París Joel
Pel de lúa, fría prata, pálida faciana,
vento en popa cara a Oesternesse,
terra hiperbórea de nubes preguiceiras,
cansas dun encerro biolóxico, bélico,
soterrado e travestido en simple néboa
onde todos somos invisibeis,
mazaias fronte o coronel Neville,
gardián das rosas, dos caraveis, dos fusís.
Mentres,
as rúas agardan unha choiva de pasos paquidermos,
lóstregos tambores dun sábado de esmorga,
unha ollada fixa no teu sorriso
e un disparo coma un bico infalible,
tan só sangue, carmín espallado nos beizos,
a axitación precisa que me fai sentir vivo
nun intre de tolemia redentora,
un salto pola fiestra dun pesadelo,
unha aterraxe incerta nun país deserto.
Non hai pegadas nin camiño,
só horizonte,
só desexo.