GORETTI SANMARTÍN
Vicepresidenta da Deputación da Coruña entre 2015 e 2019, entidade impulsora da Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás
Os colectivos para a recuperación da memoria histórica, de maneira especial a Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMHC), puxéronse o obxectivo de que a sociedade coñecese como foi o proceso de apropiación do Pazo de Meirás por parte de Franco. As mobilizacións sociais comezaron hai xa moito tempo, con marchas e pancartas ao pé da propiedade para denunciar os escuros procedementos con que Franco e os seus herdeiros actuaron con total impunidade, antes e despois da chegada da democracia. A historia construída polos vencedores ocultaba a extorsión, as recadacións obrigatorias, as listaxes negras, as expropiacións, e impoñía un relato de doazóns voluntarias sobre o que non cabía formular ningunha acción de recuperación. Carlos Babío e Manuel Pérez documentaron no seu monumental volume Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio como se deseñou un plan para deixar todo atado e ben atado e garantir que a propiedade pasase a formar parte do patrimonio persoal do ditador. Nada foi casual no intento de se perpetuaren como donos de múltiplas apropiacións fraudulentas. Mais os procedementos irregulares hai que demostralos. Facían falta probas, investigacións, persoas e colectivos que divulgasen o acontecido, e institucións que acreditasen no proceso e estivesen dispostas a dar a batalla.
Un punto de inflexión, con moita máis relevancia da que habitualmente se recoñece, foi a acción emprendida polo Concello de Sada, con Abel López Soto de alcalde, para que Meirás fose declarado BIC en 2008, coa Consellaría de Cultura en mans do nacionalismo. Foi desta maneira como os Franco se viron na obriga de abrir o Pazo ao público algúns días, un feito que incumpriron en numerosas ocasión e para o que chegaron a recibir axudas da Xunta de Galiza, xa co PP de novo no poder.
E chegamos ao período máis actual, cando a familia encargou a xestión das visitas a Meirás á Fundación Franco, que as usou para facer apoloxía do xenocida. A finais de xullo del 2017, en medio das protestas sobre esta xestión, a Fundación Franco expresa nun provocador comunicado o seu agradecemento á Deputación da Coruña polo papel que cumprira durante décadas. Como é sabido, a Deputación participara na Junta pro Pazo del Caudillo e continuara a súa colaboración a través de axudas para o mantemento e a extensión dos terreos de Meirás.
En resposta clara e urxente á provocación da Fundación Franco, a Deputación da Coruña, que decidira que a memoria histórica fose unha prioridade das liñas de goberno desta institución desde a Área de Cultura, o 9 de agosto de 2017 convocou os concellos máis afectados (Sada, A Coruña), as universidades, a Real Academia Galega, as asociacións a favor da memoria histórica (CRMHC e Iniciativa Galega pola Memoria) e persoas expertas. Créase así a Xunta pro Devolución do Pazo –o reverso da Junta pro Pazo del Caudillo en que a Deputación participara-, que encargou informes históricos e xurídicos a equipos coordinados por Emilio Grandío e Xabier Ferreira, sempre coa colaboración fundamental de Carlos Babío e Manuel Pérez.
Tras recibir numerosos apoios doutros concellos, institucións e asociacións, en febreiro de 2018 a Deputación presenta o informe xurídico que sinala o camiño da venda simulada de 1941, posterior e incompatíbel coa venda efectuada en 1938, momento a partir do que houbo reunións oficiais con claras evidencias de que o Pazo se cedera á xefatura do Estado.
Conseguimos así exercer a presión necesaria –en momentos en que os Franco poñían o Pazo á venda– para que outras institucións se movesen e para lograr a unanimidade política que até o momento non se producira. Tanto a Xunta de Galiza como o Estado reaccionaron a continuación e a propia Avogacía do Estado, que decide interpoñer demanda en 2019 utiliza a sólida liña de defensa que desde a Deputación indicaramos (o Pazo funciona como residencia oficial de verán de Franco e a venda de 1941 é un engano, unha fraude).
A partir dese momento, e despois de conseguir unha declaración unánime na propia Deputación para recuperar Meirás, dirixímonos ao goberno galego, a todos os grupos parlamentares tanto na Galiza como no Congreso e directamente a diferentes ministerios, cargos públicos e o propio Patrimonio nacional. Non todas as instancias actuaron coa celeridade debida nin acolleron ben a proposta (e esa intrahistoria é tamén relevante) mais, finalmente, a Avogacía do Estado acordou presentar a denuncia que deu paso á histórica sentenza do 2 de setembro de 2020. A sentenza non é firme. Haberá recursos e hai que continuar coa mobilización social mais esta sentenza supón a devolución da dignidade ás vítimas.
Meirás non é unicamente un Pazo; é un símbolo da continuidade do franquismo, dun pacto de silencio por que continúan as prebendas e onde se paga vixilancia e mantemento até 1990, unha anomalía que demostra como a Transición se asentou na impunidade e os privilexios das elites dominantes. A sentenza do pasado 2 de setembro é histórica, porque inicia o camiño para declarar non válidos negocios do franquismo e cuestionar importantes patrimonios conseguidos durante a ditadura, dos que continúan a ser beneficiarias familias do réxime. O activismo social, a divulgación da investigación e o compromiso institucional déronse a man para abrir unha nova etapa que só rematará con Meirás transferido ao pobo galego.
Mais o patrimonio galego roubado e actualmente en propiedade dos Franco non acaba aquí. Está a Casa Cornide, na Cidade Vella da Coruña, adquirida por Pedro Barrié de la Maza en 1962 por menos de 45.000 pesetas nunha poxa a que só asistiu el xunto ao xefe do Movemento. Están tamén as pías bautismais de Moraime e as figuras do Mestre Mateo que foron adquiridas polo Concello de Santiago ao Conde de Ximonde en 1948 a cambio de que non abandonasen nunca a cidade. Tras unha denuncia interposta polo Concello de Santiago en 2017 e unha sentenza surrealista que mesmo pon en dúbida se as estatuas que posúen os Franco e as do Concello son as mesmas, o proceso está pendente dun recurso de casación perante o Supremo. Mais as contribucións doutro investigador, Francisco Prado-Vilar, achegaron documentos inéditos que proban os movementos desas estatuas e a súa pertenza ao Concello. Por iso o BNG presentou iniciativas para conseguir que outras institucións presentasen outra demanda incorporando a nova documentación, unha proposta que continúa o camiño para recuperar todo o patrimonio que pertence ao pobo galego.