A movida sadense dos 60 e 70. A discoteca Grecos, a derradeira testemuña

 Carlos Babío Urkidi
A Xose Ramón Pena Martínez e Xoán Mallo pola colaboración na redacción deste artigo e os materiais achegados
O pasado 1 de febreiro pechaba definitivamente as súas portas a discoteca Grecos tras 47 anos ininterrumpidos de funcionamento, nada ao abeiro do nacemento da movida sadense a finais dos 60. Este local rexentado desde a súa apertura pola mesma familia, representaba a derradeira testemuña viva daquel movemento xuvenil decidido a rachar cos encorsetamentos e os roles establecidos na época. Dunha mocidade que marcaría, cunha estética propia, a demanda de cambios políticos e sociais que desde o inicio da década dos 60 se viña manifestando en boa parte de Europa e EEUU. Nacían así a finais da década dos 60 os «Snack-Bares» e as discotecas, na que Sada foi pioneira. Así, o 29 de xullo de 1967, Modesto Pena (Lito) abría o Moby Dick, o primeiro Snack de Galiza ligado a esa iconografía de modernidade. Aínda non remataría o ano 1972 e Sada xa contaba 4 «Snack-Bares» e outras tantas discotecas competindo, tanto en número de locais coma na calidade da oferta, coa propia cidade da Coruña. Nacía a movida sadense.

[Nesta imaxe] Fotografía realizada na horta do Bar Cristal na Lagoa de Sada nos anos 70 Na imaxe superior] Unha vista dos exteriores do Moby Dick na rúa do Río na década dos 70         Fotografías cedidas por Carlos Babío e Almudena Pena

Os comezos da movida
 No estado español van tardar algo máis en manifestarse esas novas formas de contracultura no divertimento da mocidade. Na nosa contorna será pioneiro o «Playa Club» da Coruña, que rexentou o recentemente finado Nonito Pereira, e onde se instalou o primeiro «Juke-Box» –a rocola– onde soaban os primeiros discos de The Beatles. Alí Nonito pinchou as primeiras sesións de discoteca con músicas novidosas e afastadas da tradición propia da época.
Nacerán na Coruña os primeiros «Snack-Bares» coas suas rocolas e as primeiras discotecas. Locais como o «Pompón» (finais de 1967) con decoración coidada, con luces psicodélicas e cunha persoa encargada de misturar aqueles novidosos ritmos que marcarían despois a historia da música. Nacía unha nova profesión. A do Disc Jockey, que franquismo pretendeu regulamentar laboralmente dentro do gremio de «Trabajadores y Técnicos do Circo, Variedades y Folklore», obrigándolles a comparecer a un absurdo exame –como o celebrado en 1974 na discoteca Caselly da Coruña– no que só se tiña que demostrar a un señor do sindicato vertical, que un era capaz de cambiar un tema «movido» a outro «lento».
Curiosamente Sada, o concello onde Franco pasaba os veráns, será pioneiro na implantación destes novidosos locais que atraían a boa parte desa mocidade inconformista e tamén contestataria co réxime. Haberá tres razóns fundamentais que explican o feito de que Sada fose precursora en ofertar locais da movida dos 70. A primeira, a propia presenza do ditador no Pazo de Meirás cada verán. A finais da década dos 60 comezou a visualizarse contestación ao franquismo protagonizada en boa medida, por xente moza. Esto conlevou a que o réxime aumentara os efectivos de seguridade e de persoal que se desplazaban a Meirás de diferentes puntos do estado. Moitas desas persoas o facían coas súas familias collendo residencias de aluguer en Sada. A segunda das razóns vai estar no enclave de Sada. A beleza das suas paisaxes, a suavidade do seu clima e a hospitalidade, van ser fundamentais para arraizar como destiño de verán a todas esas persoas.
Mais a razón que determinará a demanda de locais de divertimento en Sada, vai estar na apertura do albergue feminino a moi pouca distancia do centro da Vila. Un albergue inaugurado extraoficialmente no verán de 1965 e oficialmente polo propio Franco en 1966, e que sería destino estival de centos de mozas que chegaban a Sada desde diferentes puntos de Galiza e do estado, e que complementaba o albergue masculino «Francisco Franco» que a OJE dirixía en Gandarío desde a década de 1940.

O Moby Dick. A «maxia» pioneira de  Modesto Pena (Lito) na movida sadense
O 29 de xullo de 1967 abría as súas portas por primeira vez o Moby Dick. Un bar que representaba a modernidade e que provocara o escándalo na Sada máis conservadora e a condena pública do cura de Sada nas súas réplicas nas que definía este local como «antro de perversión».
O «Moby» é froito, como nalgún caso máis que se dá na movida sadense, da emigración sadense. O seu creador Modesto Pena, marchara anos antes e con só 16 anos, á emigración Suiza. Alí traballou nun Snack-Bar co mesmo nome da famosa balea que exportará anos despois a Sada. Estando na emigración enfermará o seu irmán Juan, polo que regresará para atendelo. Será nesta viaxe de volta cando se adquirirá o local situado no nº 3 da rúa do Río co fin de que alí se instale un negocio co que se poida defender o seu irmán Juan, mais despois do seu regreso ao «Moby Dick sueco», falecerá. Este feito será o que determine o seu regreso definitivo e a decisión de abrir o Moby Dick nese local da rúa do Rio de Sada. 

Lito viña de vivir en democracia, de contactar co exilio español, de coñecer un mundo que contrastaba coa ditadura franquista. E esa experiencia, xunto á capacidade de Lito para contaxiar as súas inquedanzas culturais faran dese local un centro de creatividade. Lito era ademais un namorado do cinema, temática coa que decorou desde o inicio o Moby. Na entrada, moi perto da rocola que funcionou como sistema de ambientación musical nos inicios, un cadro de James Dean daba a benvida aos clientes, todo un icono en 1967 convertido en mito ao morrer moi novo no ano 1955. E Lito, doulle a volta ao mito; fixo un «Moby» lonxevo, cheo de vida e pioneiro na transformación da vida cultural e de diversión en Sada. Pouco despois da apertura incorporará ao negocio ao seu irmán Jose Angel Pena (Nené) e ambos serán as almas e as caras recoñecibeis dese local durante máis de 30 anos.

[arriba á dereita] Modesto Pena (Lito) na súa mocedade no porto de Sada [centro e abaixo] O Moby Dick, no centro da imaxe superior, Lito.    Fotografías cedidas por C. Babío 

A rocola ofrecía unha variedade musical novidosa que os clientes escollían introducindo 1 peseta do ano 1967. Hoxe, nos tempos de internet, e de todo tipo de plataformas musicais de moi doado acceso, costa entender os mundos nos que as novidades se escoitaban nunha rocola. Mais á Sada de 1967 aínda non chegara nin os «40 principales» na cativa programación que en OM emitía a Cadena SER. As poucas emisoras de radio non emitían –agás algunhas programacións realizadas por Nonito Pereira– os sons de R&B, de Blues, de Pop, Rock, etc que podías atopar naquelas rocolas.

Anuncio da apertura do Moby Dick (La Voz de Galicia, 27/07/1967) 


A música que escoitaba esa xeración do Moby Dick e da maioría dos locais vinculados a esa incipiente «movida sadense» respondía a estilos concretos que conformaban un sen fin de grupos e solistas como The Doors, The Beatles, Eric Clapton…, e como non os Rolling Stones. E sorprende o feito de que o día que se inaugura o Moby Dick aínda falten case 3 anos para que The Beatles saque a luz o seu grande éxito Let it Be. Ou 4 para que The Doors estree L. A. Woman, os Rolling Stones a canción Brown Sugar e os Led Zeppelin a balada Stairway to Heaven.
No ano que abre o Moby Dick e até os primeiros anos da década dos 70 abrirán outros Snack-Bares en Sada (Dalvy, Go Go, Lar, Tropic, Boulevard…) Incluso antigos bares de Sada como o Cristal coa súa inesquencíbel horta foron sede de tardes e noites de diversión da Sada dos anos 70 e 80.
As discotecas, os locais de moda dos 70. Chiva’s, a pioneira en Sada 

Vendo os anuncios da época, para a apertura da primeira discoteca de Sada –o Chiva’s– a dirección xogará coa expectación que existía. O empresario e dono da sala, José Mosquera xunto co seu fillo Miguel, comezarán en Sada unha existosa vida ligada ao mundo das discotecas. Tres anos despois da inauguración do Chiva’s de Sada, iniciarán as obras da discoteca «Volvoreta» que montarán en Perillo a escasos metros da Mackinlay’s converténdoa desde a súa apertura na sala de moda na contorna. En 1977 venderán o Chiva’s e montarán a mítica discoteca Chaston na Coruña. En 1979, desfaranse da discoteca Volvoreta tras ser precintada por ruídos e un incendio que destruiría a discoteca e as vivendas superiores.

[arriba e abaixo] Anuncios na prensa das discotecas Chiva’s, El Corralito e Saxo (La Voz de Galicia, 28/04/1970, 03/05/1970, 23/05/1970, 22/08/1972, 15/07/1972 e 05/08/1972)


A exitosa inauguración do Chiva’s celebrase en Sada o 2 de maio de 1970. Ao día seguinte a

familia Mosquera publica un anuncio no que afirma que polo local «desfilaron» máis de 2000 persoas. Unha absoluta barbaridade tendo en conta que o baixo da discoteca tiña unha ocupación que non chegaba aos 150 m2. Esaxerado o dato ou non, o certo é que as testemuñas da época lembran os constantes abarrotes da discoteca que até mediados o ano 1972 non terá competencia en Sada.

Nacho, o DJ que inaugura o Chiva’s, fará soar aqueles discos que xa levaban máis de 2 anos soando na rocola do Moby Dick con máis watios e co compás das novidosas luces psicodélicas que só se apagaban para a sesión de música lenta. Nese momento os compases de cancións como a de A Whiter Shade of Pale (Procol Harum, 1967) eran acompañados por luz negra e luces lentas destellantes a través dunha bóla xiratoria con espellos. Un espectáculo sorpendente para a época.
 Tras a apertura do Chiva’s en Sada, na Coruña abrirá algunha sala máis de renome e éxito como a discoteca C’assely (abril de 1970). Mais será Sada quen en 1972 despuntará na oferta en locais deste tipo coa apertura de 3 novas discotecas. Será a partir deste ano cando a «movida sadense» acade os seus mellores momentos. Así, o 15 de xullo de 1972 abrirá por primeira vez a tan lembrada discoteca Saxo dos sadenses Juan e Jesús García Neira (Li) na avenida da Mariña. Todo un luxo para a época, cunha decoración coidadísima, con sala climatizada e cunha capacidade moito maior que a discoteca Chiva’s. Desde a súa apertura será unha discoteca de éxito e de lembranza da movida de Sada até o seu peche en 1985 aínda que o local non rematará aquí a súa aportación á movida sadense dos anos 80 . Escasamente un mes e medio despois, o 25 de agosto de 1972 abrirá as súas portas na rúa da Praia a discoteca El Corralito que ampliaría a oferta de ocio nocturno de Sada cunha proposta alternativa a respecto das súas predecesoras. El Corralito apostará preferentemente pola música máis lixeira e comercial da época buscando un ambiente diferente ao dos seus competidores. Pechará as súas portas en 1982 para dar paso á discoteca Manao.



O Grecor’s. A mÁis lonxeVa da movida sadense
Non rematará o ano 1972 sen que abra unha nova discoteca en Sada. A terceira dese ano e a

cuarta que nace ao abeiro da «movida sadense». Manterá as súas portas abertas ininterrompidamente durante algo máis de 47 anos a cargo sempre da mesma familia que a abriu. É por este motivo polo que, e a xeito de homenaxe, deterémonos un pouco máis en detalle na historia dos seus inicios.

O Grecor’s, nome da discoteca empregado durante toda a década dos 70, mudará a súa fórmula anglosaxona na década dos 80 polo nome de Grecos. Nos 90, e até o ano 2010 pasará a denominarse Kuac, recuperando novamente o nome de Grecos a partir dese ano e até o seu peche o pasado día 1 de febreiro. A historia do Grecos está vinculada á familia Pena, coñecidos en Sada como os da Xela. E tamén como no caso da historia do Moby Dick, hai tras ela un período previo de emigración, neste caso americana. Andrés Pena Andrade, o fundador xunto aos seus fillos Andrés e Xosé Ramón Pena Martínez, emigrara en varias ocasións a Venezuela. Nun dos seus regresos á terra fíxose armador de un volanteiro do que perdera todo o aparello ao caer no seu barco atracado no porto de Cedeira, os restos do lume de artificio durante unhas festas nese Concello. Durante a década dos 60 voltará a Venezuela chegando alí a ter a propiedade dun restaurante xunto a Antonio Martínez, un tío de Xosé Ramón e Andrés.
Tras vender o restaurante regresarán a Sada onde comezara xa a movida. Así, Andrés Pena, un home de mar, mudará os barcos e os aparellos pola nova demanda de hostalería e tomará a decisión de abrir xunto aos seus fillos unha discoteca. Para elo mercarán unha casa coa súa horta na rúa da Obra e contratarán aos irmáns «Calláns» de Sada para recoventer a propiedade nunha discoteca. Para o deseño buscarán un decorador chamado Raúl que tiña un estudo na Coruña e que optará polas cores marróns e brancas para o interior e exterior. De feito as mármores e plaquetas que aínda hoxe se conservan na fachada pretenden representar copas coas que inicialmente tamén decoraban as teas do interior da discoteca. Por medio do decorador contactarán con Martín, que tiña unha tenda de son na Coruña e que sería o encargado de montar o equipo «Fisher» co que se inagurou a discoteca. Martín tamén se encargaría de introducir a Ramón Pena na cabina do Playa Club dirixida por Nonito Pereira para aprender as novas técnicas da profesión de Disc Jockey.

 Xoán Mallo na cabina do Grecor’s nos primeiros anos da discoteca; na mesma época e lugar, José Ángel Pena (Nené do Moby Dick), á dereita, e Xosé Ramón Pena; . Fotografías cedidas por C. Babío

Por fin, en decembro de 1972 as obras están rematadas e escóllese o día 22 de decembro para a súa inauguración. Ramón abrirá desde a cabina a discoteca e escollerá o Rare Earth do grupo Get Ready como tema de apertura. A discoteca inicia os seus días con éxito ao igual que o fixeran as outras tres predecesoras. As catro traballaban en competencia, mais cunha extrema cordialidade e boa relación entre as diferentes xerencias dos locais da movida de Sada.

Andrés Pena Andrade (Andrés da Xela) dentro da barra de Grecor’s e exterior da discoteca, ambas imaxes de decembro de 1972. Fotografías cedidas por C. Babío

A grande afluencia a Sada atraída pola «movida» sumábase aos diferentes locais de ocio que antes de que Lito abrise o «Moby Dick» en 1967 viñan funcionando desde moitos anos atrás. Sada contaba con dous cines que se enchían cada fin de semana, e unha Sala de Festas na que se organizaban bailes con música en vivo. E aínda que as discotecas irán arrinconando a cada paso a este tipo de locais, o certo é que «El Moderno» seguirá funcionando con éxito durante toda a década dos 60 e 70, aínda que nesta última década instalará xa unha cabina de «Disc Jokey» e combinará as sesións de discoteca coas de música en vivo.

Tarxeta de afiliación sindical de Xosé Ramón Pena como “montador de discos” .

Fotografía cedida por Xosé Ramón Pena

 


Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *