VIAXE DE INICIACIÓN Á DIÁSPORA (II)

Xavier Alcalá

Ilustración orixinal de Siro para a serie de artigos  Viaxe de iniciación á diáspora         Imaxe cedida por X. Alcalá

 

Resumindo a primeira parte desta Viaxe de iniciación á Diáspora, permítame o amable lector de Areal que lle lembre como me enfrontei á emigración lonxe do noso país: 
O Andrés do Barro era un cantante de sona xa antes do 1972, cando situamos a acción das miñas crónicas –ilustradas polo Siro López– que foi publicando El Ideal Gallego. Viaxei co músico ata Lausana onde el ía cantar baladas nas que eu interviñera como letrista. Alá os galegos emigrados esperaban polo portador da palabra do seu pobo… Continuemos: 

5.- DO QUINTO CAPÍTULO:  Unha camareira acomplexada 

No establecemento onde iamos comprar o gravador da nosa ilusión […] apareceunos un señor que falaba inglés suficiente para andar naqueles asuntos. Moi amablemente, entre satisfeitos sorrisos, nos foi vendido, empaquetado e mandado para o hotel o famoso aparello dobremente estereofónico. Este foi o primeiro trato realmente bo que recibiamos na terra fría e neutral dos banqueiros e os mercadores. 

[…] Xa no cuarto do hotel pedín que viñese unha camareira a me pasar o ferro por unha camisa engurrada da viaxe. Ao entrar a moza, só con vela, logo souben que era galega: as prominencias da figura, as mans rosadas, a cor clara do cabelo, os pómulos marcados de veíñas… indicaban unha posible campesiña disfrazada de serventa. Unha onda de simpatía encheume a alma. Seguro da miña descuberta, faleille en galego: 

–Boa tarde. ¿Faríame o favor de repasar esta camisa? –mais ela preferiu estragar a lingua 

de dona Isabel a Católica: 

–Sí señor, déamela, que le voy mirar si hay alguien en lavandería. Si no, mismo se la plancho yo. 

Deille a camisa e pescudei: 

–Vostede é galega, ¿nonsí? 

–Sí señor, yo y más todas las compañeras del hotel. 

–Xa mo parecía, pero, como me falou en castelán… ¿Por que non me falou en galego? –insistín, descarado, na pescuda. Ela olloume estrañada e respondeu escudándose nun débil argumento: 

–Es que, como le llevo tanto tiempo fuera de allá… 

Afeito como eu estaba á diglosia en Galicia, chocoume esta actitude: en Lausana escoitábanse moitas linguas de emigrantes libres de dar conta das súas falas. 

Ilustración orixinal de Siro para a serie de artigos Viaxe de iniciación á diáspora        Imaxe cedida por X. Alcalá

 

6. DO SEXTO CAPÍTULO:  De novo cousas de linguas 

[…] No restaurante onde fixemos a cea da segunda noite] á beira da nosa mesa había outra cun só ocupante: unha moza loura de ollos claros que, de non ser polo ton moreno da pel, se podería xulgar perfectamente suíza. 

[…] comezamos indiscretos a facer comentarios sobre a súa beleza […] Ela, moi digna, parecía non prestar atención á leria, polo que a supuxemos allea totalmente á lingua que falabamos ata que, logo de acabar de cear e pagar, parou un momento diante de nós, dubidante. 

–Desculpem… –dirixíusenos–. Vocês percebem o idioma que lhes estou falando? 

Ficamos apampados: era portugués pegañento, sensual, puro brasileiro. 

–Perfeitamente –rompín o silencio. 

–Então, mais uma pergunta: qual é o idioma que vocês falam? 

–Galego –respondémoslle a coro e ela ollounos estrañada: 

–Galego? 

Convidámola a café connosco, contámoslle das nosas vidas [… e tamén] a convidamos a vir ao Palais de Beaulieu para coñecer mellor o que lle estabamos a explicar. Mais non podía acompañarnos; estudaba medicina e traballaba nun hospital. Aquela noite tiña servizo. 

Despedímonos todos da brasileiriña linda e ela foise, apurada, a bater o laxedo frío da beirarrúa, como marcando o ritmo dunha canción: «Tristeza, por favor vai embora…» 

No Palais de Beaulieu […] aquela noite había dous motivos diferentes para a xente se xuntar: nunha parte del, un festival de ópera italiana; noutra, a nosa festa […] Claramente se distinguían na rúa as persoas que ían á ópera das que ían á festa. 

Só nos filmes e o No-Do viramos tal luxo de damas con peles acompañadas por cabaleiros de abrigo adusto, gravata de bolboreta e chapeu. Fronte a eles, grupiños de galegos, en maioría varóns, co mesmo intento de melena, pantalón acampanado e botas con tacón. 
7. DO SÉTIMO CAPÍTULO:  «Ti choras porque te quedas, eu chorei por emigrar» 

Ao entrarmos no salón […]fomos recibidos por un caloroso ritmo afrocubano […mais] para fin de festa había o alí chamado «la vedette de ce soire», o Andrés do Barro… 

[O Andrés foi ao camerino vestirse para actuar e eu fun cara á barra] O primeiro en falarme –botando unha man co troco de moeda– foi un mozo rexo, de cara vermella, que dixo ser de Cedeira. Ao escoitaren a nosa conversa, achegáronse varios rapaces, un da Lourenzá, outro de Cee, outro de Santiago… Este grupiño inicial foise multiplicando dunha maneira abraiante […] Mentres duraron as actuacións de aperitivo falei, ata ficar sen voz, con todos os novos coñecidos sobre as súas vidas na Suíza; e foi tanto o que escoitei que non daba ordenado ideas. Por iso, cando anunciaron a actuación do Andrés e a xuntanza se foi desfacendo, fun para xunto do emigrante da Lourenzá, que me parecera o máis agudo dos interlocutores. 

[…]Quería eu saber algo da socioloxía daquel grupo humano, do que polo menos acertara en facer tres subgrupos: o dos solteiros, o dos casados coa familia na Suíza e o dos que a tiñan con eles no país de acollida, cada subgrupo coa súa particular queixa no desterro. 

O Do Barro cantaba «ti choras porque te quedas, eu chorei por emigrar». Provocaba na xente un respectuoso silencio; había algo de simpático e cordial na figura tímida do cantante galego… 

O meu compañeiro da Lourenzá non parecía moi interesado no show, ollaba o escenario a furto desde o bar e a min interesábame falar de aventuras e desventuras dos compatriotas na Suíza. 
8. DO OITAVO CAPÍTULO:  A confesión do emigrante 

Sentados á barra, a bebermos un coñac, o rapaz confesouse: 

–Aquí non se pode facer nada, isto é un aburrimento. Moitos aturámolo porque estamos a aprender o oficio que alá non podiamos, pero todos queremos largarnos. Que, iso si, para comer e durmir hai; e, se te pos enfermo, aténdente de moito mimo, todo pago, pero é para que te poñas ben axiña e ala, a traballar, a producir; e non te queren nunca ben. E non lle vaias facer as beiras a unha moza suíza, que, como esvares un pouquiño de nada, te desgracian… 

O Andrés cantaba de saudade, mar e ceo. O meu compañeiro cortou o discurso e, ao acabar a canción, en canto fervía o aplauso, proseguiu: 

–Os que peor o pasan son os que che teñen a familia alá e veñen aquí aforrar, porque ben ves o que vale un franco en pesetas. A maioría non saben ningún oficio e por iso métenos na construción; e haichos que viven sen auga nin luz, acortellados nun cabanote calquera, e de todo o que gañan non gastan máis que para comer, e o resto, todo, á caixa de aforros. ¿E sabes para que? Para montaren un bar na aldea e deixaren de traballar na terra, que dentro de pouco en Galicia vai haber máis bares ca xente, e o negocio vai ser: ti tomas as cuncas no meu bar e eu tomo os vasos no teu… 

Aquela visión aceda deixoume calado. Calamos, pensativos, ata que el se atreveu a pedirme que lle conseguise un poster do Andrés para o centro galego de Sion. 
Con tal propósito saímos para o camerino. 
. DO NOVENO CAPÍTULO: Efusións descontroladas 

[O Andrés asinaba o póster para os galegos de Sion cando] se oíron desde a porta voces apaixonadas: 

–¡Andresiño, Andresiño…! –e o Do Barro viuse collido na aperta frenética dun descoñecido–. Son Malpica, o futbolista de Ferrol. 

Era un home de idade media, ollos claros, sorridentes, e un algo de amargura marcado na cara […] O cantante, cordial, finxiu coñecelo e así arrincaba unha parola acerca do tópico futbolístico [que] pouco durou pois axiña se producía a entrada no camerino doutro home maior para se lanzar en poderoso abrazo contra o Andrés, rapaz de frouxa constitución física, que mal o aturou sen cambalear […] Despois sucedéronse mozos que, nunha efusión incontrolada, se precipitaron a saudalo. 

–¿Non che parece ridículo todo isto? 

–preguntei ao compañeiro da Lourenzá. 

–Pode selo, ho; pero tesnos que comprender. Todo o que nos cheira á Nosa Terra fainos perder o siso: éche coma un narcótico. Tiñas que vivir aquí un ano e xa verías. 

O ambiente do camerino facíase insoportable, malia que comezasen a entrar lindas admiradoras do cantante de Corpiño xeitoso. O Malpica retirouse convidando a «tomar algo» no bar. 
10. DO DÉCIMO E ÚLTIMO CAPÍTULO: A Europa verdadeira e a que soña con ela 

[…o antigo futbolista xustificou a súa emigración:] 

–Eu en Ferrol non che era nada e aquí son un obreiro, pero cun coche que alá non podedes ter. Xa has ver que coche teño, que te vou levar á casa a que tomes unha botella de champán… E xa me dirás ti cantos obreiros hai alá que poidan ter champán no frigorífico coma nós –ollou, amoroso, para a súa dona–. A miña muller traballa no que alí chamades «de marmota», pero aquí gaña un bo diñeiro e trátana coma unha señora, coma o que é. 

–Pois paréceme que ti es o único dos galegos de aquí que non renega da Suíza –arrisquei. 

–Poida ser. Renegar ou non depende de moitas cousas: se tes a muller e os fillos aquí e ela che traballa, e non falemos xa se che traballa un fillo… 

–Home, alá, se tamén pos a traballar a muller e os fillos… 

–Tamén, ho, tamén. Ora, alá, se atopas traballo para ti, aínda ben; pero non vas meter a muller a fregar escaleiras por catro patacos… 

[…] Nese intre chegaba o Do Barro [logo de despedir os xornalistas] e a conversa colleu rumbo cara ao «Ferroliño das nosas almas». Consultei o reloxo, eran as tres da mañá […] Ante as protestas de todos, falei de me retirar sen probar o champán que o Malpica gardaba no frigorífico. 

Era moi tarde e ficaban moitos quilómetros de estrada a percorrer no seguinte día cara aos Perineos, a cordilleira que divide a Europa en dúas partes: a Europa de verdade e máis a outra parte do continente que non coñece 

–mais soña con– Europa. 

Espero que os lectores de Areal fiquen cunha idea do que alá na Suíza atopou un burguesiño universitario no medio de tanto labrego (e pouco obreiro) emigrado. Como o tempo pasou e os mundos mudaron, voume permitir refrescar memorias coa anécdota que escribín na Conclusión daquelas Notas dunha viaxe: 
En Lausana, remexidos cos galegos, andaban portugueses. Entre estes fixen un amigo fuxido da tropa por medo a morrer no mato africano. Ao despedírmonos, pediume un favor: «Quando pisares terra portuguesa, beija o chão e lembra que cá estou ainda a chorar». 
No verán do 73, en Lisboa, lembrei aquel rapaz e –simbolicamente– curveime cara ao chan como para bicalo segundo el me pedira. Seis meses despois chegaba a Revolução dos Cravos coas notas de Grândola, vila morena. 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *