MEIRÁS APÓS A SENTENZA

  Manuel Monge

Expresidente da CRMH da Coruña. Activista e escritor



A sentenza que declara que o pazo de Meirás é propiedade do Estado e esixe á familia Franco a súa devolución ao patrimonio público é unha conquista colectiva do pobo galego, na que tivo un importante protagonismo o Concello de Sada. Afirma a sentenza, sobre todo pola documentación aportada no libro sobre Meirás de Carlos Babío Urquidi e Manuel Pérez Lorenzo, que a chamada Junta pro Pazo del Caudillo entregou o Pazo a Francisco Franco como Xefe do Estado e non a título particular, e declara tamén nula de pleno dereito a compravenda de 1941.

A batalla de Meirás non terminou, porque está pendente de resolver o recurso da familia do ditador e sería unha tremenda irresponsabilidade esperar pasivamente o resultado do recurso. Por outra parte, estamos diante dunha batalla política con múltiples ramificacións e tarefas pendentes e cómpre manter a mobilización cívica.

En primeiro lugar, está a batalla do relato. Cómpre lembrar a eliminación da simboloxía franquista en Sada, a cal se inicia co mandato do alcalde Abel López Soto —e está aínda sen concluír porque o militar golpista Ángel Campano López é Fillo Adoptivo desde 1967—,  e a declaración do Pazo de Meirás como BIC en decembro de 2008, sendo tamén alcalde López Soto.

A unanimidade conseguida na Deputación e no Parlamento Galego non pode esquecer que xa en 1983, cando no Concello da Coruña foi sometida a votación unha proposta de Esquerda Galega para que os Franco devolvesen o Pazo de Meirás, Alianza Popular, despois PP, votou en contra. O alcalde do PP de Sada, Ramón Rodríguez Ares, mantivo durante 27 anos unha posición a favor de que a familia do ditador mantivese a propiedade. A Fundación Nacional Francisco Franco (FNFF) tivo sempre o apoio do PP, e os seus dirixentes recibían as distincións que aquela concedía. Hai que recuperar a memoria histórica para impedir que o PP de Feijóo teña un recoñecemento e liderado que non merece, e hai que subliñar, como sinala a sentenza, que a mobilización cívica xogou un importante papel na recuperación do Pazo, sobre todo coa actividade da CRMH (Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica) desde 2004.

Coa recuperación do Pazo, debe cederse este á Xunta de Galiza e constituírse un órgano de xestión coa participación, entre outras institucións e asociacións, do Concello de Sada. Os terreos do Pazo poden converterse nun espazo aberto ao público, un parque como os xardíns de Marivent en Palma. Dentro dos posíbeis usos, é de xustiza lembrar a figura de Emilia Pardo Bazán; podería albergar un Centro pola Paz e para a Recuperación da Memoria Democrática, así como un memorial de homenaxe ás miles de vítimas do franquismo en Galiza. Todo isto pode atraer moitas visitas, o cal incrementaría o atractivo turístico da cidade.

É importante facer un estudo do que hai no Pazo, impedindo un novo espolio, pero iso é insuficiente, porque o Estado debería realizar un inventario de todas as posesións da familia de Franco en todo o Estado para recuperar o conseguido polo ditador no exercicio do seu cargo. Está pendente a ilegalización da FNFF, xa que o seu obxectivo de difundir o legado dun ditador é un caso único en Europa e unha vergoña. Un Estado democrático non pode manter os títulos nobiliarios concedidos polo rei Juan Carlos á familia de Franco pouco despois da morte do ditador: Señorío de Meirás e Ducado de Franco, que hoxe teñen os seus netos, Francisco e María del Carmen.

Finalmente, se o Concello de Sada xogou un imporante papel na devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público, non pode manter distincións e recoñecemento social a aqueles que, como Pedro Barrié de la Maza, foron os organizadores ou promotores do espolio de Meirás. Barrié aínda leva o nome dunha avenida e dun colexio e mantén a distinción de Fillo Adoptivo de Sada. Acabemos con esta vergoña!

Imaxes da 1ª e 2ª Marcha a Meirás

Fotografías cedidas por Carlos Babío Urkidi

 



 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *