Entrevista a Juan Pérez Babío

 «Eu creo que Galicia merece unha explicación do que pasou»

 

 

Juan Pérez Babío 
«Eu creo que Galicia merece unha explicación do que pasou»

MANUEL PÉREZ LORENZO | CARLOS BABÍO URKIDI

 Vive fronte á entrada principal do pazo de Meirás desde que naceu, no ano 1950. Mais non é só un veciño estival do ditador. A súa familia padeceu as consecuencias do «agasallo» no ano 1938, cando  foron expulsados da súa casa para ampliar a finca das Torres. No pasado mes de xullo testificaba nun xuízo que tivo como resultado a incorporación do pazo a patrimonio público. Conversamos con el para coñecer as súas vivencias e impresións.

 

 

Desde que nacicheses un dos veciños máis inmediatos ao Pazo de Meirás. De cativo, que visión tiñas do ditador?

 

Desde que teño recordos, que poden ser os 5 ou 6 anos, ano 55, ano 56, eu iso víao como algo normal, non coñecía outra cousa. Nesa época non podía haber ningunha inquedanza, porque era perigoso. Como adoita dicirse, nin frío nin calor. Era o que había e punto.

É máis, nós tíñamos unha boa relación cos gardas hortelanos: ía ao pazo, estaba por aí, nas cuadras… Cando estaba Franco, tamén con parte da xente que conformaba a súa garda tiñamos boa relación, concretamente cun sarxento da súa caravana. Dous anos estivo a muller vivindo na nosa casa, durante o tempo que Franco estaba aquí. A relación era boa. Non vía eu ningunha cousa anormal. Agora, tamén, xa che digo, era como cando anulas a unha persoa: está por estar. Pois era estar por estar, tampouco había ánimo de agradarlles. Era unha cousa normal e punto.

 

A túa familia padeceu o espolio de 1938. De que xeito?

A verdade é que moito non contaron, porque había terror. Había que estar no 38 con eles para saber realmente o que sufriran. Tiñan medo de que, se cho transmitían a ti, puideras reaccionar dun xeito que eles consideraban que era perigoso. Sabíase iso, que nos viñeron a presionar, que querían coller terras e a nosa casa tamén entraba. A miña aboa sempre se negou ata que lle deron o ultimato de abandonar a casa en 48 horas. Non lles deron ningunha alternativa. Menos mal que un irmán do noso avó que era de Carnoedo tiña unha vivenda e alí os acolleron, ata que despois, pasado un tempo, terminaron vindo de aluguer para Meirás, a unha casa que era da congregación das monxas da Milagrosa. Estiveron alí ata que puideron dispoñer das famosas 5000 pesetas e con iso mercaron aquí onde está agora esta casa o que era unha cuadra, unha edificación de pedras collidas con terra. Como os dous fillos maiores da miña aboa eran albaneis, no ano 41 acometeron a reforma.

Xa che digo, na familia pouco contaban, nin a miña avoa nin a miña nai, que foi coas que eu neses momentos tiña contacto, porque os meus tíos estaban todos en Venezuela e cando volveron tampouco contaron moito. Había medo, e sobre todo o que querían trasladar era que ti non te meteras en nada. Eu lémbrome de que o pai de Carlos trouxo unha radio, que veu de Venezuela, e eu non sei por qué, pero eu movía o dial e un día ocasionalmente, debeu ser no 58 ou 59, encontrei a famosa Radio Pirenaica, pero escoitaba iso e non entendía nada. O que si me dixeron, eu creo que mo debeu de dicir miña nai, é que non escoitara iso, que se viña alguén era perigosísimo.

Unha vez que morre Franco, no 75, co comezo da Transición, hai algo que cambia?

Aquí na parroquia non vin grandes cambios, os cambios vinos fóra, na fábrica, porque aí xa había xente que estaba afiliada, xa había xente que era activista. Pero aquí dentro do entorno de Meirás non observei nada. Os cambios chegan moitísimo máis tarde.

Como describes a experiencia de testificar no xuízo?

Antes de chegar ao xuízo, pola investigación que fixerades, tiña claro que isto fora un proceso cheo de irregularidades e que isto realmente non lles pertencía a eles, pero claro, había que pasar por un xuízo. Afortunadamente, a resolución coincidiu co que eu cría que estaba clarísimo desde que a investigación vosa culminou. A sentenza esta o que vén facer é poñer un pouco de xustiza histórica con moitísimos anos de retraso, polo menos con 40. A memoria de moita xente xa non a puidemos escoitar. Morreron. Eles sabían máis ou menos que iso debía ser así. Que isto se pasa en dúas ou tres xeracións. Non hai nada, xa ninguén sabe nada. Iso é no que se basea isto do «atado e ben atado», que sempre ten que estar amparado por un «tapado e ben tapado». Porque se non se tapa isto é imposible, termina descubríndose.

 

Que destino cres que se lle debería de dar ao Pazo de Meirás a partir de agora?

Eu creo que non se pode obviar a quen construíu iso, e que hai que lle dar o seu espazo a Emilia Pardo Bazán, pero eu creo que sobre todo ao que hai que darlle un espazo é á resignificación diso, á explicación de todo canto pasou e traer a xente que realmente sexa capaz de explicar que isto foi así, así e así. Esta é a realidade. Todo o que lles contaron ata hai ben pouco non era verdade. E que a xente teña acceso a iso. Se é un ben público, a xente poderá visitalo. Eu creo que Galicia merece unha explicación do que pasou, que non se dou.

 

 

[arriba] Juan Pérez coa 

 

súa avoa Josefa Portela e

 

[abaixo] durante a entrevista 

 

Fotografías cedidas por C. Babío

 

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará