Desde a nosa organización, radicada en Sada, non podemos máis que celebrar unha sentenza que obriga á familia Franco a facer entrega do Pazo de Meirás ao Estado sen indemnización algunha. Sendo unha das nosas principais finalidades a recuperación da memoria das persoas que padeceron a represión franquista –como os propios irmáns Suárez Picallo–, a nova coñecida no día de onte significa para nós un paso determinante para afrontar a ruptura co franquismo.
Temos que felicitar a todas as persoas, entidades e institucións que fixeron posible o termos chegado ata aquí, cun traballo colectivo de resultados máis que evidentes. Por vez primeira, xúlgase un aspecto esencial do franquismo atendendo ao contexto da ditadura e tendo moi en conta o traballo de historiadores e investigadores. Un proceso de moitos anos que se xesta, desenvolve e culmina en Galicia, e que ten á sociedade civil galega por protagonista.
Especialmente, debemos parabenizarnos de contar na nosa actual directiva con varias persoas que resultaron determinantes. Abel López foi o alcalde de Sada que promoveu a declaración do Pazo como BIC, coa súa apertura ao público, o que propiciou un debate esencial para termos chegado ata aquí. Manuel Pérez Lorenzo e Carlos Babío Urkidi son os autores do volume Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio (Fundación Galiza Sempre, 2017), que serviu como proba e como base documental da acusación nun xuízo no que ambos declararon. Pérez Lorenzo foi, ademais, un dos redactores dos informes históricos encargados pola Deputación da Coruña e o Parlamento Galego. Carlos Babío é a persoa que mellor exemplifica a tenacidade na loita pola devolución do Pazo de Meirás, cun traballo de investigación e reivindicación de dúas décadas que lle ocasionou varias demandas da familia Franco.
É certo que este proceso non remata aquí, mais a sentenza marca un fito que implica que calquera decisión futura contraria sexa dificilmente aceptable para unha gran maioría social. Na A. C. Irmáns Suárez Picallo seguiremos a traballar para ver o Pazo de Meirás en mans do pobo e para dar a coñecer a súa historia, a ferramenta que se revelou como máis poderosa neste xuízo. No vindeiro número da nosa revista Areal dedicaremos un dossier á análise da sentenza e do proceso que levou ata ela, para o que contaremos coa colaboración dalgunhas das persoas que o protagonizaron.
Entre tanto, só nos resta celebrar unha sentenza histórica para Sada e para Galicia.