Fernando Martínez López
Secretario de Estado de Memoria Democrática
Tras a morte do ditador en 1975, o pazo de Meirás converteuse nun lugar de esquecemento e de reivindicación e, tal como escribiron varios historiadores galegos, en símbolo das lagoas do axuste de contas da democracia española co noso pasado recente, escenario de mobilizacións da sociedade civil para a súa recuperación, novo símbolo do espertar da «memoria histórica» e tamén da reactualización dunha narrativa revisionista, patente na xestión do recinto pola Fundación Franco.
En toda esta última fase da historia do pazo é digno de resaltar a importancia das mobilizacións populares que cristalizaron en algo tan importante como o consenso político amosado desde hai uns poucos anos por todas as institucións galegas á hora de reivindicar a recuperación do pazo de Meirás como ben público para o goce da cidadanía galega. É o que se veu chamando o «Método Meirás», cuxos expoñentes institucionais máis significativos foron os informes elaborados polas Comisións de expertos do Parlamento Galego e da Deputación Provincial da Coruña argumentando a natureza histórica e xurídica na que se sustentaba a reivindicación da recuperación de Meirás.
Todo iso coincide cun cambio de goberno a mediados de 2018, tras unha moción de censura, e a subida ao poder do goberno do PSOE baixo a presidencia de Pedro Sánchez que mostrou desde os primeiros momentos unha decidida aposta pola recuperación da chamada «memoria histórica» ao crear unha Dirección Xeral de Memoria Histórica inserida no Ministerio de Xustiza, que tiven a honra de dirixir. Ao pouco tempo de chegar puiden comprobar a mobilización e unanimidade existente na sociedade galega en prol da recuperación do pazo e os sólidos argumentos históricos e xurídicos nos que descansaba. Cumpría estudalos e comprobalos con rigor para ver se eran susceptibles de que se interpuxese unha demanda xudicial por parte do Goberno que posibilitase a recuperación desexada, máxime cando os antecedentes xurídicos que obraban no Ministerio, elaborados polo anterior goberno, indicaban con brevidade o contrario.
Esa tarefa de estudo e rigorosidade na análise dos documentos e a procura de todo tipo de documentación correspondeu á Avogacía Xeral do Estado de Madrid grazas á sensibilidade de Consuelo Castro, e aos avogados do estado da Coruña que, co rastrexo sistemático de todas as fontes ao seu alcance, puideron comprobar a existencia de elementos xurídicos sólidos para interpoñer unha demanda xudicial para a recuperación do pazo para o dominio público. Foi unha tarefa ardua duns cuantos meses na que hai agradecer a achega de documentación por parte de historiadores e expertos galegos, especialmente de Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo. Mentres algúns dirixentes das institucións de Galicia se impacientaban porque crían que desde o Goberno non se atendía a reivindicación das institucións galegas, estaba a traballarse con rigorosidade para interpoñer unha demanda xudicial, ben armada xuridicamente, en base á súa forma de adquisición, á súa administración mediante fondos e persoal públicos, e ao uso que tivera o inmoble durante a ditadura, que finalmente a Avogacía Xeral do Estado interpuxo o 11 de xuño de 2019 perante o xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 1 da Coruña.
A principios deste ano 2020, o Presidente do Goberno, na sesión de investidura, comprometeuse á recuperación canto antes do pazo de Meirás para o patrimonio público e levamos unha gran alegría, do mesmo xeito que todo o pobo galego, cando o 2 de setembro pasado o Xulgado de Coruña ditou sentenza declarando que o pazo de Meirás era propiedade do Estado e ordenando á familia Franco a súa devolución sen dereito a indemnización de ningún tipo, dando a razón en todos os seus termos á demanda presentada pola Avogacía do Estado contra os herdeiros de Francisco Franco, por entender, entre outras cousas, que a compra do devandito inmoble por parte do ditador en 1941 foi simulada e fraudulenta.
Concluía así un longo proceso de mobilizacións populares, da sociedade civil, de consenso institucional nas administracións galegas e de claro compromiso do Goberno progresista de España que permitiron a devolución do pazo de Meirás ao Patrimonio Público do Estado o pasado 10 de decembro en execución provisional. A Comisión Técnica institucional que constituímos entre a Administración Xeral do Estado, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Coruña e os concellos de Sada e Coruña xunto ao grupo de expertos que se creará en breve temos a tarefa de construír un novo relato e darlle novos usos que recollan toda a súa historia, desde os inicios con dona Emilia Pardo Bazán ata a actualidade, afasten Meirás do enaltecemento do ditador e o convertan nun referente da recuperación da memoria democrática do noso país. O chamado «Método Meirás» é unha boa referencia e unha grande ensinanza de cara ao futuro.
Fotografía cedida por Carlos Babío |