O COMPROMISO DE RAMÓN SUÁREZ PICALLO COA FEDERACIÓN DE SOCIEDADES GALEGAS NA ARXENTINA

Abel López Soto

A emigración á Arxentina levou a milleiros de galegas e galegos a fundar alí asociacións onde poder reunirse, falar e lembrar a terra que os viu nacer. Moitas vilas e concellos tiveron, a maioría conservan, o seu Centro onde se reunían e se reúnen as persoas emigradas e os descendentes. É o caso do Centro Sada e Contornos, o único que aínda existe da diáspora sadense. 
No primeiro decenio do século XX comezouse a ver a necesidade de aglutinar a ese gran movemento asociativo, co fin de formar organizacións máis potentes que serviran tamén para combater o caciquismo que mantiña no atraso á Galiza que os viu emigrar. Esta idea foi impulsada de maneira determinante por líderes vinculados ao agrarismo, entre os que destacou Alonso Ríos que sostiña que 

o patriotismo non debe consistir soamente en axudar con escolas e en organizar romarías, senón que debe desenvolver unha acción política tendente a acabar coas rémoras que entorpecen o progreso…. 

No 1920 aparece o primeiro manifesto do nacionalismo galego en Bos Aires, asinado entre outros por Alonso Ríos, Blanco Amor e Picallo, no que se acorda, entre outras cousas, 

Coordinar a acción particularista e isolada das sociedades dos emigrados nunha común finalidade d’axuda única a Galicia e a tóda-las súas cousas, sobre todo aquelas que tendan ó seu progreso autenticamente galego1. 

E foi precisamente Alonso Ríos a persoa elixida o 14 de novembro de 1920 para presidir unha comisión organizadora desa unión e que acabaría sendo o xermolo dunha importante Federación que celebraría o seu Congreso constituínte o 24 de setembro de 1921. Nace así a Federación de Sociedades Agrarias y Culturales de la República Argentina (En adiante FSG).
 

Na imaxe superior dereita, Suárez Picallo no Bos Aires dos anos 20, falando na Federación de Sociedades Gallegas acerca dunha viaxe que viña de realizar por Europa (Céltiga 25/10/1926)   Nesta imas: En pe, Eduardo Blanco Amor e Ramón Suárez Picallo coa directiva da 

Federación de Sociedades Gallegas nos anos 20 (Fotografía cedida por Lois Pérez Leira)

Ramón Suárez Picallo ingresou no ano 1924 nunha FSG que desde os primeiros pasos xa se apreciaban dúas correntes importantes: o galeguismo e o españolismo. Alonso Ríos era un dos líderes da corrente nacionalista, xunto con Picallo e Blanco Amor. Ramón entrou a formar parte dos órganos directivos da FSG como delegado da Sociedade Nueva Era de Vilanova da Arousa, e foi elixido membro da xunta directiva no IV Congreso celebrado no ano 1925, incorporándose tamén ao comité de redacción de El Despertar Gallego, o xornal da Federación (en adiante EDG). 
Blanco Amor e Picallo deixaron constancia do seu pensamento con multitude de artigos. No número correspondente ao 19 de xullo de 1925 preguntábase Picallo: 

Es Galicia una nación?. Lo es, sin duda alguna. Pues tiene una lengua propia, unidad espiritual inconfundible, rechaza las corridas de toros, posee una música diferenciada, una literatura emotiva y saudosa. Galicia es atlántica y cantábrica, lo que le da una unidad racial, histórica, geográfica, topográfica y hasta climatérica»2. 

Nese IV Congreso, Blanco Amor, Picallo e Alonso Ríos, entre outros, comezaron a imprimir un marcado carácter nacionalista á FSG, que tiña a súa manifestación no xornal EDG, onde a práctica totalidade do seu consello redactor actuaba en clave nacionalista. Isto provocou receos no sector socialista que tildaba de «galleguismo excesivo» ao principal órgano de comunicación federal. Estes desencontros acabarían sendo recorrentes en toda a vida da FSG, na que se intercalaron épocas de maioría nacionalista, socialista e nalgún momento incluso comunista. 
Así, no V Congreso (1928) prodúcese un cambio na dirección da FSG e no seu órgano de difusión que se recolle no número 133 de EDG con estas palabras: 

En un tiempo nuestro periódico y nuestros actos públicos fueron una borrachera de idioma gallego y de prédica nacionalista, de un nacionalismo rancio y semiseparatista, y muchos federados, ante estos excesos, hubimos de reaccionar seriamente. 

Suárez Picallo foi apartado da redacción de EDG e abriuse un novo período na FSG bastante convulso, pois o sector nacionalista seguía a ser moi forte sobre todo entre a xente máis moza. 
O Congreso Extraordinario de 1929 marcou o final do camiño compartido entre os sectores nacionalista e socialista e prodúcese unha escisión, por un lado o sector nacionalista que continúa na Federación de Sociedades Gallegas, Agrarias y Culturales e por outro o sector socialista na Federación de Sociedades Gallegas de Buenos Aires. Esta escisión perdurará ata o inicio da guerra civil no 36. 
Aínda que Picallo é un dos principais dirixentes da FSG, tamén é das poucas persoas do sector nacionalista que o outro sector ten en consideración, precisamente por dar un baseamento socialista ao seu pensamento nacionalista, ata o punto de eloxiar a súa elección como deputado no ano 31, proposto precisamente pola Federación Galeguista. Porque hai que lembrar que tanto Picallo como Alonso Ríos foron propostos pola FSG para vir a Galiza en representación da emigración, unha vez proclamada a República o 14 de abril do 31. Viñeron «en misión delegativa, representando ante nuestros hermanos gallegos a la Federación y a la ORGA» (Galicia, 17/05/31). 
O 4 de xuño de 1931 Picallo participou na Asamblea do Anteproxecto de Estatuto celebrada na Coruña e a súa súa intervención foi acollida con entusiasmo. Tanto, que días despois, nas eleccións constituíntes de 28 de xuño do 31, foi elixido deputado pola provincia da Coruña, Alonso Ríos por Pontevedra e no 36 repetirían escano. 
A FSG publicou a través do seu xornal que pasou a chamarse Galicia, noticias sobre a actuación destes dous delegados, os seus actos, mitins e discursos nas Cortes de Madrid. Nos discursos parlamentares, Picallo fai abundantes referencias ao problema da emigración e á súa condición de emigrado. O Diario de sesións do Parlamento do 25-2-32, recolle esta intervención súa con motivo da elevación de contribucións: 

La tragedia de la emigración que siempre, cada vez que me levanto, no puedo dejar de mencionar porque yo he sentido en mi estómago el roer del hambre en la emigración, la tremenda angustia de ser hijo de tierra rica, fértil, que me arrojaba a tierra extraña para entregarle mi trabajo, porque mi tierra no me daba el pan y otras cosas tan necerarias como el pan, que es la cultura del espíritu3. 

O xornal da FSG, que tamén se vendía aquí, facíase eco dos avances e tamén dos retrocesos no proceso autonomista que se estaba a iniciar. E neste sentido recolleu unhas declaracións de Picallo criticando ao socialismo galego que na Asemblea de Monforte celebrada en outubro do 31, decidira opoñerse á autonomía galega cualificando este feito como «grave erro político» (Galicia, 29/11/31). Picallo e Alonso Ríos participan tamén na constitución do Partido Galeguista en decembro do ano 31. Esta Organización acaba adheríndose á FSG a través da ORGA, que pasou a denominarse Organización Nacionalista Republicana Galega (ONRG). 
En 1936 a Sociedade de Boiro propicia a reunificación de socialistas e nacionalistas. A situación de España acentúa esa necesidade e a creación da Fronte Popular para participar nas eleccións ao parlamento de España tamén axudou. Pero o que foi definitivo para esa reunificación foi o golpe militar de Franco. Foi esa traxedia a que convenceu ata aos máis reticentes, a apoiar ao goberno Republicano. Cada Federación convocou congresos extraordinarios e en febreiro de 1937 celébrase o congreso constituínte de reunificación. É aí onde se adopta o nome actual de Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina. 
A guerra civil, como non podía ser doutro xeito, tensou tamén á colectividade galega en Bos Aires. Aínda que o sector nacionalista pretendía actuar nun Frente Único Galego, a Xunta Directiva da Federación decidiu actuar ”dentro de una política de reintegración republicana, es decir, de Frente Popular” (Galicia 20/09/36). 
A partir de aí o importante para a Federación xa non é o nacionalismo galego senón o apoio á Fronte Popular, e esta posición continuaría unha vez acabada a guerra. A editorial do periódico Galicia do 20/01/40, co título de «nuevos rumbos federales» era rotundo neste sentido: «Debemos empezar por tener una gran tolerancia hacia los matices ideológicos de cada cual. Somos, eso sí, republicanos. Es nuestra única exigencia». O idioma galego practicamente desapareceu da Federación ata o punto de que no regreso de Castelao a Bos Aires en agosto do ano 40 o Secretario da FSG Alfredo Baltar deu o discurso de benvida en castelán. Castelao replicou cun discurso en galego e chegou a dicir «sería moi bo que na Federación de Sociedades Galegas se falara no idioma de Galicia». Aínda que a chegada de Castelao volve a significar un reforzamento do sector nacionalista dentro da FSG, a idea dominante é evitar confrontos. O propio Castelao emprázase por riba de liortas partidarias procurando representar dalgunha forma ao conxunto da Galiza emigrada e «ser o portavoz de toda a colectividade»4. 
Pouco a pouco vanse creando centros confederados moi potentes como o Centro Ourensán, o Centro Lucense ou o Centro Pontevedrés, que acabarán tendo unha importante vida propia. Tamén o Centro Sada e Contornos, que moi modestamente, estivo e está vinculado coa FSG aínda que nunca tivo unha participación activa. Algúns acabarían separándose da FSG e «controlados polos xerarcas do diñeiro, pola grande burguesía emigrante, polos ananos»5. 
O forzado exilio de Picallo no 39 lévao a EEUU, Puerto Rico, Chile e non regresa á Arxentina ata o 1958. A súa vinculación coa colectividade galega manterase ata a súa morte no ano 1964. Esta vinculación e tamén o respecto ao seu legado, tivéronse moi presentes na traída dos seus restos a Sada no ano 2008. Produciuse daquela unha importante polémica sobre onde homenaxear os seus restos antes do traslado ao Fiunchedo. Finalmente optouse por seguir o seu exemplo conciliador que deu en vida e os restos de Picallo foron homenaxeados no Centro Galego, na FSG e tamén no Centro Sada e Contornos de Bos Aires. 
Só un dato máis: o teatro Bambalinas da FSG ten sobre 300 butacas. A tarde-noite na que lle fixemos a última homenaxe na Capital Porteña había xente de pé profundamente emocionada, 44 anos despois do seu pasamento. E, en palabras do daquela Presidente Manuel Couzo, no Centro Sada e Contornos non se lembraba tanta concorrencia. 

Suárez Picallo en Bos Aires no ano 1964, pronunciando unha das súas derradeiras conferencia  /Fotografía cedida por Ramón  Tenreiro Suárez).

1 Díaz, H. (2008). Ramón Suárez Picallo. Años de formación política. Ed. Alborada.

2 Díaz, H. (2007). Historia de las sociedades gallegas. Identidades políticas y prácticas militantes. Fundación Sotelo Blanco. Ed. Biblios.

3 García, X. L. (1978). Discursos parlamentarios (1931-1933). Castelao, Otero Pedrayo, Suárez Picallo, Vilar Ponte. Edicións do Castro.

4 Díaz, H. (2008). Op. cit.

5 Artigo de Blanco Amor citado por Núñez Seixas, X. M. (1992:263). O galeguismo en América, 1879-1936. Edicións do Castro.

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *