Isaac Díaz Pardo
Logo da posta en marcha das Cerámicas do Castro, Isaac Díaz Pardo decidiu emprender un novo proxecto industrial en Arxentina. Unha aventura transoceánica coa que poñer en contacto dúas realidades forzadas á distancia pola ditadura: a da Galicia interior e a da Galicia do exilio. É nese contexto no que concibe un álbum que levará por título Unha presa de dibuxos feitos por Isaac Díaz Pardo de xente do seu rueiro. Unha colección de 20 relatos acompañados de cadanseu debuxo a tinta chinesa nos que evoca o mundo que deixara atrás, o do Castro de Samoedo, cun profundo sentido lírico pero, ao mesmo tempo, unha intención de aguda denuncia social. Neste número de Areal, no marco do centenario de Isaac, recuperamos un deses debuxos co seu texto respectivo no que se plasma a realidade de Sada, que o autor tivo sempre tan presente e á que estivo tan vinculado.
Como as cunchas que falan de xeometrías descoñecidas, como as buxinas que gardan balbordos de senlleiros mares, algo me chegaba en teu corpo dunha especie que non falan as historias. Miña mau tremante sobor da folla branca ía seguindo a liña formá intentando apreixar a gracia que arrecendía do teu belido corpo. Ti rubías pola rampa de Fontán cos pés descalzos, atopando sempre un mundo murado que semellaba cego, ó que lle vendías o peixe que dá o mar de Sada. O corpo cuberto con roupa como se quixeses ocultar unha mensaxe que enviaran deuses desde un alén do primeiro nascido a un alén desta vida que temos. Preguntábame, por que? E desesperaba por achar a forma da mensaxe coma o xeómetra por atopar o número que acadan o círculo e o cadro, e había un intre no meu desacougo que esquecíame de min mesmo. Importábache pouco o mundo e as súas linguas velenosas. Habíaste ceibado de todas as cousas que puideran apreixarte. Eras algo nidio. Unha mañá apareciche aboiando sobor das augas do teu mar. Habías ceibado do derradeiro que che quedaba. A nova espallouse e pasmou á xente e as labercas dicían: »xa sabiamos nosoutras que finaría así”.
|
1920-2020 | ANO ISAAC DÍAZ PARDO |