O CABALO AMARELO: A PESTE E A MORTE

 Manuel Lugrís Rodríguez

Dise no libro do Apocalipse no seu Capítulo 6, falando da aparición dos catro xinetes: «E ollei un cabalo amarelo, e o que estaba sentado nel tiña por nome Morte e seguíao o Inferno e foille dada a potestade sobre a cuarta parte da terra, para matar con espada, con fame, coa peste e coas bestas da terra». Así predicía San Xoán no seu retiro da illa de Patmos, un agoiro dos derradeiros días do home, con ese xinete que trae, entre outras cousas, a mortaldade por unha forte epizootia ou andazo que sería anuncio inequívoco do final.

Esta pasaxe bíblica a que aludo non quere ser máis que unha caste de introdución escatolóxica ó traballo que a continuación se desenvolve como apotropaico ritual de axotar ou escorrentar o mal que parece instalarse coma avolto presaxio de todo o significado de negativo e mesmo de aciago e adverso na mente colectiva da cidadanía.

Porque abonda de falar, escribir e informar da chamada pandemia que nos está a acorar desde hai moitos meses e que ten, practicamente, monopolizada toda a nosa existencia, tanto pública como privada. As estatísticas, as opinións máis ou menos contrastadas á proba de valor, as respostas científicas, case sempre contraditorias, os émulos de sabenza que aproveitan para teren o seu glorioso minuto de publicidade, os negacionistas, os listos e os parvos, os bos e os malos… en fin, toda a nómina de políticos, pseudoeruditos, persoas comúns e similares que poboan o noso ámbito cidadán e que, nestas circunstancias, son quen de manifestaren os seus criterios, xuízos ou, mesmo, sentenzas irrevogables. E que toda esta abafante actualidade que está a afogarnos na maré destrutora da sarabiada informativa é so a superfice de algo moito máis profundo e transcendente que baixo a oportunidade do mal endémico non somos quen de considerar, ou mellor de entender, a verdadeira posición humana neste tempo que non é, por suposto, fillo puntual do neurótico universo vírico no que nos ten sumida a plutocracia política a nivel global, senón das lóxicas consecuencias derivadas dunha filosofía de vida que serve a intereses específicos de grupos de presión, lobbys económicos, multinacionais, sectores financeiros, traficantes de armas, drogas, etc, e mesmo grupos relixiosos e partidos políticos que actúan como «palmeiros» que están a purificar os fociños dos certos logreiros da orde mundial.

E fagamos unha sucinta ponderación analítica en tres cuestións que mesmo parecen estar esquecidas do pensamento dominador da plutodemocracia imperativa irradiada dende os máis poderosos centros de poder: a condición finita da especie humana, o chamado progreso indefinido e o imperialismo político-económico sobre persoas e nacións.

Di o antropólogo Eudald Carbonell que somos a última especie de humanos que sobrevive das cinco que habitaban na Terra hai 40.000 anos. Era un estado de diversidade que protexía a propia existencia do home e que o habilitaba para vencer situacións negativas tales como epidemias, cambios climáticos ou catástrofes telúricas entre outras. Se unha especie fracasaba nun lugar determinado outra podería vencer as dificultades noutro espazo xeográfico distinto. Pero na uniformidade a nivel mundial que importa ós intereses da aristocracia anónima do diñeiro, os sistemas fracasan e «colapsan todos xuntos». Por tanto facer apoloxía barata da forma de vida actual non é mais que unha trafulcada que pretende estruturar un estado de opinión uniforme, total e terminante. Estamos no camiño da extinción. Que non será inmediato, seguramente en séculos ou milleiros de anos, pero que será irremediable. E que terá un decadente decorrido desde este afelio de esplendor que nos atribuímos hoxe, até o perihelio da época final. Pero, en calquera caso, é unha constante na vida do planeta. A desaparición dunhas especies implica a aparición de outras e a modificación de hábitos e formas de existencia. E volvo a falar por boca de Carbonell cando proclama que o noso gran problema é a carencia de conciencia crítica e a falta de memoria do sistema e fai un prognóstico grave e definitivo: se non facemos nada, física e mentalmente, unha vindeira pandemia podería provocar o colapso da nosa especie nun futuro máis ou menos próximo.

O progreso da humanidade din os eruditos de despacho que non se para e certos millonarios mesiánicos, na súa arrogancia multidineraria, soñan mesmo con perdurar a vida humana mais aló da inhabitabilidade terráquea en colonias noutros planetas, no Sistema Solar ou mesmo alán del. Iso sería unha etapa máis nese progreso indefinido co que soñan ou máis ben badúan. O que chaman eles progreso que, por certo, enche os seus petos xenerosamente e que nos empurra á situación actual: superpoboación, explotación irracional de recursos, destrución dos pulmóns verdes do planeta, irracional uso de combustibles comburenciais de orixe fósil, uso indiscriminado de plásticos até formar unha mancha enorme de máis de tres millóns de quilómetros cadrados no océano Pacífico, etc. Este é o resultado actual do seu «progreso indefinido», que ten uns resultados tan positivos para os pobos do mundo como a fame endémica en amplas zona do chamado «terceiro mundo», masivas migracións en fuxida precisamente desas condicións de fame e de conflitos bélicos, a meirande parte das veces provocados por intereses económicos do progresivo «primeiro mundo», a carencia de servizos primordiais de sanidade, educación e asistencia social, as ditaduras, a drogadicción coma método de poder político, a falta de traballo con millóns de parados, etc. Con este panorama así chegou até aquí ese progreso ilimitado que venden os taumaturgos da modernidade e do «seu estado do benestar».

O progreso indefinido non existe. E por unha simple razón filosófica. O ser humano é un ser finito. Nada mais. Din que a Terra ten 4.543 miles de millóns de anos. Hai mente humana que poda concibir un progreso indefinido a esa mesma data futura, por un supor de que estiveramos hoxe no cumio da vida terrestre?

Ese progreso indefinido non é posible e non pode máis que ter una idade esencial propia do ser humano. Limitada a uns cantos séculos dos que coido que xa consumimos varios deles. Pensar noutra cousa é pensar que a contaminación que estamos a provocar non vai ter ningunha consecuencia para a nosa vida no planeta. Sexamos consecuentes e fagamos exame de conciencia pensando que a nosa desaparición non é ningunha catástrofe senón unha formulación ecolóxica da natureza, que adopta a existencia diversa de formas de vida sobre a superficie da Terra.

O discurso dos centros globalizadores da ideoloxía única din que o grande futuro que teñen para o mundo capitalista está nos grandes estados ou espazos económicos, unións bancarias, empresariais, ou fondos de investimento a horizonte planetario. E dicir, USA, China, Rusia, Brasil, Unión Europea, Mercasur, fondos voitre e capitais apátridas. Macabra herdanza daquel troco do capital produtivo keinesiano ao capital especulativo da escola de Chicago liderada por George Stigler. Así, o diñeiro carece de toda acción social e convértese nun instrumento exclusivo de negocio en si mesmo. Grandes estados que teñen un control máis intervencionista, de todos os movementos financeiros e, en consecuencia, dos cidadáns que se converten en vasalos económicos dos superiores intereses da elite capitalista. E para paliar a posible convulsión social, repártense esmolas disfrazadas de axudas ou subsidios que manteñen a paz tanto nas rúas como nos cemiterios. E, para que eses grandes estados conserven a estabilidade precisa para funcionar coma perfectos engrenaxes de precisión administrativa, invéntanse relacións federais, confederais e autonomías que autoeliminan calquera arela de liberdade soberana dunha «región» ou pobo canso xa da súa anulación cívica e nacional, así como da miseria e a colonización dos seus recursos.

Iso, en síntese, e no escaso espazo dunha colaboración como esta, é a paisaxe que está detrás da estarrecente situación dunha pandemia que chegou como facérenselle auga na boca ós poderes do mundo mundial, cancelándolles problemas, aprazando decisións e, o máis importante para a plutocracia que goberna na sombra, unha fonte de negocio que aínda está comezando a dar os seus froitos, no incremento de rendementos, e no panorama que se presenta para as súas industrias tecnolóxicas, de comercio electrónico, alimentación, farmacéuticas, de sanidade para atender a tantos millóns de pacientes, e de toda caste de material de atención social que se precisará nun futuro próximo. Pero seguiremos facéndolle o xogo ó capitalismo máis escuro, estando a pensar que vivimos no primeiro mundo da cultura e do benestar. Xa dixo Einstein: «Dúas cousas son infinitas: a estupidez humana e o Universo; e non estou seguro do segundo.»

E como sinal dun futuro que existe, remato cun pequeno poema composto nesta pasada primavera de ferro no silencio e na soidade de illamento e reclusión.

Ten por título: O Rexurdimento.

 

De xeada travesía,

prenderás o lume primoroso

e sairás da casa

de vagariño co paso primeiro.

 

Verás a cidade baldeira,

a soidade do silencio

e o tempo detido no lamento,

   nas rúas,

     no inxel paxaro de sol

   e no verde dondo do céspede.

 

Escoitarás un eco de solsticio,

de lonxe resón,

de voces e música

aló, de area e muxicas no Orzán

            de estío

            en madrugada fértil

             e na suave rosada do mencer.

E sentir, entón, no teu interior

as esperanzas e ansias de vida

no pano branco e azul do ceo

coa estrela

vermella de Orión

da Terra en futuro liberado,

como sinal perfecta de todo sentimento.

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *