A Rede Feminista Sadense xurde neste 2020 a raíz dunha necesidade da sociedade na que vivimos, na que vivimos moitas…. outras xa non, porque as mataron.
A violencia machista é a lacra do século XXI, un asasino silencioso que, estatisticamente, arrebátanos a unha de nós cada cinco días. Vinte dende o 1 de Xaneiro de 2020, máis de mil dende o 2003, e, agora mesmo, mentres escribimos salta unha nova sobre outro asasinato, esta vez en Las Palmas; unha masacre.
Dende a Rede Feminista Sadense queremos poñer nome e apelidos a cada unha delas, non queremos que sexan so números, pois eran irmás, avoas, nais, amigas… Mónica, Ciara, Olga, Judith, Liliana, Mary, Manuela, Rosa, Lorena, Ana María, Clara, Alina, María del Mar, Manuela, Esther, Conchi, Mónica, Miren, Paula, Elena…
As cifras son importantes porque fan visible a enormidade á que nos enfrontamos, pero só fan visible unha parte. Quedan fora moitas mulleres que, afortunadamente, non foron asasinadas pero que ao longo da súa vida tiveron que sufrir a violencia de xénero. Nin sequera nos atrevemos a pensar de que cifra estariamos a falar entón, centos de miles? Millóns?
Tamén temos empeño en sinalar aos asasinos e en lograr que a sociedade o faga con nós, porque estes individuos son perigosos para todas. Ese asasino quizais parecía un veciño máis, un bo pai, unha boa persoa; todo mentira. A realidade é ben diferente, a realidade é que era, ou é, un home que non aceptou un non por resposta, que non aceptou que a relación rematase, un manipulador, un maltratador, un asasino. Nada nos protexe, no máis próximo tamén hai vítimas e verdugos, a violencia de xénero non entende de idade, de clase, de raza, de nivel educativo ou de procedencia.
Por cada asasinato convocamos unha xuntanza (o día seguinte ás 20:00 na Praza da Peixería), unha reunión pública na que berramos e visibilizamos a dura realidade que afrontamos as mulleres.
Foi unha gran idea, pois fíxonos ser máis conscientes da realidade da violencia, que é un goteo constante. Quixemos que nos moleste e molestar, desprazarnos, ir até alí, saír da casa, coñecer os seus nomes, a súa idade… dar ese paso fixo que poñamos cara e vida a mulleres ás que lle foi arrebatada. Este ano está a ser terrible e nada fai pensar que vaia haber un freo. Sufrimos a diario por todas esas mulleres que agora, en época de confinamento, conviven vinte e catro horas ao día co seu agresor.
Queremos loitar para que se traballe de forma seria e continua en materia de prevención da violencia machista en todos os ámbitos: educativo, social, laboral… Queremos, tamén, que haxa unha dotación de recursos suficientes para garantir a protección e intervención ás vítimas, que pasan por un duro e longo procedemento a nivel xudicial, psicolóxico e económico.
Ás que defendemos a igualdade chámanos feminazis, adoutrinadoras, manipuladoras, xeradoras de odio cara aos homes; incrible. Nin unha palabra para os agresores, so verbas sen sentido e ofensivas que tratan de desacreditar ás que erguemos a voz para sinalar o machismo e repudialo. Quérennos caladas, pero non imos facelo, xa hai moitas de nós que, por desgraza, foron caladas para sempre.
[Nesta imaxe] Choqueirada feminista organizada no pasado Entroido [arriba] Integrantes da Rede Feminista Sadense en Cerámicas do Castro (Sada ) Fotografías das autoras
Dende a Rede organizamos tamén os «Domingos Lila», o último domingo de cada mes, nos que a través de obradoiros, charlas e conferencias de especialistas, exposicións, performances… trátanse multitude de temáticas referidas ás mulleres e por ende, a toda a sociedade… violencia sexual, educación, arte, cultura, deporte… querendo destacar a invisibilidade que a cotío se produce sobre nós.
Todas contamos e todas somos necesarias. Contactade con nós, agardámosvos.
Mail: redefeministasadense@gmail.com
Polas que xa non teñen voz e polas máis novas que veñen detrás. Por una sociedade igualitaria e libre de violencia de xénero.