A A. C. IRMÁNS SUÁREZ PICALLO RECIBIREMOS ESTE DOMINGO O PREMIO GABRIEL BARREIRO TOURAL, “GARABATO”

Unha representación da asociación recollerá o premio o vindeiro día 30 en Palas de Rei.

As Asociacións Culturais A orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar de Donas “Os Lobos”, Alentía Teatro e Metátese Teatro veñen de comunicarnos a concesión, por unanimidade, do Premio Gabriel Barreiro Toural, “Garabato”. O galardón, que chega á súa terceira edición, premia a entidades que se distingan pola súa labor en defensa do patrimonio cultural.

O premio está dotado cunha peza da artista ourensá María Iglesias Gil e cunha contía económica de 1.000 euros.
O xurado salienta, entre os argumentos que fixeron que este recoñecemento recaese na A. C. Irmáns Suárez Picallo, “a defensa decidida do patrimonio cultural galego”, “a óptima labor cultural no eido da recuperación histórica de sadenses ilustres”, “a promoción da investigación, da recompilación e da difusión da obra de personaxes ilustres” ou “o compromiso co intercambio cultural con diferentes persoas, asociacións e institucións”.

O premio será entregado o domingo 30 de agosto, despois da función de Metátese Teatro “Detrás das máscaras”, no marco da XXI Mostra Internacional de Teatro Amador de Palas de Rei.

Para a A. C. Irmáns Suárez Picallo é unha honra obter este recoñecemento, moi significativo polas traxectorias das entidades que o conceden, referenciais na dinamización cultural e na promoción da lingua e da identidade galegas.
Novas relacionadas:

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *