TRAXEDIA NA RIA. 23 FALECIDOS AO NAUFRAGAR UNHA LANCHA A REMOS (II)

José Manuel Borrazás Babío

Do naufraxio recollido a través dos distintos medios da prensa escrita da época, e dada a ausencia doutros datos publicados que resulten coñecidos, centrarémonos no presente traballo en dúas cuestións, que serían: a posible aparición dos cadáveres dos náufragos, e tamén os barcos aos que pertencerían moitos deles. 

Ata este momento tense constancia da existencia de once corpos dos náufragos aparecidos en diversas zonas da costa do denominado Golfo Ártabro, comprendida entre o municipio de Ares e o municipio de Oleiros. 
Para un mellor desenvolvemento do traballo de recuperación dos cadáveres e a súa localización tanto no referido á data de aparición como ao lugar da costa onde foron arrastrados polas correntes, imos catalogalos do modo seguinte: 
Mariñeiro 1.- Aparecido na mañá do dia 23 de febreiro de 1879 na praia de Ares (municipio de Ares). Resultou chamarse A. M. F., veciño da Coruña, solteiro, de 21 anos de idade. Era mariñeiro de 2ª clase da dotación da corveta da Armada «Villa de Bilbao». 
Mariñeiro 2.- Aparecido na mañá do día 8 de marzo na costa de Lourido-Carnoedo (municipio de Sada). O seu nome era J. S. G., veciño da Coruña, casado e de mediana idade. Era membro da tripulación do Remolcador da Armada «Ferrolano». Enterróuselle ese mesmo día no inmediato cemiterio de Carnoedo. Aparecen noticias súas na edición do día 17 de maio de 1879 no xa citado diario El Correo Gallego de Ferrol. 
Mariñeiro 3.- Aparecido na mañá do día 11 de marzo no porto de San Pedro de Cirro-Veigue (municipio de Sada). Chamábase J. P., descoñécese o seu domicilio, de mediana idade. Non hai datos do barco a que puidese pertencer, aínda que dos restos aparecidos pódese dicir que era da dotación da xa citada corveta da Armada «Villa de Bilbao». Foi enterrado esa mesma mañá no cemiterio de Veigue O mencionado diario El Correo Gallego de Ferrol daba noticias súas na súa edición do día 4 de maio de 1879. 
Mariñeiro 4.- Aparecido tamén o día 11 de marzo no lugar de Marcote na costa de Boebre (municipio de Pontedeume). Non se dispón de máis datos sobre a súa identidade e domicilio, nin tampouco sobre o barco do que puidese proceder. 
Mariñeiro 5.- Aparecido na mañá do día 12 de marzo na costa de Armenteiro-Carnoedo (municipio de Sada). Non se coñece nin a súa identidade nin o seu domicilio. Era membro da fragata da Armada denominada «Carmen». Xa ese mesmo día déuselle enterramento no cemiterio de Carnoedo. 
Mariñeiro 6.- Aparecido na mañá de día 13 de marzo no porto de Boebre do lugar de Andahio (municipio de Pontedeume). Non son coñecidos datos da súa identidade, do domicilio, nin do barco ao que pertencía. 
Mariñeiro 7.- Aparecido na mañá do día 14 de marzo no porto de Sada (municipio de Sada). O seu nome era D. F. R., veciño de Sada, 30 anos de idade, casado con tres fillos con idades entre 11 e 4 anos e a súa muller embarazada. Era un dos remeiros do bote a remos e ademais era cuñado do patrón do citado bote. Foi enterrado esa mesma mañá do día 14 no o cemiterio de Sada. 
Mariñeiro 8.- Aparecido tamén na mañá do mesmo día 14 no Lugar de Armenteiro-Carnoedo (municipio de Sada). A súa identidade era A. G. B., maior de 30 anos, tamén veciño de Sada; estaba casado e deixou viúva e catro fillos menores con idades desde 11 anos a 2 meses. Era o patrón do bote a remos e cuñado do citado D. F. R.. Enterróuselle a tarde do día 14 no cemiterio de Carnoedo. 
Mariñeiro 9.- Aparecido na mañá así mesmo do dia 14 de marzo no lugar de Armenteiro-Carnoedo (municipio de Sada). Non se coñece nin a súa identidade nin o seu domicilio. Dos restos do vestiario podemos estimar que pertencía á corveta da Armada «Villa de Bilbao». Foi enterrado no inmediato cemiterio de Carnoedo na tarde do mesmo día 14. 
Mariñeiro 10.- Aparecido tamén na mesma mañá do día 14 no lugar de Armenteiro-Carnoedo (municipio de Sada). O seu nome era V. P. e con domicilio descoñecido. Tamén podería pertencer á dotación da corveta da Armada «Villa de Bilbao» segundo os restos do vestiario. Enterrado esa tarde no cemiterio de Carnoedo. 
Mariñeiro 11.- Aparecido na mañá do día 19 de marzo no lugar de Armenteiro-Carnoedo (municipio de Sada), Non se coñecen datos sobre a súa identidade e domicilio, aínda que segundo os restos do vestiario pertencía á corveta da Armada «Villa de Bilbao». Foi enterrado esa mesma tarde no cemiterio de Carnoedo. Dá conta do seu naufraxio o diario xa citado El Correo Gallego de Ferrol o día 17 de maio de 1879. 
Ata o día de hoxe non foi posible a localización e estudo de datos das outras 12 persoas falecidas neste naufraxio, así que seguirán realizándose traballos de investigación sobre os mesmos ao obxecto de chegar a esclarecer documentalmente aquel calamitoso naufraxio ocorrido o día 22 de febreiro de 1879 co saldo penoso de 23 falecidos. 

Mapa das localizacións de cadáveres ao longo das costas do Golfo Ártabro

Plano de las Rías de Ferrol, Coruña y Betanzos levantado por el Brigadier de la Real Armada D. Vicente Tofiño de S. Miguel

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará