata coa morte de franco, se non que os “guardas hortelanos” permanecen no Pazo ata marzo de 1990.
acontece cos títulos de propiedade esgrimidos polos coherdeiros
de F. Franco e C. Polo que permitiron que figurasen coma titulares do Pazo no
Rexistro da Propiedade de Betanzos e no Catastro? En concreto, con data 5 de
agosto do 1938 autorizouse notaríamete, no despacho do Gobernador
Civil de A Coruña, a escritura pública de venda do Pazo de Meirás —con todo o existente no seu interior, agás tres tapices e a biblioteca da escritora Emilia Pardo
Bazán, a respecto dos que se afirma que é vontade da vendedora facer doazón ao Generalísimo, en memoria do seu fillo asasinado
en Madrid no verán de 1936— por parte de M. Esteban–Collantes y Sandoval (viúva de J. Quiroga y Pardo Bazán),
actuando tamén a reservista lineal Mª N.
Quiroga y Pardo Bazán, a prol da chamada JuntaPro–Pazo de El Caudillo (representada por P. Barrié dela Maza, R. del Río Díaz e A. Molina) —institución de natureza
xurídica privada e sen personalidade xurídica—,por un prezo de 406.346,20 pesetas. A
propia existencia e a posibilidade de probar esta compravenda por parte da
herdeira da escritora Emilia Pardo Bazán (falecida no ano 1921), posúe un carácter relevante: amosa nidiamente
a simulación —determinante de nulidade— coa que actuaron os cónxuxes F. Franco e C. Polo cando outorgaron, con data de
24 de maio de 1941, nova escritura pública de compravenda (nesta ocasión autorizada en Madrid, recoñecendo no
xuízo que o prezo que se di recibido con
antelación pola vendedora non foi pagado), tamén nesta ocasión a M. Esteban Collantes e
Sandoval—e tamén, de novo, concorrendo ao acto
de outorgamento os eventuais titulares de dereitos reservatarios, Mª N. Quiroga y Pardo Bazán. A finalidade desta segunda
escritura pública de compravenda radicaba en construír un título (xurídico) que permitise a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade a través do coñecido coma sistema do dobre título público, pretendendo así poder valerse da especial protección que lles dispensa o Rexistro da Propiedade os titulares
rexistrais que adquiren a través dun título oneroso. Así o entende tamén a sentencia da que se da conta. O feito de que xirasen
anualmente os recibos do imposto de bens inmobles a nome de F. Franco resulta ser
unha mera consecuencia da titularidade catastral formal, sen que haxa proba
algunha do seu efectivo pago por parte deste ou da súa dona.
Poucos meses antes de outorgarse a escritura de compravenda
de agosto de 1938, o día 28 de marzo deste mesmo ano, atópase documentada a doazón das “Torres de Meirás” pola
Deputación Provincial da Coruña, logo da realización de varias obras de
acondicionamento do Pazo, financiadas con diñeiro de distinta procedencia
obtido pola autodenominada Junta Provincial Pro–Pazo del Caudillo. A doazón foi aceptada expresamente por Franco, de maneira
persoal, na cidade da Coruña, o día 5 de decembro de 1938. Esta doazón, que está documentada nun pergameo,
asinado polo propio F. Franco, en condición de donatario e polo gobernador
civil da Coruña, Julio Muñoz de
Aguilar, ben como polos membros da Junta Provincial Pro–Pazo do Caudillo, en condición de doadores, faise constar que “la ciudad y la provincia de La Coruña hicieron la ofrenda–donación de las Torres de Meirás al fundador del Nuevo Imperio, Jefe del Estado, Generalísimo de los Ejércitos y Caudillo de España”, precisándose os motivos desta doazón da forma
que segue: “Galicia que le vio nacer, que oyó su voz el 18 de julio,que le ofreció la sangre de sus hijos[…] asocia para siempre el nombre
de Franco a su solar”. Considera a Sentenza que quen acepta, en
condición de donatario, faino nun acto oficial e en
condición de xefe do Estado e considera acreditado
que a doazón ten coma destinatario a Xefatura do Estado e
non a persoa física na que se encarna, afirmando que todas
as referencia escritas son «reveladoras da clara finalidade
de doar o inmoble ó xefe do Estado».
Sen prexuízo da súa invalidez (apreciada pola Sentenza con fundamento no
incumprimento da súa formalización en
escritura pública consonte esixe o artigo 633 do CC) e
da súa ineficacia translativa do dominio dende a
perspectiva xurídica, da doazón aceptada
polo xefe do Estado o día 5 de decembro de 1938, esta levou a
consolidación da posesión do
inmoble obxecto da doazón ao xefe do Estado por parte da Xefatura do
Estado. Esta circunstancia resulta acreditada por diversos documentos oficiais da época (v.gr., entre outros, o feito de que desde abril de 1938 comecen a efectuarse
obras de acondicionamento do Pazo e dos seus accesos públicos, como resulta da solicitude de modificación do trazado e acondicionamento da estrada de Sada a Santa
Cruz, por Arillo, nas inmediacións do Pazo de Meirás, coa finalidade de fornecer a
este dun “acceso adecuado, evitando la aglomeración de coches y otros inconvenientes comprobados con motivo
de la reciente estancia de S.E.”, dirixida o día 24 de febreiro de 1939 polo gobernador civil da
provincia da Coruña ao enxeñeiro xefe de Obras Públicas da Coruña; a acta da sesión ordinaria da Corporación do
Concello de Sada do 28 de abril de 1938; a acta da reunión da Comisión Xestora da Deputación Provincial da Coruña do 5 de decembro de 1938; e
mais o feito de que as obras de restauración e decoración do interior do Pazo de Meirás fosen contratadas polo gobernador civil da Coruña.
Acollendo tamén os correlativos pedimentos da
demanda, declarase a nulidade da doazón do ano 1938 –por infracción da
exixencia de forma pública que resulta do artigo 633 do CC –, da compravenda de maio de 1941 que tivo
por obxecto exclusivamente a finca rexistral na que se elevan as Torres do Pazo –por simulación– e a nulidade parcial escritura
de partición da herdanza de 1976 a prol de C. Polo, a
respecto do ben obxecto da demanda, ben como da doazón a prol de C. Franco autorizada no ano 1982, en tanto que
estas dúas últimas teñen por obxecto un ben de dominio público e, polo tanto, intransmisible (inalienable).
Unha vez
que o Pazo de Meirás ten adquirida —por usucapión— a condición de ben inmoble que integra o demanio público, non pode ser obxecto de adquisición privada, tampouco en virtude do instituto da usucapión, en tanto que se trata dun ben inalienablee
imprescritible, salvo que fose obxecto dunha desafectación expresa do dominio público (consonte dispón a Lei do Patrimonio do Estado vixente ata o ano 2003),
declarando a sentenza que non cabe unha desafectación tácita a diferencia do que ten invocado a
defensa dos codemandados. Deste xeito, a posesión polos
herdeiros e habentes causa, a título de herdanza, de F. Franco, aínda que a data de inicio desta se remontase o día 21 de novembro de 1975 e mantida ata a data actual, operándose dúas transmisións hereditarias da tenza material do Pazo, non lles permitiría fundar unha adquisición en
virtude da usucapión.
O aspecto mais discutible da sentenza, en
termos estritamente xurídicos, radica no seu pronunciamento sobre a
chamada liquidación do estado posesorio, canto que as normas
do Código Civil que regulan a terminación dunha situación posesoria de feito (sen título que lexitime xuridicamente), como é a mantida pola viúva e os descendentes de Franco
dende novembro de 1975 ata o momento presente, establecen que é preciso liquidar os gastos incorridos polos posuidores,e
no seu caso tamén os danos e as deterioracións que puidese ter experimentado o ben obxecto de posesión. O carácter discutible deste
pronunciamento ten que vencellarse tamén o feito de que na demanda, a
Avogacía do Estado limítase a afirmar, con cautela, que non se negará a liquidación da posesión de conformidade coas previsións do CC, e previa acreditación da realidade e do importe dos gastos que legalmente
proceda aboar, sen cualificar a posesión dos codemandados, circunstancia
sobre a que necesariamente se terá que pronunciar no momento en que
se proceda a liquidar o estado posesorio, en tanto que os posuidores de mala fe
non teñen dereito ao reintegro dos gastos útiles, e carecen de dereito de retención a respecto do cobro dos gastos necesarios de mantenza e
conservación. Precisamente a inclusión dunha previsión sobre a liquidación do estado posesorio no informe elaborado pola Comisión de Expertos do Parlamento de Galicia motivou que a representación do Concello de Sada na mesma fixera un voto particular
en relación exclusivamente coa correlativa conclusión do informe.
Nos primeiros días de outubro de 2020 a representación letrada dos coherdeiros de F. Franco formalizaron recurso
de apelación fronte a Sentenza de primeira instancia,
argumentando, en esencia, sobre a validez e eficacia da compravenda do ano 1941
e sobre recoñecemento por parte do Estado da condición de propietarios os herdeiros de F. Franco tras a morte deste,
derivado do feito de non exercitar acción algunha hasta corenta anos
despois daquela data. O coñecemento do mesmo corresponde a Audiencia Provincial
de A Coruña. Sexa cal sexa o pronunciamento desta
doado é prever que a resolución definitiva terá que agardar o pronunciamento da
Sala do Civil do Tribunal Supremo, resolvendo o recurso de casación que interpoña a parte que non obteña un pronunciamento favorable en sede de apelación. A solidez da argumentación xurídica da Sentenza de 2 de setembro de 2020 determina que
sexa difícil de combater na alzada, tendo en conta
que non haberá nova fase probatoria e mais en casación, na que o debate se terá que
restrinxir a posibles infraccións de normas ou de
xurisprudencia.