ARREDOR DE EMILIA CALÉ E AS SÚAS “HORAS DE INSPIRACIÓN”

Montse Pena Presas
Moitas páxinas ten ocupado a fértil traxectoria literaria de Emilia Pardo Bazán, pero quizais demasiadas poucas aparecen centradas na coñecida como «a outra Emilia», Emilia Calé Torres (1837-1908), coetánea da primeira e coincidente tamén con ela na súa vinculación coas terras das Mariñas e, máis en concreto, coa vila de Sada. Polo menos na actualidade, a figura desta coruñesa semella ter caído no esquecemento, se ben no seu momento a súa pluma era ben apreciada polos diferentes xornais nos que colaboraba. Aínda que os datos sobre a súa biografía dos que dispoñemos son bastante escasos, si sabemos que era filla de Francisco Calé e Inocencia Torres (que falece só 20 meses despois de ter a súa filla), que tiña que ter formación e que en 1862 casa co xornalista Lorenzo Gómez Quintero e Morado. Polo traballo da súa parella, funcionario público, a nosa autora vive en Madrid, Palencia, para volver despois de novo á Coruña.

Pereiro e Romero (2016: 457) indican que tras a morte da súa primeira parella, Francisco Calé casa en segundas nupcias con Ana Sanjurjo de Blas, nacida en Osedo, onde tamén nacerán tres das súas fillas (terán 4), Dolores (1844), Josefa (1845) e Adela (1849). A partir de aí, supoñemos que a vinculación de Calé coa vila de Sada se estreita, dado que sabemos que a relación dela coa muller de seu pai era boa e que pasa tempadas na casa da familia desta en Osedo (loxicamente, tendo en conta que cando nace a súa primeira irmá ela tiña tan só 7 anos). Non por acaso, este lugar deixará pegada nos seus versos, como veremos a continuación, e neles destacará que se trata da terra na que viviu.

Semella que as súas primeiras composición poéticas se publicaron no Álbum de la Caridad, que impulsara Pascual López Cortón en 1862, como resultado dos Xogos Florais que un ano antes se organizaran na cidade da Coruña -e nos que tan só participarían sete autoras, sendo unha delas Calé-. Nesa mesma década comeza a colaborar en prensa (Armas, 2007). Durante a súa estadía en Madrid forma parte da sociedade da Galicia Literaria, xunto a figuras senlleiras como Vesteiro Torres, Curros Enríquez ou Francisco Añón. O grupo reuníase tres veces ao mes co obxectivo de desenvolver veladas literarias nas que se lían poemas e outro tipo de composición e nas que a poeta participou activamente (Otero, 2015: 41-42) Ademais, neste tempo, escribe en revistas españolas e latinoamericanas, acadando así certa sona (Armas, 2007)

O certo é que, alén da súa activa colaboración en prensa, Calé publicou todos os xéneros literarios: dende pequenos relatos (algún asinados baixo o seudónimo de «Esperanza» e na súa maioría tirados do prelo en publicación periódicas), ata lírica de todo tipo. As súas obras publicadas en volume son Horas de inspiración (1867), Cuadros sociales o pequeñas novelas (1878), De la cima al abismo (1884), Lazos rotos: drama en tres actos y en verso (1884), Las escenas de la vida (1890) e Crepusculares (1894).

A singularidade da súa figura dánola o feito de que aínda en Horas de inspiración, o seu prologuista ocupaba boa parte do limiar da súa obra en explicar que non estaba mal que as mulleres escribisen, a pesar de que houbese algunhas que se aproveitasen dese feito nun sentido non desexable:

 

No censuraremos, pues, a ninguna escritora por el mero hecho de serlo; antes bien, siempre que acredite con la bondad de sus producciones que al coger la pluma ha obedecido a los llamamientos del cielo más que a los estímulos de la vanidad o del capricho, le tributaremos sinceros elogios, como tributamos a cuantos consiguen elevarse sobre el nivel común de la humanidad. (Laverde apud Calé, 1867: 15).

 

O que o prologuista á obra quere dicir, non deixa de ser que sempre que a poeta se adhira aos temas considerados propios das mulleres, non haberá problema en incluíla dentro da república das letras do momento. Así, segundo Laverde en Calé habitaba non só un don divino para a poesía (que viñera dado «do ceo»), senón que esta ocupación non lle quitaba tempo para «el cumplimiento de la sagradas obligaciones de esposa y madre, con las legítimas exigencias de la vida real» Laverde apud Calé (1867: 16). A presión á que estaban sometidas as escritoras da época pode entenderse mellor se contrastamos este limiar cos famosos versos rosalianos:

 

Daquelas que cantan as pombas i as frores,

todos din que teñen alma de muller.

Pois eu que n’as canto, Virxe da Paloma,

¡ai!, ¿de qué a teréi?

 

Se Rosalía non se ve identificada no estereotipo de escritora da época, Calé axéitase moito mellor a el, pois os temas principais dos seus versos serán, fundamentalmente, a paisaxe, a terra e a relixión. Por unha banda, a saudade por Galicia cando está lonxe dela (un lugar ben recorrente da poesía galega de diferentes épocas):

 

Galicia, hermosa Galicia,

Recuerdo fiel que acaricia

el alma, con justo amor,

no olvido, no, tu belleza,

por que en ti naturaleza,

grabó todo su primor.

(Calé, 1867: 50)

 

Mais tamén, os versos da poeta non quedan aí e transitan o país de norte a sur, con composición sdedicadas á Coruña, Santiago (que denomina como «nueva Jerusalén»), Lugo (las «bellas márgenes del Miño»), Ferrol (de «grandes arsenales»), Ourense (de «suelo ameno y gentil»), Pontevedra («del Lérez acariciada») e Vigo («de ría grandiosa»). Polo medio, aínda hai espazo para homenaxear monumentos (a torre de Hércules ou o Castelo de Andrade), mais tamén a lugares máis pequenos, como Vilaboa (en Culleredo) ou Osedo, do que destaca ese mar «en lontananza», mentres que brila a «verde floresta» detrás. A visión idealizada do lugar que achega a poeta correspóndese, asemade, coa idealización da infancia como paraíso perdido, un tópico ben presente en moitos escritores e escritoras. Dende logo, tal e como se retrata, o lugar de Osedo toma o aspecto do locus amoenus, do lugar ideal onde estar:

 

Prodiga la primavera,

tu pradera

convierte en lindo vergel

y absorta el alma te admira

que en ti mira

tantas galas en tropel.

 

Pero ademais, hai árbores e fontes, fervenzas, verdes de amplas tonalidades, ceo azul e prata e todo forma un «precioso conjunto» que, ademais, favoreceu tranquilidade da alma da poeta: «porque en ese ameno suelo/ el consuelo/ y la salud, conseguí».

A raíña Isabel II e Alfonso XII, e a filla deste, a princesa Isabel, tamén son obxecto dos seus versos, dos que tampouco quedan atrás María Pita ou Méndez Núñez. Así mesmo, Calé inscríbese nunha certa tradición romántica ao dedicar tamén uns versos a Pastor Díaz: «No murió/Aún repiten hoy su acento/ Los poéticos valles de Galicia» (Calé, 1867: 95) e a Aurelio Aguirre, sen dúbida o poeta maldito do XIX en Galicia, máis que pola súa propia obra, pola súa propia lenda: «Soñaste un mundo de amores/mas de las hermosas flores/ que alfombraron tu camino,/ fenecieron los primores/ bajo un contrario destino» (Calé, 1867: 100). Está claro que neste longo poemario iniciático, Calé tamén garda espazo para lembar os amigos, como amosan os versos que dedica a Pascual López Cortón, iniciador dos Xogos Florais e, como é sabido, impulsor tamén do chamado «Álbum de la Caridad», ao que Calé seguramente lle debería, cando menos en parte, o seu debut no mundo literario.

A presenza da relixión, pero tamén da morte, é outro dos leiv-motivs recorrentes neste poemario. Ambos os dous temas danse cita en «Sobre la tumba de mi adorada madre», un amargo lamento combinado coa inescusable laudatio da nai que marchou. Polo medio, un arrecendo a poesía romántica volve a se coar entre os versos de Calé, filla do seu tempo, como amosan composicións como «A la noche», á que lle pide ilusións, ou as dedicadas ao amor, que adoita ser, como non podía ser doutro xeito, un amor tortuoso, como se desprende destes versos do poema «A él»:

 

Venid auras ligeras

Que en ondulantes giros,

Alzáis blandos suspiros

De inimitable son;

Y al ser por quien ansiosa

Yo lloro a cada hora,

Llevadle sin demora,

La voz de mi pasión.

 

En realidade, Calé forma parte do modelo de escritora que aparece en España a partir de 1840 e que segundo Kirkpatrick (1991:13-18) responde a un amplo movemento cultural que viña de Europa e que na Península se manifestou máis tardiamente. Herdeiro da ideoloxía tipicamente burguesa da condición feminina, que limitaba os deberes e praceres das mulleres ao seu vínculo coa maternidade e co benestar físico e moral da familia, paradoxicamente, deulles no literario unha voz propia. Este patriarcado cultural (do que é un magnífico exemplo o limiar destas Horas de inspiración) aceptou que se a sensibilidade e o sentimento eran típicos da voz feminina, tamén o sería a linguaxe empregada por elas. Coñecidas en non poucos casos baixo o nome de «anxos do fogar», boa parte das escritoras do XIX, aínda que posuidoras dunha voz de seu, tiveron que aceptar as limitacións que a mirada masculina impoñía sobre elas. Ante isto, existían varias posibilidades: ou empregar un pseudónimo masculino (práctica ben habitual nas escritoras desta época, como amosan os exemplos de George Sand ou Fernán Caballero), ou adaptarse ao corsé temático non escrito para as mulleres escritoras (este claramente sería o caso de Calé, da que non esquezamos que o seu prologuista loa por seguir atendendo as súas «obrigas» como esposa e nai a pesar de ser creadora), ou ben arriscarse e romper esas barreiras do «anxo do fogar», aventurándose noutras temáticas. Isto foi o que fixo, precisamente, Rosalía de Castro, cuxa obra tivo (e por momentos ás veces aínda ten) que aturar lecturas negadoras da súa parte social, reivindicativa e feminista, cando estes tres cualificativos son intrínsecos á obra da poeta.


Bibliografía

Armas García, C. (2007). «Emilia Calé». Álbum de mulleres do Consello da Cultura Galega. Dispoñible en: http://culturagalega.gal/album/detalle.php?id=116 (Última entrada, 14-4-2020).

Calé, E. (1867). Horas de inspiración. Lugo: Imprenta de Soto Freire.

Kirkpatrick, S. Las románticas: escritoras y subjetividad en España (1835-1850). Valencia: Cátedra.

Otero Pereira, S. (2015). «La otra doña Emilia: aproximación a la figura de Emilia Calé Torres de Quintero». Lectura y signo 10: pp. 33-44.

Pereiro Martínez, C. e Romero Masiá, A. (2016). «Emilia Calé Torres: a escrita na dor». Nalgures XII, pp. 456-532.

 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *