Asociación Cultural e Deportiva “A Meda”

Laura Fernández
O 17 de xullo de 1991 inaugúrase o Centro de Xuventude do Castro (Casa do Pobo ou «Casita»). A este acto inaugural acudiu o alcalde e outros membros da corporación, así como numerosos veciños e veciñas da parroquia. A cinta simbólica foi cortada polo, daquela, veciño máis lonxevo: José Fernández, máis coñecido como Paxeiro.

Tras esta inauguración, un conxunto de 11 mulleres reuníronse para fundar a Asociación Cultural e Deportiva A Meda, e tomou o mando como primeira presidenta Lolita Fernández, xunto con catro compañeiras máis, co ánimo de traballar a prol da veciñanza e promover actividades para a mocidade. O nome da asociación ten orixe nunha tradición dos veciños e veciñas de xuntarse e facer unha meda comunitaria entre todos, para logo rematar a xuntanza cunha pequena festa e unha comida. Polo tanto, estas mulleres pretendían manter ese espírito de xuntanza veciñal, de festa e de alegría compartida á hora de fundar e dar nome á asociación, obxectivo que continua sendo o principal da asociación a día de hoxe.
Mais a esta directiva déronlle continuidade outras moitas presididas por Ana Guillán, Santiago Fernández e, actualmente, Laura Fernández, sempre na compañía doutros compañeiros e compañeiras que traballaron arreo para sacar esta asociación adiante e seguir traballando a prol dos seus obxectivos.
Polo que, ao longo destes 29 anos, realizáronse numerosas actividades culturais e deportivas, así como de ocio destinadas a todas as idades: cerámica, mecanografía, pintura, aerobic, ximnasia de mantemento, pilates, bailes de salón, bailes modernos, zumba, bolillos, arte floral, fútbol, guitarra, cociña, etc.
Tamén organizou moitas

excusións e viaxes, as cales podían ser dunhas horas de duración como dunha semana enteira, diferentes festas tradicionais e gastronómicas (Exaltación do Pan de Cea ou Festa da Xouba) , viaxes culturais e turísticos (Ribeira Sacra, Illas Cíes ou Fátima), grandes viaxes de Semana Santa (Lisboa, Santander, Almendralejo, Valencia, Málaga), etc.
Así mesmo, dende o momento da súa fundación, realiza catro festas culturais ao longo do ano: unha laconada no Entroido, a sardiñada de San Xoán, o Magosto e unha chocolatada polo Nadal. Todas estas festas contan con moita música, comida, xogos, sorteos e agasallos. Pero sempre están presentes as gañas de leria, a unión, o cariño, a amizade e a familia, e iso é o que caracteriza a nosa pequena asociación: o amor e o coidado que temos polos nosos e polo traballo que realizamos. Fai tempo unha persoa díxonos que o que lle motivaba a ser parte da asociación é a piña que formabamos a súa xente. Na actualidade conta con 99 familias asociadas.
Comentar que, dende os seus inicios, foi sempre unha asociación en continua comunicación e colaboración co Concello de Sada, participando en numerosos eventos: Cabalgatas de Nadal, Entroido, Letras galegas, festas patronais, magosto e homenaxes a personaxes públicas, entre outros actos. Ata actividades organizadas polo Concello na nosa parroquia: contacontos, patinaxe, campamentos, fotografía… Colaborando tamén con outras organizacións sadenses: comisións de festas, asociacións culturais, clubs deportivos, Cruz Vermella, Cáritas, Parroquias de Osedo e Mosteirón, etc.
Foron moitos anos e moitas actividades culturais e deportivas realizadas por esta asociación para toda a súa veciñanza, pero hai unha en especial que sempre foi o fío condutor da asociación que é o Grupo de Baile e Música Tradicional A Meda. O grupo tradicional foi o eixo da maioría da súa actividade, e o peso forte desta asociación. A continuación detallamos o historial do grupo.
O grupo de baile da asociación ten os seus inicios en maio de 1992, participando dende entón en numerosos actos culturais que teñen como base a promoción e divulgación do folclore galego. Sen embargo, o grupo de música creouse en xullo de 1995. Dende o mesmo momento da súa creación, ademais das actuacións que lle son propias, ven acompañando o grupo de baile en todas as súas actuacións. Foi no ano 2013 cando nace no seo desta entidade o grupo de pandereteiras/os, pasando ambos os tres a ser o orgullo da Asociación Cultural e Deportiva A Meda.
Dende o momento da súa fundación, o Grupo de Baile e Música ten como fin a promoción e divulgación da nosa cultura tradicional, máis concretamente das nosas músicas e bailes de raíz, coa intención de normalizalo como un medio de divertimento e expresión natural e espontáneo, tal como era para as xeracións pasadas.
O Grupo de Baile e Música participou e continua participando en numerosos actos culturais, festivais folclóricos, festas gastronómicas, romarías populares, concursos de baile… e recorrendo numerosas vilas da nosa xeografía galega, e tamén das comunidades veciñas, territorios nos que interpreta unha pequena escolma do seu repertorio.
Participa tamén nas distintas Xuntanzas Mariñanas que se veñen celebrando co paso dos anos, chegando a organizar a XXV Xuntanza Mariñana no ano 2005. Este ano 2020 anunciamos en primicia que seremos de novo os organizadores da XL Xuntanza Mariñana, acto que reúne as asociacións da comarca das Mariñas, nunha xornada de encontro, familia e festa, e moita música e baile.
Ademais das Xuntanzas Mariñanas, no ano 2017 organizou o seu I Festival Picarachas, o cal consistiu nun festival infantil con carácter solidario, xa que colaborou ca Cruz Vermella de Sada na doazón de alimentos non perecedoiros por parte dos asistentes ao acto. E o 17 de maio, xunto ca asociación Irmáns Suárez Picallo, organizou a I Gala das letras, dedicada a Antón Fraguas.
A maiores diso, dende o ano 2000 leva organizando o seu Encontro folclórico A Meda, ata entón organizado dentro das festas patronais do Castro en consonancia ca Comisión de festas, realizando un encontro anualmente. Este é o evento máis grande que organiza a asociación, onde reúne os grupos tradicionais co que realiza os intercambios a nivel galego, estatal e portugués; e onde pon en valor parte dos seus obxectivos culturais. De este xeito, fai de este acto un reclamo cultural e tradicional para o noso municipio e a nosa comarca.
Actualmente o grupo está composto por 25 persoas de todas as idades, e os seus ensaios son os venres, diferenciados en distintas disciplinas e niveis.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará