UNHA ESCULTURA DE ISAAC DÍAZ PARDO NA ALAMEDA DE SANTIAGO EN CONMEMORACIÓN DO CENTENARIO DO SEU NACEMENTO

Redacción Areal


A escultura, obra de César Lombera, colocouse provisionalmente no camiño que discorre entre o paseo dos Leóns e a carballeira de Santa Susana, na que se atopa a estatua de Castelao; á altura das escaleiras metálicas. Sentado nun banco, Isaac Díaz Pardo mira a cidade histórica, dende un espazo que representa a conexión entre a súa realidade, Compostela, e os seus ideais, representados en Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un dos seus referentes a nivel político, persoal e artístico.


A súa ubicación definitiva será no espazo situado ao final da Alameda, fronte á rúa do Cruceiro do Gaio, unha vez que remate o proxecto de obras do muro do Pombal, que incluirá unha conexión con esta zona. Unha zona dotada dunha impresionante perspectiva, que tantas veces debuxou Díaz Pardo co seu pai. A estatua colocarase contemplando a cidade que el coñeceu e as rúas nas que viviu: Carretas e a rúa das Hortas.

En representación da familia de Isaac Díaz Pardo participou na cerimonia un dos seus fillos, Camilo Díaz Arias. Durante o acto, o filólogo, poeta, narrador e dramaturgo Claudio Rodríguez Fer, leu unha poesía en homenaxe a Isaac Díaz Pardo. Ademais, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, realizou unha ofrenda floral.


Na súa intervención, o alcalde definiu a Isaac Díaz Pardo coma un “home tan sinxelo como extraordinario” e como un “exemplo de vida”, permanentemente “ilusionado, comprometido e, á vez, desconfiado”. Nado en Santiago e cun “enorme vínculo afectivo” coa cidade, para a mesma –afirmou Sánchez Bugallo – “é unha honra conservalo”, porque “Isaac vive en cada un de nós”.

César Lombera
César Lombera, nado en Baracaldo en 1953, chegou a Catoira, en Pontevedra, con once anos, localidade na que sigue vivindo. É o escultor dos intelectuais galeguistas, das Marías, e de escritores como Valle-Inclán. Esculpiu, entre outros, a Alfredo Brañas nunha rúa de Carballo; o conxunto escultórico de Bóveda, Castelao, Quiroga, Paz-Andrade, Casares e Cabanillas en Pontevedra; o monumento a Pablo Iglesias no barrio compostelán de Vite; a Valle-Inclán, por duplicado, na praza Méndez Núñez, en Pontevedra, e no paseo dos Leóns, na Alameda de Santiago. Tamén é o autor da estatua das Dúas Marías, e agora, da de Isaac Díaz Pardo.

Fonte: Concello de Santiago de Compostela

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *