MANDERLEY-MEIRÁS, O SÍMBOLO DO MODUS OPERANDI DO FRANQUISMO

  CARME VIDAL

Responsable de prensa do BNG na Deputación Provincial da Coruña


Para unha xeración que naceu nos últimos anos do franquismo, Meirás é a estancia de veraneo do ditador, o lugar onde se tomaron decisións terríbeis en escenario de revista de rexoubeo. O proceso en que chega a mans de Franco e a imaxe da impunidade despois da súa morte delatan a forma de actuar da ditadura e as fendas dunha Transición que distaba moito de ser modélica. Agora, de novo en mans públicas, o Pazo é o reflexo perfecto do modus operandi do franquismo.

Se Manderley era o escenario ideal para que Alfred Hitchcock transmitise a tensión do relato cinematográfico de Rebeca, o Pazo de Meirás é agora o caserón que evoca á perfección o modus operandi do franquismo, o correlato arquitectónico e decorativo que pon en cuestión a amabilidade co que a historia recente tratou o réxime ditatorial e autoritario. 

A descuberta documental da compra simulada que abriu ás portas á recuperación do Pazo de Meirás só é un dos exemplos da maneira de actuar da contorna do ditador, a disolución da diferenza entre o privado e o público cando todo está ao servizo dos poderes que amparan o réxime e o réxime controla todos os poderes do Estado. Se lle interesaba unha vivenda de veraneo, por que non, cunha escritura que pronto se fai, pasar un edificio que era sede da xefatura do Estado ao amplísimo patrimonio familiar? Sexa! 

Mais, todo o proceso até chegar a ese momento fala tamén dunha maneira de actuar que define ás claras ao réxime de Franco e que Carlos Babío e Manuel Pérez desvelaron con luxo de detalles no seu libro «O espolio de Meirás». A engranaxe trazouse con precisión, antes da mentira da compra-venda, co roubo con intimidación á veciñanza do pazo, coa colaboración e conivencia dos poderes públicos e económicos da Coruña, coa utilización das institucións para obras de reforma ou acondicionamento con cartos públicos, e co interese dos grandes empresarios afíns ao réxime para compracer o ditador e sacar con iso os seus beneficio, Barrié de la Maza como principal baluarte. Con todos estes elementos, a trama de Meirás respondía perfectamente a un plan criminal que puña o ramo ao período máis sanguinario do réxime, o que, desde o agosto de 1936 sumaba asasinatos roubos e represión. Correlato perfecto Meirás como botín de guerra para quen dirixiu o violento golpe de estado fascista. 
E o retrato de Carmen Polo, alias «a colares», achegándose ás xoierías de Santiago, a Coruña ou Tui en modelo ave rapina diante do pánico de comerciantes que mesmo tentaban disimuladamente pechar ao seu paso, convértese en Meirás en catálogo do «isto todo é noso» co que foron atesourando pezas que pasaron, de maneira ilexítima, a formar parte da riqueza familiar, algunhas xa posibelmente convertidas en moeda en curso en anticuario francés. As pías bautismais de Moraime ou as esculturas do Mestre Mateo forman parte desa forma de actuar nun relato estarrecedor ao que é preciso dar a volta. Nos dous casos, e en tantos outros, está documentado, especialmente no das pezas da parroquia de Muxía en que o propio párroco tivo a ben deixar constancia en acta notarial, como o desexo de Carmen Polo reparando nas pezas era o paso previo ao traslado a Meirás, para converterse en obxectos ornamentais do pazo. Desta maneira, as pías bautismais de Moraime nas que se cristianaban veciñas e veciños da parroquia para entrar a formar parte da Igrexa que o franquismo veneraba, pasaron a ser maceteiros no xardín do pazo, exemplo terríbel da bota que arrasaba por onde pisaba. Tampouco en Santiago de Compostela, cidade que o ditador e familia visitaron en numerosas ocasións para renderlle culto ao Apóstolo, tiveron o máis mínimo escrúpulo en arramplar con dúas esculturas do patrimonio mateano, talvez o corazón artístico da capital galega. O pastiche de Meirás deseñábase así, con elementos de valor incalculábel á par de pezas requintadas dun estilo kitsch lacerante como elementos de caza ou retratos de culto do ditador deificado co pésimo gusto do franquismo. 
Mais Meirás non fala só do totalitarismo e o autoritarismo do réxime, de como os distintos poderes respondían ás ordes de Franco e o seu círculo de goberno ou de como unha sociedade atemorizada facía por compracer os seus desexos. O Pazo fala da impunidade co que o franquismo sobreviviu despois de 1975, sen xulgamentos, conservando mesmo os privilexios que conseguiran despois do golpe militar. A Transición ten no Pazo de Meirás unha ferida aberta, unha mancha que pon en cuestión o proceso e a pervivencia dos privilexios do réxime no proceso á democracia formal. O carácter simbólico do Pazo e a trama da impunidade do réxime acrecéntase aínda máis ao sumar que a primeira visita de Juan Carlos Borbón despois de ser designado sucesor de Franco a xurar fidelidade ao Movemento Nacional foi precisamente a Meirás, onde a familia do ditador pasaba as súas feiras. Ningunha imaxe mellor para demostrar que todo estaba en orde. O futuro rei chegaba ao Pazo de Meirás, onde xa estivera en anteriores ocasións, na súa primeira visita como herdeiro e navegaba pola tarde con Franco no Azor desde o porto de Sada, en augas calmas para unha transición doce coa ditadura.

A familia Franco seguiu, despois da súa morte, gozando de Meirás e non só diso, senón do seu riquísimo patrimonio, atesourado co único ingreso que procedía da xefatura do estado nunha descendencia á que en poucas ocasións se lle coñeceu oficio ou beneficio máis que o derivado da súa opulenta herdanza. Neste sentido en 2004, Meirás era escenario dun dos últimos acontecementos familiares que se desenvolveu no pazo e transcendeu ao ámbito público, a pedida de man de Luís Alfonso de Borbón, neto de Franco e defensor a ultranza do ditador, coa millonaria Margarita Vargas, de familia da banca. O acontecemento, que pode semellar crónica de revista de rexoubas, di moito de como o franquismo perdurou nas súas formas e nos seus beneficios, mesmo nesa rancia construción das tradicións que se evidencia na conmemoración dunha «pedida de man» a tal altura.

Meirás, para moitas persoas que defenden a liberdade e a democracia, seguía tendo a aparencia dunha Manderley tenebrosa, onde os espectros do pasado continuaban campando ao seu gusto, como se nada acontecera, entre tesouros roubados á veciñanza e pegadas case tétricas dunha ditadura que se negaba a desaparecer.

Agora, coa devolución como ben público, Meirás precisa un lavado profundo, unha hixienizaron democrática que denuncie a súa propia historia e homenaxee a tantas persoas vítimas da bota do ditador que aínda non teñen un espazo de recoñecemento no seu territorio.

É preciso recuperar Meirás en plenitude, non só polo valor que poda ter histórico ou mesmo paisaxístico co seu inmenso xardín, senón para vencer o franquismo, para poñer fin ao símbolo de todo o que foi e o que perdurou a ditadura e a súa lonxeva historia. E, de paso, organizar actos públicos para festexar a devolución das pías en Moraime ou as esculturas do Mestre Mateo en Santiago -que tamén sería de xustiza- e tantas outras pezas que teñen que regresar a súa orixe, para restituír o roubado e contribuír a que Meirás pase a ser símbolo, xa non do modo de operar do franquismo, senón de como se venceu de verdade os restos da ditadura.

Por Josefa Portela, a avoa de Carlos Babío a quen lle roubaron as terras e a casa para que o pazo lucise esplendoroso, e  por todas as persoas que foron vítimas do franquismo, polas que foron asasinadas, polas que perderon os seus traballos e as súas propiedades, polas que sufriron cárcere, polas exiliadas, polas silenciadas, polas que perderon a cabeza coa dor e co medo, polas que viviron agochadas… por todas elas, o Pazo de Meirás está chamado a ser un espazo de memoria e liberdade. Un novo símbolo, desta vez, con vontade de democracia.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará