ESPELLOS

Nacho Taibo

Coñecía moi ben o D’alí, tan estreito, suficiente para min no coñac raspón barato e xeneroso… Hoxe serán non sentei na barra. Foi nun andel lateral.

Entón vin todo. Vivino.

O tallo fica entre dous espellos escuadrados, con outro oblicuo na barra: víame sete veces repetido desde todos os ángulos, todos os puntos de vista agás o meu.

Por primeira vez decateime da calva cenital: o vello de perfil, forzada a postura, era eu, outro diante, un da banda oposta. Sete que sumaba, eran todo? Habería máis?

Eu polipétala, heptamorfa, espida ante min irredenta como nunca me vira nas fotos onde non me recoñezo, pausado movemento, animadas actitudes que sentín máis reais do que até entón…

Sería a viaxe astral: eu morta a contemplarme do alto con moita máis percepción que nunca sobre min. Emocionábame descubrir o ser descoñecido que por cabo desentrañaba. Chorei.

Na emoción conturbada na arroutada impensada acometín o que tiña diante, espello primixenio, o maior. Non rompeu. Contra o que pretendera, non o deu roto a miña agresiva obsesión furadora, que o atravesei: sentín como o traspasaba sen dor, ruído, sen tento.

Nestoutro mundo venme 8, 64, 256 ollos meus e sei quen son, ignoro como me chamo porque o nome é lexión e son todos os nomes, home e muller, atópome en Jodhpur hindustani, no meu paraíso no Maranhão, a cisterna de Istambul, rúa do Franco, en Micenas a rica en ouro, e non existo.

Deixo de existir se o tempo corre. Se volve a andar, o malnacido tempo reconstrúe o espello esnaquizado. 

Mais

mentres se deteña             e sosteña o tempo                e o reteña

seguirán a se multiplicar espellos até cifra que tende ao infinito

ireime disolvendo entre as potencias tantas dos amigos máis queridos que pasaron alén. Ao

Alén

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará