Ex-Alcalde de Sada. Promotor da declaración do Pazo de Meirás como BIC
As persoas de máis idade lembramos aquelas crónicas cinematográficas do NO-DO dedicadas a Franco que reforzaban o relato oficial do «regalo» por suscrición popular do Pazo de Meirás, en contraposición co que nos contaban polo baixiño persoas que nos indicaban que de regalo nada, que moitos se viron obrigados a colaborar e que aquilo foi unha extorsión para moita xente.
O autor con outras persoas participantes na xornada Franquismo Fotografía cedida por Carlos Babío |
A chegada da democracia permitiu conquistar espazos de liberdade e esferas de poder nas institucións que moitos aproveitamos para restituír unha verdade histórica que agora é tamén verdade xudicial, e non foi sen tempo.
Colaborar nesa restitución da verdade histórica contribuíndo a afianzar outro relato sobre o acontecido no franquismo foi un obxectivo e unha honra inmensa, porque en Sada ese relato do NO-DO estaba moi afianzado; non é casualidade que o único alcalde desde as primeiras elecións democráticas se enorgullecera de ser «amigo da familia», e boa proba diso é que seguiu conservando no seu despacho o retrato do ditador ata que eu mesmo o retirei no ano 2003 despois de conseguir un goberno alternativo ao Partido Popular por primeira vez na historia democrática.
A perda do poder local por parte do Partido Popular foi determinante para iniciar un novo camiño e o Pleno da Corporación de Sada chegou a aprobar a solicitude de declaración do Pazo como ben de interese cultural (BIC), algo que foi posible tamén porque a Consellería de Cultura, responsable da incoación dese expediente, estaba en mans do BNG.
Nunca antes se intentara facer nada así desde as institucións, esa é a realidade, e contamos coa oposición radical dos representantes da dereita. Non hai máis que lembrar a intoxicación realizada a veciñas e veciños da parroquia de Meirás, en pleno proceso de declaración BIC, pretendendo facerlles ver que lles suporía perdas de patrimonio nos seus bens. Pretendía a dereita paralizar a declaración BIC, sabedores de que era claramente o primeiro paso para lograr outras metas, aínda que non creo que os promotores imaxinaran que aquel espolio poidera ser xulgado e condenado.
Agora que o relato cambiou, que conseguimos darlle a volta a todo o que a propaganda franquista e posfranquista nos contou sobre o Pazo, é cando se nos recoñece que o fixemos ben. O goberno da Xunta anunciou recentemente que para preservar a biblioteca de Emilia Pardo Bazán vai iniciar un procedemento urxente para a súa declaración como BIC. O Concello da Coruña tamén anunciou a solicitude de declaración BIC para a casa Cornide, como primeiro paso para a súa incorporación ao patrimonio público.
É evidente que fomos precursores desde o ámbito institucional e que os que dicían outra cousa ou dubidaban emprenden agora o mesmo camiño, 12 anos despois. Pero tamén é necesario recoñecer que foron determinantes as persoas que conservaron esa memoria de resistencia e aquelas que decidiron traballar a través de movementos sociais e culturais de protesta e reivindicación. A Lei de memoria histórica, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, a actuación dos 19 de Meirás, que coa súa acción conseguiron incementar o debate sobre o espolio, foron tamén imprescindibles.
Tamén é necesario recoñecer a actuación da Avogacía do Estado, que se atreveu a presentar unha demanda que obtivo sentenza favorable en primeira instancia, e, como non, o cambio de actitude do PSOE, porque tivemos ocasión de comprobar como noutras épocas tiña unha posición ben diferente.
Pero se todo ese traballo de persoas implicadas, dos movementos sociais e das institucións que buscaron restablecer a verdade histórica merecen un recoñecemento agradecido, do mesmo xeito tamén é de xustiza recoñecerlle ao nacionalismo político galego en xeral, e sadense en particular, a especial adicación tanto no eido social coma no institucional, por conducir con acerto unha estratexia exitosa. Porque non é casualidade que o alcalde que solicitou a declaración de Ben de Interese Cultural do buque insignia do franquismo para forzar a súa apertura, incrementar o debate sobre a propiedade e darlle a oportunidade á Administración autonómica de tenteo e retracto diante dunha posible venda fose un nacionalista do BNG; a conselleira de Cultura que asinou a declaración BIC, unha muller nacionalista; o vicepresidente da Xunta que estableceu contactos co PSOE para explorar todas as posibilidades de que o Pazo pasase a patrimonio público, tamén un nacionalista; a vicepresidenta que constituíu na Deputación da Coruña a Xunta pro Devolución do Pazo ou os 19 de Meirás, todos nacionalistas.
E, na niña opinión, o máis relevante, a publicación da Fundación Galiza Sempre Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, da autoría de dous nacionalistas sadenses, Carlos Babío Urquidi e Manuel Pérez Lorenzo, un libro determinante na aportación de probas para a obtención desa sentenza favorable que constata o espolio.
Todas e todos xuntos conseguimos ademais que a primeira sentenza que cuestiona expresamente o franquismo se producise en Galiza. Unha vez máis, a denominada «periferia do Estado» provoca cambios importantes nun relato histórico adulterado que durante case un século nos queixeron vender.
Queda moito por facer. É necesario provocar que se inicie un novo xuízo para recuperar tamén os terreos extra muros do Pazo, seguir traballando para que a sentenza sexa firme, e mentres, ir pensando nos usos que pode ter esa nova propiedade pública. Nese sentido, cómpre reflexionar acerca das posibilidades futuras que ofrece ese espazo, dando participación nese debate a todas as persoas e colectivos que teñan algo que aportar.
A historia da recuperación da verdade histórica sobre a adquisición do Pazo é unha lección de vida, indícanos a importancia da reflexión e o coñecemento para elixir o camiño e a necesidade da perseveranza no traballo solidario, porque todas e todos somos necesarios para colectivizar o éxito desta sentenza histórica e para consolidala.
Todas as adhesión son poucas, teñamos xenerosidade tamén cos conversos de última hora para que morra definitivamente o relato do NO-DO e se consolide a verdade histórica e xudicial do espolio.