Carlos R. Silvar: “Foi un orgullo participar nun proxecto erguido por Seoane e Díaz Pardo”

Redacción
 
No contexto do centenario de Isaac Díaz Pardo, entrevistamos a Calros R. Silvar. Debuxante, ilustrador, humorista gráfico, divulgador ambiental, escritor… Durante 30 anos desenvolveu a súa traxectoria profesional como deseñador cerámico do Grupo Sargadelos, na factoría do Castro, o que o levou a vivir en Sada e a participar activamente en diferentes proxectos asociativos.
Cando comezas a traballar no Castro xa tes unha traxectoria consolidada no mundo das artes plásticas. Cal foi o teu primeiro contacto co deseño?

En realidade non! Na altura eu viña de concluír os meus estudios de Belas Artes en Madrid e a miña experiencia laboral limitábase a ter traballado temporalmente na Fundición Kappa e na revista madrileña CRASH, como ilustrador editorial durante 2-3 anos. Iniciara tamén a miña colaboración co semanario A Nosa Terra, como humorista gráfico e caricaturista.

O meu contacto con Sargadelos veu da man do, daquela, crego e intelectual galeguista Xosé Chao Rego quen, tempo antes, ofrecérame ilustrarlle unha colección de libros (A Historia do Pobo de Xesús) que lle ía editar Edicións do Castro. Así que no 80, recen saído de BB.AA. entrevisteime en Cervo con Díaz Pardo; en agosto participei no IX Encontro de tecnoloxía e Escola libre de Sargadelos e, en setembro, contrátanme, como bolseiro, para desenvolver un novo proxecto para producir no Castro: a colección de Fauna galega. Para min foi unha agradable coincidencia pois, dende había anos, era ornitólogo amador.

«Sargadelos tivo o acerto de 
expresar o carácter do país e de se converter en sinal inequívoco da identidade do mesmo»
Foi o meu primeiro contacto co mundo da cerámica e do deseño de produto, uns meses (ían ser tres e remataron sendo sete) intensos e inesquecíbeis. En marzo do 81 incorpórome como deseñador á plantilla do Castro.
Qué destacarías da túa traxectoria como deseñador do Grupo Sargadelos? 
Pois máis que determinada obra, con maior ou menor suceso, destacaría o feito de ter axudado a superar un transo difícil no devir da empresa. Na altura, as Cerámicas do Castro sufrían de anos de abandono (liortas entre os socios e a dedicación do Isaac a Sargadelos, na orixe) e sumírase nunha situación delicada. De feito, nas primeiras conversas con Díaz Pardo, dime que o que deseñe, van ser o primeiro produto dunha nova empresa que están a pór en marcha (o LICSA, Laboratorio de Industria e Comunicación)… Finalmente debeu chegar a acordo cos Rei e os Nogueira, socios orixinais no Castro, e acabei por me incorporar na plantilla das Cerámicas do Castro, iso si, traballando nas instalacións do LICSA, e saíndo as pezas co selo Labor do Castro, algo que se corrixiría en anos posteriores.
As coleccións que fun realizando, a parte da nomeada Fauna galega, as Figuras do Mar; as Máscaras e figuras do Antroido, entre outros produtos (decorados para vaixelas e xogos de café, etc.), tiveron o seu éxito e axudaron a endereitar a situación da empresa.
Hai algunha peza das que deseñaches pola que teñas unha especial predilección?
Hai varias das que especialmente gosto, mais as «importantes» non son esas, senón as que máis se venden e, de entre delas, estaban o Pavo real (popularmente alcumado Lingo, por seren utilizado como agasallo no programa de TV guiado polo Ramoncín), ou a figura do Labrego, que tivo tanto éxito que me pediron que fixera a súa parella, A Labrega…
Por non fuxir da pregunta, persoalmente gosto da serie de Aves noitébregas (Moucho, curuxa, etc), dalgunhas da inacabada serie do Zodíaco (o Aries ou o Tauro), varias da serie da Fauna Galega e algunha outra coma a Botella seoánica ou as máscaras do Cigarrón/peliqueiro, da serie do Antroido.

Calros R. Silvar nos primeiros 80 no Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos [nas imaxes superiores] e na factoría do Castro [nesta imaxe e a seguinte]   Imaxes cedidas por C. R. Silvar


Qué significou para ti traballar no Castro? 
Pois, de primeiras, a posibilidade de tornar á Galiza e facelo traballando para unha empresa senlleira e cun traballo creativo no que, por riba, non me puñan pexas.
Na empresa non todo estaba ben, nin moito menos, mais gostaba do meu labor e tiven ocasión de coñecer moita xente interesante, relacionada coa empresa e a súa actividade cultural. Para min foi un orgullo participar nun proxecto das características do Sargadelos erguido por Seoane e Díaz Pardo.
Certamente pasei varios anos envexábeis, nunha auténtica torre de marfil. 
Como veciño do Castro, que ves que significou Cerámicas do Castro para Sada? 
 
Cando a cerámica inicia a súa actividade nos últimos 40, a aldea do Castro era un espazo marxinal e mal considerado na contorna, así que a cerámica tivo un impacto radical na localidade… e non só polo número de veciños que acadaron traballo nela, senón pola repercusión social e cultural nas súas vidas. Moitos deles acharon alí a formación que non tiveran nin na escola nin na casa, e abríronselle unhas expectativas impensábeis para a maioría. 
 
Por outra banda, a cerámica vai ser das poucas industrias do concello, fóra das telleiras ou a pesca e, andando o tempo, xa como parte do Grupo Sargadelos, do que non hai que esquecer que é matriz, muda en foco de creación, mecenado e espallamento cultural, a traveso das Edicións do Castro, os espazos de exposicións, a organización de eventos culturais ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside. 
 
No ermo cultural sadense é, practicamente, o único foco cultural activo durante anos. 

 «A obra xenuinamente 
diazpardiana é a empresa sita no Castro. É nela onde o persoal e orixinal 
estilo do Isaac 
abrocha e imprime 
todo o seu carácter»
Este ano celebramos o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo. Como valoras o seu proxecto empresarial e cultural? 
 
Díaz Pardo, coma toda persoa, ten as súas luces e sombras, mais é imposíbel negarlle o mérito de ter erguido un grupo empresarial único pola súa filosofía e planteamento empresarial, por poñer o país coma eixo da súa actividade, pola orixinalidade da súa produción e polo súa seu apoio á memoria histórica e á cultura galega en xeral. 
 
Mais non hai que esquecer que, boa parte diso, nada tería sido sen o seu encontro co exilio galeguista na Arxentina e, nomeadamente, co Luís Seoane. 
 
A orixinalidade e singularidade da porcelana sargadeliá, actual e vangardista, única no eido da porcelana mundial; a promoción e espallamento cultural; a filosofía da nova empresa, co foco no país; a recuperación do «espírito» sargadelián (xa que non da vella empresa) é produto desa conxunción e é, a partires dela, que a obra cerámica e o emprendemento empresarial e cultural, abranguen unha outra dimensión. 
 
Sargadelos tivo o acerto de destilar a nosa tradición cultural, anovándoa, de expresar o carácter do país e de se converter en sinal inequívoco da identidade do mesmo, algo ben difícil de acadar, e un valor que calquera empresa intelixente preservaría a toda costa. 
 
No conxunto do Grupo, Isaac aporta o seu espírito práctico, o seu coñecemento técnico, a súa teimosía e a súa man de ferro na dirección das empresas. 
 
Mais a obra xenuinamente diazpardiana (alén da súa obra pictórica) é a empresa sita no Castro. É nela onde o persoal e orixinal estilo do Isaac abrocha e imprime todo o seu carácter, nunha singular mestura de clasicismo e costumismo (seguramente algún entendido apón outros adxectivos máis acaídos), todo elo co apoio incondicional e calado da súa muller, Mimina Arias. 
Os últimos anos da vida de Isaac estiveron marcados pola súa exclusión da dirección da empresa, nun proceso que rachou coa identidade do Grupo Sargadelos e que che afectou tamén a ti 
Se un fallo absoluto tivo o Isaac, foi non saber escoller as compañas… encomiou a quen non o merecían porque, nalgún tempo, resultáronlles útiles e, finalmente, os que lle rían as grazas, traizoárono. O caso é que foi repartindo accións da empresa entre os que considerou da súa confianza, para esluír poder aos seus socios orixinais. Cando finalmente quixo recuperar o control das empresas, creando a Fundación Sargadelos (e facendo ceder aos seus fieis boa parte das súas accións!!), estes resultaron ter máis apego ás accións que fidelidade á súa persoa. A rebelión abordo estivo servida e axiña perdeu o mando en praza…
Persoalmente afectoume de rebote: aos dous anos de mudar a dirección nomearon Coordinador de deseño ao outro deseñador do grupo, por ser o máis veterano. Desagradabelmente descubrín que este «compañeiro» viña manobrando contra miña dende había anos e, inopinadamente, encontrouse sen impedimentos para relegarme e condenarme ao ostracismo.
Se ben no Castro e en Sargadelos usábanse procedementos de produción semellantes, as liñas de deseño sempre estiveron diferenciadas mais, segundo el, debía eu imitar o seu estilo e xeito de facer, sen ter en consideración que era outro creativo, non un auxiliar de deseño, como os que tiña xa ao seu dispor. O conflito estaba servido e tiven claro que non había saída posíbel. Tentaron despedirme baixo acusacións falsas, mais fun quen de lles gañar o xuízo por despido improcedente… deste xeito tan triste «recoñeceron» e finalizaron trinta anos de traballo na empresa.
«A filosofía empresarial, 
o galeguismo, o mecenado, 
a produción cultural, esluíronse absolutamente nas cores cañís da Ágatha Ruiz de la Prada»
Que che parece a actual deriva de Sargadelos? 
Evidentemente paréceme magoante que unha empresa senlleira coma Sargadelos caera nas mans que caeu. Todo canto tiña de valor dilapidárono. Quizais gañou na xestión que, ao meu entender, non era precisamente modélica a anterior, mais a filosofía empresarial, o galeguismo, o mecenado, a produción cultural, esluíronse absolutamente nas cores cañís da Ágatha Ruiz de la Prada e na visión estritamente mercantilista do propietario actual.
Seguen a parasitar o estilo, os modelos, a forma en suma, mais o fondo ficou baleiro de canto lle deu senso, recoñecemento e valor social á empresa.
Se cadra venden, se cadra pervive estoutra empresa, e mais enche o peto dos seus accionistas mais, a 5º etapa de Sargadelos, haina que dar por finiquitada. Para min, aínda asumíndoa como parte importante do meu pasado, carece absolutamente de valor e interese.
Partillar

Un comentario en «Carlos R. Silvar: “Foi un orgullo participar nun proxecto erguido por Seoane e Díaz Pardo”»

  • 21/07/2020 ás 16:59
    Ligazón permanente

    Admirable recorrido. Felicidades pola tua labor, sempre brilante e serena, medrada no cerne do mundo galego.

    Resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará