SCÓRPIO OU A PROCURA DO ROMANCE TOTAL

Rubén Anido Regueiro

Ricardo Carvalho Calero (1910-1990) deu ao prelo o romance intitulado Scórpio no ano 19871. É, pois, unha obra de madurez, e como tal, o seu autor verteu nela non só a súa experiencia vital, tan dilatada naquela altura, senón tamén as súas preocupacións sobre toda a problemática arredor da construción do romance como subxénero literario; isto último non resulta estraño se temos en conta que todo o século XX tivo como un dos eixos fundamentais da creación artística a reflexión sobre o texto e a súa infinita (re)construción2.

O autor, así pois, tencionou, ao noso modo de ver, levar a cabo, materializar un duplo obxectivo no que a súa propia figura –o Ricardo Carvalho Calero de carne e óso– aparece aquí e alá, se ben o autor parece coidarse moi ben de aparecer explicitamente servíndose do artificio literario, por el perfectamente manexado. En consecuencia, cremos que Carvalho se «agocha» tras dos personaxes, que el acopia para dar unha visión propia do mundo que lle tocou vivir tanto no pormenor como na visión de conxunto.

Scórpio, en certo modo, é un romance de formación. Isto, enunciado así, non parece nada novidoso tendo en conta que o autor ferrolán non abría precisamente un camiño novo, senón que máis ben segue un vieiro xa frecuentado anteriormente por outros escritores, entre os que quizais sobrancea no ámbito das nosas letras Ramón Otero Pedrayo co seu Arredor de si, publicado en 1930. A diferenza, ou máis ben, unha das diferenzas esenciais con Otero, é que mentres en Arredor de si todo xira arredor do personaxe protagonista, Adrián Solovio, alter ego do mestre de Trasalba, en Scórpio todo aparece máis difuminado grazas á presenza de múltiples voces, correspondentes aos diferentes personaxes que, cada un á súa maneira, contribúen á existencia da arquitectura narrativa. Poderíase falar, polo tanto, en termos narratolóxicos, de focalización interna múltiple3.

Cronoloxicamente, o tempo da historia que decorre no romance desenvólvese entre a infancia do autor e a morte do personaxe principal, Rafael Martínez alias Scórpio, nun bombardeo ao longo da guerra civil española. O autor, habilmente, artella todo nun entramado de relacións, de feitos, nos que vai tocando temas e materias moi diversas, facéndoo sempre na primeira persoa narrativa de cada personaxe en cuestión, quizais para lle dar maior verosimilitude ao relato e marcar tamén un distanciamento entre o autor e as súas criaturas de ficción.

Poderíase dicir que en Scórpio xúntanse, así pois, as preocupacións estéticas propias do discurso literario e mais a necesidade íntima de referir unha serie de acontecementos de orde histórica ou historiográfica, todos eles vistos inevitabelmente baixo a mirada do autor. Cómpre engadir, en terceiro lugar, o singular interese que reflicte o periplo persoal de cada un dos personaxes, individualizados nas súas pulsións, nos seus sentimentos e nas súas reaccións a todo canto acontece ao seu arredor. En boa medida, poderiamos dicir que o romance ten unha estrutura coral que non impide que cada un dos actantes manteña unha voz propia e perfectamente individualizada.

Canto ao primeiro dos aspectos mencionados, isto é, a problemática do romance e as inquietudes artísticas a el asociadas, encontramos non poucos exemplos, un deles en relación co xa mencionado Otero Pedrayo, cuxa influencia en Carvalho Calero é indiscutíbel4. Neste fragmento a voz narrativa correspóndese con Salgueiro, personaxe do que máis adiante habemos falar:

Mas agora quero escrever umha obra narrativa longa, un romance, roman, romanzo. Pouco hai disto na literatura galega. Nos tempos presentes aponta entre nós um verdadeiro romancista. Os caminhos da vida seria um grande romance –é-o, apesar de todo– se non se deixasse levar o seu autor numhas cantas páxinas pola sua excessiva afeiçom a fórmulas literárias românticas que nom podem dar mais de si. [p. 81]

De xeito parecido, preocupa a técnica e os temas empregados á hora de confeccionar o romance. O xa mencionado Salgueiro loita contra si mesmo nun mar de dúbidas tencionando escribir un:

De todos os jeitos, a obra avança. Mais, que classe de obra é? Todo som amorios de rapazes, com algumha nota costumista ou algum traço da época? Mas a gentes de dezasseis, dezassete, dezoito, vinte, vinte e dous anos, que som os que até agora tenhem os mais dos meus heróis, sendo como eles som gentes da classe média, que lhes vai ocorrer senom o que no meu romance lhes ocorre? [p. 126]

Así mesmo, hai momentos en que a narración adquire tintes inequivocamente líricos, como é o caso do monólogo de Chéli que ten como obxecto a Rafael, Scórpio. Cremos que aquí está presente a idea oteriana e tamén romántica da mestura de xéneros literarios, aínda que Carvalho parece conterse decorosamente no extremo poético na maior parte da obra:

Nunca o meu sono está livre de estremecidos sonhos nos que ti sempre estás presente, umhas vezes porque volves a mim ou eu volvo a ti, outras porque te procuro sem achar-te, ou acho-te deitado no chao numha árida paisagem nocturna, e non dás a mao nem a pé cando te chamo e choro sobre ti, e as minhas báguas te molham o rosto, e tés fechados os lábios e nom falas [pp. 265-266]

Algo semellante acontece coa elexía final de Salgueiro, motivada pola fin de Scórpio. Porén, aquí o pesimismo do personaxe é o pesimismo ao contemplar un mundo que se derruba no ano 1936. O ton do texto é, deste xeito, alén de pesimista, patético tomando o sentido etimolóxico desta palabra, de dor. Non podemos subtraernos á idea de que tras das palabras de Salgueiro está o propio Carvalho Calero a rememorar aqueles momentos5:

Se sobrevivo, e tenho sossego para isso, talvez retome aquel projecto que outrora alimentei de escrever a tua história. De inventá-la, pois foste sempre un mistério para mim. Mas, quem pensa em escrever a história de um home agora que agoniza todo um mundo? [p. 389]

Resulta cando menos curioso que Scórpio sexa un personaxe construído a través das palabras dos outros personaxes, até o punto de se tornar nunha especie de sombra que pouco a pouco se vai materializando deica chegar ao anticlímax final protagonizado por Salgueiro ao rememorar a figura do protagonista.

Tal como se sinalou anteriormente, o romance tamén funciona como unha especie de espello dos diferentes acontecementos históricos sufridos por Galiza entre, aproximadamente, 1910 e 1936. O autor, deste xeito, fai referencia a antigos monárquicos e galeguistas no momento en que se proclama a II República:

Logo, um home de volumosa presença e barbas pimargallianas, a quem bem conhecia eu como velho republicano que el era, tomou a palavra, e declarou que aquel era o dia mais feliz da sua vida, e que já podia morrer tranquilo, porque a democracia e a liberdade reinavam no país, e em breve haviam ser lembrança esmorecente os vergonhentos anos da Monarquia, cúmplice da Ditadura. Todos aplaudimos com frenesi, e dando vivas e morras espalhamo-nos polos cafés e as tabernas para celebrar o triunfo [pp. 116-117]

No romance aparecen, entre outros, galeguistas de primeira orde como o sadense Ramón Suárez Picallo ou ou ourensán Alexandre Bóveda, neste caso nos tempos da presidencia de Azaña:

Ramom Suárez Picalho crê que caminhamos para umha forma de ditadura encoberta que deve exercer Azaña. Bóveda, sempre tan confiado na eficácia do liberalismo e a democracia, pergunta se isso fará outra cousa que agravar a situaçom [p. 199]

Deste xeito, resultará inevitábel a evocación dos feitos relacionados co Referendo de Estatuto de 1936, neste caso desde a perspectiva de Salgueiro:

Reunimo-nos numha sala do Congresso dos Deputados, parlamentários e compromissários galegos da Frente Popular, para tomar acordos relativos à celebraçom do plebiscito proposto para o referendo do Estatuto. Como eu era o mais novo entre os reunidos, actuei como secretario. Passeando polos passadiços do Palácio, Bóveda dixo-me com grande seriedade: «Aqui temos que vir nós». [p. 199]

A situación de Cataluña tamén aparece vista desde unha suposta incomprensión dos feitos. Nótese a ironía que se transloce do texto:

Convimos em que o mais assombroso foi a falta de seny que demostrarom os cataláns. Cuitados! Deixarom-se levar polo seu romantismo patriótico e proclamaron o Estat Català dentro da República Federal Espanhola sem contar coa força necessária para impor umha e outra cousa numha Catalunha onde o exército espanhol vigiava e numha Espanha onde Catalunha é invejada e aborrecida. [p. 167]

Sexa como for, o fracaso da República, con todo o que isto trouxo consigo, tamén ocupa –como non podía ser doutro xeito– un lugar relevante no texto:

Recebim a República com ilusom, mas é evidente que agora a República nom pode dominar a anarquia. Pistoleiros de um e outro lado tiroteiam-se em Madrid, e as execuçons de inimigos políticos parecem justificadas aos exaltados de qualquer signo [p. 224]

Visto isto, non cabe dúbida de máis que certa vontade memorialística que leva ao autor a intentar ofrecer uns materiais literarios nos que destaca, desde a distancia dos anos, a evocación dun pasado histórico que amosa dúas dimensións, ambas dunha grande relevancia: a persoal e mais a colectiva ou social, entremesturadas decote co propio corpo narrativo do relato, no que cumpren un papel esencial a multiplicidade de personaxes. Estes personaxes, perfilados a través das súas palabras e das súas accións, ás veces son meras comparsas, mais noutras adquiren o estatus de personaxes redondos, complexos, entre os que o máis interesante resulta ser Salgueiro, que cremos reúne os trazos autobiográficos máis sobresalientes. Se Scórpio é en certo modo o modelo en que o autor quere mirarse, Salgueiro é o modelo próximo, verosímil, e del depende en boa medida a forza narrativa do romance todo6.

 

1 Para a elaboración deste traballo partimos da quinta edición da obra, tirada do prelo en outubro de 1996 pola editora Sotelo Blanco de Santiago de Compostela. Os números que aparecen entre corchetes correspóndense ás páxinas da edición por nós manexada.

2 Probabelmente, o autor tivese en conta, neste sentido, obras como Niebla (1914) de Miguel de Unamuno ou, máis próxima á súa época, Fragmentos de Apocalipsis (1977), do seu paisano Gonzalo Torrente Ballester, romances que teñen a súa esencia na reflexión metaliteraria.

3 Araceli Herrero Figueroa («A creación literaria do profesor Carvalho Calero», en Encontros con Don Ricardo, Concello de Ferrol, 2019), subliña que Scórpio podería cualificarse de «romance polifónico» precisamente por mor da mencionada focalización interna múltiple.

4 Cómpre lembrar que o romance de Carvalho A xente da Barreira, publicado en 1951, é o primeiro da posguerra na literatura galega, e tanto a súa ambientación como a súa temática recordan, por exemplo, a triloxía de Otero Os camiños da vida (1928), mencionada na cita que aportamos. Lembremos, así mesmo, a influencia xeral exercida en todos os sentidos polo mestre de Trasalba nos autores da chamada Xeración do 36, na que Carvalho milita.

5 Nesta pasaxe parecen ecoar, de xeito case profético, as palabras do propio Carvalho, que daría á luz o romance xa moi ao final da súa vida. Cremos que non se trata dunha interpretación simplista -ou simplemente romántica, se se nos permite expresalo así- senón que aquí, como noutros lugares, parece estarmos ante un romance de memorias ou, tamén, un libro de memorias feito romance.

6 Lembremos as orixes humildes deste personaxe, que cimentan a súa grandeza posterior por puro contraste, isto é, parece que o autor quixo facer unha especie de contrapunto no que Scórpio é case «vítima» por cando nos parece demasiado perfecto, case unha idea que había rematar cos terríbeis acontecementos de 1936. Desde un punto de vista narratolóxico, Salgueiro ou mesmo Sagitário son personaxes máis interesantes do que o propio Scórpio, aínda que isto poida parecer algo paradoxal. Porén, o título do romance non ten nada de paradoxal por canto representa unha chea de soños fanados para toda unha xeración.

Imaxe que acompaña ao texto.  Carvalho Calero no parque Rosalía de Castro de Lugo (1986)

Fotografía de Eduardo Ochoa
cedida por Carmen Blanco

LETRAS GALEGAS 2020 | CARVALHO CALERO

 


 

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *