Casa dos Oreiro, en Sada de Arriba, no seu estado actual Fotografía do autor |
Paredes que, despois de séculos acubillando o discorrer de varias xeracións, van esboroándose ata exhibir as entrañas das casas. Tellados que ceden ao paso dos anos e do abandono e abren á intemperie estancias das que a chuvia borrará todo rastro do que foron. Edificios de formas apenas presentibles baixo a maraña de vexetación que desgarra os seus muros ao tempo que os sostén. Esta é a percepción de quen percorre con atención as rúas, estradas e camiños do concello de Sada. A dun rico patrimonio cultural que esmorece, levándose canda si un parte esencial da nosa identidade. E faino a un ritmo que obriga a falarmos dunha situación de emerxencia na que cómpre desenvolver actuacións decididas se non queremos que moitos dos danos resulten irreversibles. De seguido imos analizar, a xeito de alerta e coa brevidade que impoñen os límites de espazo, o estado no que se atopa o patrimonio cultural construído –arqueolóxico e arquitectónico– do noso municipio, non sen antes realizar un percorrido nun pasado recente no que Sada se caracterizou, xa non pola perda progresiva de bens de valía histórica, senón pola súa directa destrución.
UNHA OLLADA AO PASADO: A DESTRUCIÓN DE PATRIMONIO ARQUITECTÓNICO EN SADA
Nas últimas décadas do século XX e a primeira do XXI tivo lugar a máis drástica transformación da morfoloxía urbanística que o concello de Sada experimentou na súa historia. Un crecemento que elevou a poboación desde os apenas 7800 habitantes de 1980 ata superar os 14.000 en 2008 e fixo medrar o número de fogares de 2238 en 1981 a 5750 en 20111. A falta dunha planificación axeitada, dun sistema efectivo de catalogación e dunha vontade política por parte da administración municipal, levou a que se sucedesen, ata o ano 2007, as demolicións de edificios que facían parte sinalada do patrimonio cultural de Sada.
Tal é o caso da igrexa de Sada de Arriba, construída no século XVII, que no ano 1992 perdeu a súa nave principal como consecuencia do desmonte realizado para a construción dun edificio plurifamiliar nas súas proximidades. O Concello de Sada derrubou as partes que aínda quedaban en pé (a portada, a cabeceira e unha capela lateral), optou por non conservar boa parte do mobiliario interior e construíu un novo templo no que apenas se recolocaron as pedras da espadana. Décadas antes, nos anos 60 e 70 respectivamente, desapareceran tamén as igrexa parroquiais de Meirás e Mondego, substituídas por recintos sagrados de nova planta.
Tamén foron derrubadas varias edificacións señoriais: a torre de Mondego (1978), que fora residencia do intelectual ilustrado Joseph Cornide no século XVIII, a casa do Sarxento (2006), en Meirás, edificada na mesma centuria, ou a casa Companioni (2005), en Riobao, unha quinta de verán de finais do século XIX arrodeada de xardíns ornamentais. Da perda da primeira delas, laiábase o escritor Carlos Martínez-Barbeito na súa obra Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña, no que lle dedicaba unha entrada: «Terminado este capítulo y al imprimirse estas líneas, llegan noticias de la total destrucción del pazo de Mondego»2.
Ademais, así nas parroquias como, sobre todo, nos núcleos urbanos de Sada e Fontán, foron desaparecendo progresivamente vivendas de tipoloxía tradicional ou ben de influencias modernistas e eclécticas. Cómpre sinalar o edificio que acolleu as dependencias de Correos, na rúa Linares Rivas, a casa de María Golán, na praciña do Conde, a da familia Tíe Gestal, na avenida da Mariña ou as das familias Freire Golán e Castro Dans, na avenida Barrié de la Maza, por citar algúns exemplos de entre unha lista inabarcable.
Un presente pouco alentador: a situación actual do patrimonio arquitectónico
Os cambios á fronte da administración municipal que se sucederon a partir de 2007 supuxeron un cambio no que respecta á xestión dun patrimonio arquitectónico xa entón considerablemente minguado. Iniciou entón a súa andaina a tramitación dun Plan Xeral de Ordenación Municipal que, aprobado definitivamente en 2017, dotaría a Sada dun catálogo de patrimonio, impedíndose aquelas actuacións que puidesen pór en perigo a supervivencia dos elementos obxecto de protección. Un documento que, malia ser mellorable, marca un antes e un despois e abre importantes expectativas, pero en si mesmo non resolve o problema. O certo é que, na medida en que un ben está catalogado, impídese agora a súa destrución deliberada. Mais non así a súa desaparición por abandono. E esa é, precisamente, a perspectiva de futuro ante a que hoxe se atopan numerosos exemplares irreemprazables do noso patrimonio construído.
No núcleo urbano de Sada, chama a atención o estado no que se atopa o seu edificio máis icónico, o que quizais sexa a mostra máis significativa do modernismo en Galicia. A Terraza, que vén de ser declarada Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia, presenta sinais moi preocupantes de deterioro, de singular gravidade por se tratar dunha construción na que a madeira é o material predominante. En estado de abandono atópase tamén o antigo salón Moderno, de trazo igualmente modernista, que acolleu, ademais da sala de baile, a casa do Concello e foi escenario de importantes acontecementos políticos e sociais. Sen movérmonos demasiado, un percorrido pola avenida Barrié de la Maza ou polo conxunto de rúas e calexas que conforman o barrio da Tenencia servirá para constatar a cantidade de vivendas de valor histórico, artístico ou etnográfico que se atopan deshabitadas, moitas delas cun avanzado deterioro ou mesmo ameazando ruína. É o caso da casa nº 33 da rúa José Monzo, último vestixio do modelo de vivenda tradicional que predominaba en Sada ata comezos do século XX: o edificio de dous andares con corredor de madeira no segundo. A poucos metros, os solares aínda baleiros tráennos a dolorosa evidencia do que xa foi destruído.
Tamén nas parroquias podemos contemplar algunhas mostras de arquitetura popular que percorren os últimos pasos no camiño da súa desaparición. En Mondego mantense aínda en pé unha casa que formou parte do complexo de edificacións do desaparecido pazo de Joseph Cornide. Representativa dun modelo construtivo do que quedan xa moi poucos vestixios, hoxe xa perdeu parte do tellado e o seu futuro é incerto, malia estar catalogada.
A arquitectura señorial tampouco goza de boa saúde. O caso máis palpable é o da casa de Oreiro, en Sada de Arriba, unha vivenda que non destaca polo seu tamaño, mais si polo escudo que loce sobre a súa porta, pola presumible antigüidade e pola relación histórica coa veciña igrexa parroquial, situada a escasos metros e na que se emprazaba, anexa a ela, unha capela fundada pola familia propietaria da casa. Pois ben, catalogado con grao de protección ambiental, integral no caso do escudo, este edificio está hoxe en estado de ruína, ata tal punto que hai escasos meses vén de derrubarse unha das súas fachadas.
En non moito mellor estado se atopa outra construción similar, neste caso no Castro, Osedo. Trátase dunha casa de planta rectangular e muros de pedra, revocados e pintados de branco os uns, coa pedra a vista e esquinais de cantería os outros. Na fachada principal presenta tamén un escudo, mais, neste caso, por estar nese momento oculto baixo a maleza, non foi advertido nin catalogado, o que motivou a clasificación do edificio como arquitectura popular, non señorial, con grao de protección ambiental. Hoxe atópase en estado de abandono, ameazando ruína, como ruína xa son, en risco de desaparición definitiva, as dúas casas reitorais, anteriores ao século XIX catalogadas no PXOM: a de Soñeiro e a de Meirás.
Cómpre sinalar tamén o contraste entre a riqueza do noso patrimonio arqueolóxico, xa ligado á cultura castrexa, xa á dominación romana, e a falta de actuacións que o teñan posto en valor. Os Castros de Meirás, San Amede, Espiñeiro e Taibó, en Carnoedo; Riobao e Os Cotos, en Sada; Agra das Arcas, en Osedo; Punta do Castelo e Castro da Fraga, en Veigue… ou o relevo romano do cemiterio de Soñeiro carecen de sinalización apropiada e conviven con actividades que poñen en perigo a súa integridade.
Este estado das cousas é alarmante por irreversible, porque cada vestixio do pasado que se converte en entullos desaparece para sempre. Pero tamén porque supón a nosa renuncia, como sociedade, a coñecernos mellor e a aproveitar as oportunidades de futuro –a nivel cultural, educativo e económico– que o noso patrimonio arquitectónico nos ofrece. Como quen garda un tesouro.
Na imaxe da esquerda, Edificio en Mondego que pertenceu ao pazo de J. Cornide. Na dereita, vivenda tradicional da Tenencia
Fotografías do autor |
1 https://www.ine.es/jaxiT3/Datos.htm?t=2868, https://www.ine. es/intercensal/intercensal.do;jsessionid=9A9B9AFD435CE82DE8 D4FC0375025029.intercensal01.