ANTARES PÉREZ
Xornalista
«
A declaración das Torres de Meirás como Ben de Interese Cultural en 2008 marcou un fito: por primeira vez os Franco tiveron que abrir ao pobo esa fortaleza adquirida en plena guerra civil mediante cuestacións en moitos casos forzosas, aportacións públicas e descontos nas nóminas dos traballadores. A súa apertura catro días ao mes foi unha conquista da cidadanía, pero só a medias.
O pazo de Meirás foi durante todo este tempo un Ben de Interese Cativo, un patrimonio prisioneiro no que non se permitía tomar fotografías do interior, no que non se pronunciaba a palabra ditador e co acceso restrinxido á capela, duos salóns e a biblioteca, «a de Franco», como salientaba sempre o guía, porque a de Emilia Pardo Bazán, que coroa a Torre da Quimera, permaneceu sempre vetada ás visitas.
Como xornalista, tiven que percorrer as zonas visitables do pazo unha chea de veces. Da primeira incursión, lembro a impresión que me causaron as caveiras de cérvidos de pequeno tamaño que cubrían unha das paredes do recibidor (a «colección de rebecos», segundo o guía) e o estupor ante un relato que silenciaba feitos fundamentais da historia. Nada sobre como chegou o pazo ás mans do ditador, nada sobre as doazóns forzosas nin sobre ocupación de terras. Nin media palabra tampouco sobre a proveniencia das esculturas, tapices, armas antigas, pinturas e pezas arqueolóxicas que adornaban salóns e xardíns; nin sobre ese pazo que foi trasladado pedra a pedra desde Dodro por capricho de Carmen Polo, ou as pías bautismais que levou a esposa de Franco da igrexa de Moraime.
O silencio imperante sobre todas esas pezas contrastaba co interese que amosaba sempre o guía por un cadro de escaso valor artístico, un bodegón de flores asinado por F. F. «Pintouno Franco», contaba o cicerone. Imposible non pensar entón noutros fascistas con inclinacións artísticas, segundo quen o conte.
As visitas polo sitio histórico de Meirás sempre tiveron unha compoñente de desafío, tanto polas portas pechadas como polo relato que ofrecían os Franco. E non soamente por iso, Os herdeiros do ditador gozaron de privilexios fóra do alcance dos propietarios doutros bens de interese cultural, como o feito de que a Xunta asumise os primeiros anos os gastos de seguridade derivados da apertura ao público. En 2011, o goberno do PP vía «razoable» costear a vixilancia pola «singularidade» do inmoble e para «minorar» eventuais «riscos de deterioro», aínda que pouco despois, trala polémica suscitada, anunciou que deixaría de facelo. Os Franco gozaron doutras vantaxes, como a de pechar as portas do pazo en agosto para gozar sen intromisións das súas vacacións en Meirás. Carmen Martínez Bordiu aproveitou precisamente un deses agostos de solaz para abrir á revista ¡Hola! en exclusiva as portas do inmoble. Foi outra pinga nun vaso cada vez máis cheo. A pesares de que todos os anos se rexistraban queixas polos atrancos para visitar este ben patrimonial, a Xunta só lles impuxo aos Franco unha sanción de 4.500 euros que tan sequera chegou a cobrarse pola morte da sancionada, Carmen Franco.
A gota que colmou o vaso tras anos de pulsos e regalías foi o anuncio en 2017 de que a familia encomendaba á Fundación Nacional Francisco Franco a xestión das visitas para «exaltar la grandeza» do ditador. A nova provocou unha onda de indignación e levou á Deputación da Coruña a constituír a Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás, entidade que aglutinaba a concellos, universidades, colectivos culturais e da recuperación da memoria histórica e que elaborou o primeiro informe histórico-xurídico que marcou as vías para recuperar o inmoble. Ese mesmo mes, agosto de 2017, un venres de visitas, militantes do BNG ocuparon por unhas horas o pazo e despregaron unha enorme pancarta desde unha das torres para esixir a devolución.
Asistín por casualidade ao asalto simbólico de Meirás. Ese venres, tras unha pequena discusión co guardés, unha xornalista da TVE e máis eu logramos que nos permitira facer o percorrido ser reserva previa, dado que levabamos días intentando concertar cita sen éxito. Enfilabamos cara á capela cando nos sorprendeu a algarabía. Diriximos a vista cara a torre, de onde proviñan as voces e risas, xusto no momento no que unha lona que demandaba a devolución do pazo ao pobo se despregaba desde a almea.
A partir daquel venres 30 de agosto de 2017 precipitáronse os acontecementos. A presentación do libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio foi a guinda. As iniciativas para recuperar o pazo cobraron forza e por primeira vez acadaron a unanimidade no Parlamento Galego. No interior do pazo, a tensión traducíase en novos desafíos. Primeiro coa instalación dun panel na capela contra o «sadismo» e «brutalidade da Fronte Popular». Despois, co anuncio da venta do inmoble por oito millóns co NO-DO como reclamo. Trala sentenza de primeira instancia que ordena a familia a devolver o inmoble, os dardos dos Franco dirixíronse contra os actuais responsables políticos. Nunha das últimas visitas que fixen o pazo, o guía non dubidou en cargar contra xuíza e o Goberno para saír, vehemente, en defensa dos herdeiros do ditador, «unha familia perseguida de forma brutal». Ante un grupo de visitantes que parecía compartir ao cento por cento o argumentario, o representante da Fundación Francisco Franco negou os feitos probados pola sentenza. O pazo foi un regalo a Franco como «coruñés», recalcou. Punto.
É tempo de mudar o relato. Queda un longo percorrido xudicial por diante, pero a entrega provisional do pazo de Meirás ao Estado permitirá acabar coa anomalía de que sexa unha asociación franquista a sentinela deste sitio histórico e abrir xa de par en par as portas deste Ben de Interese ata agora Cativo. Toca agora pasar dos titulares á letra miúda, As administracións e os historiadores coinciden en que os novos itinerarios deben servir para restituír a memoria de Emilia Pardo Bazán e ofrecer un relato completo en clave democrática da historia do pazo durante a ditadura. Aínda non hai data para esa primeira visita que, 45 anos despois da morte do ditador, abrirá unha nova etapa. Quedan aínda moitas incógnitas por despexar. E todo apunta a que o consenso e a participación da sociedade civil, fundamentais á hora de elaborar a demanda, serán tamén claves no novo ciclo.
Imaxe que acompaña este artigo:
Fotografía de M. Pérez Lorenzo