A LITERATURA, O TEMPO E A VIDA

Iria Curros – Amara Fontao – Pablo Díaz – Juán García

Unha rapaza le un poema no bar Modus Vivendi          Fotografías das autoras

A literatura é «unha arma cargada de futuro expansivo, coa que che apunto ao peito». A nova xeración de escritores e escritoras leva dalgún xeito a esencia da ‘poesía-ferramenta’ de Gabriel Celaya. Son fillos da Galicia actual, pero tamén serán os pais e nais da que está por vir.

«Unha das principais necesidades para escribir é tempo», explica Xian Lois Alcayde, e o tempo é algo que xoga a favor da xuventude. Brais Nogueira dinos que «a xente xove, en xeral e até certo punto, non ten obrigas de tipo laboral ou outras responsabilidades; obviamente ten que estudar, pero dispoñemos de máis tempo para consumir cultura». Mais tamén pensa que somos a primeira xeración que prevé vivir peor ca os seus pais e que «ter un título universitario xa non é sinónimo de estabilidade, nin asegura atopar traballo ou non ter que emigrar».

En vista a esta situación, o poeta gañador do Premio Nacional de Poesía, Gonzalo Hermo, ve o panorama actual dos novos escritores como «magnífico en termos de calidade e precario en termos de condicións materiais». Vanesa Santiago, escritora e bibliotecaria que se define como «irremediablemente optimista”, di que «a cultura é o que nos define como seres humanos, e sitios como as bibliotecas están a se transformar en lugares de encontro, especialmente para a mocidade, que atopa nelas un xeito de peneirar as vagas».

Estas son algunhas das voces coas que pescudaremos sobre a relación entre a literatura e os novos creadores que, ao final, rematan sendo o mesmo. O que dará lugar a esta fusión será o tempo, porque a loita por este é a loita pola cultura.

A literatura é lume. Metaforicamente, as verbas son capaces de prende-lo mundo, e crear tanta luz coma se fixo na Ilustración. E tamén literalmente, pois grazas ao lume puidemos consumir nutrintes, que fixeron evolucionar o noso cerebro e crear a linguaxe, e arredor del nos reunimos para falar. E cando as persoas se xuntan, forman unha sociedade e ocorre algo marabilloso chamado cultura.e é a loita pola cultura.

Fai sete mil anos decidimos que non era suficiente con falar, que o vento é perigoso e ameaza as palabras. A escritura foi un cambio autodinámico: intrínseco á natureza e á evolución humana. A literatura é así un medio con dobre vertente: para a expresión da humanidade, pero tamén mediante a cal se continúa a construír. O fío que une todo é o tempo, a través do cal a literatura muda e unhas novas plumas son substituídas por outras máis novas.

Mais o tempo neste intre tamén é unha eiva provocada polas «condicións materiais de precariedade en que os escritores galegos desenvolvemos as nosas obras», nas palabras de Gonzalo Hermo.


 «Escribir é un proceso interno para
entenderme a min mesma», Neves Seara

A necesidade de escribir é unha forma de expresión natural e espontánea, que se materializa de formas ben diferentes. A aventura da creación literaria é distinta para cada persoa, mais existen etapas e tarefas comúns que cada quen vive ao seu xeito.

 

 Ir a un bar a beber poesía

Chegamos ao Modus Vivendi quince minutos antes de que comece o recital. A espera non é realmente unha espera, e o tempo pasa voando mentres falamos con amigos e con amigos de amigos.

Levamos unha sorpresa cando tamén atopamos a David Casal, o xove poeta a quen entrevistaramos uns días antes. Cóntanos que vai recitar un poema sobre o que significou para el ter participado no proxecto poético Alter Ego, que dirixía Desirée García. Leva o que el chama o seu ‘uniforme de traballo’, unha camisa de cadros vermellos e negros coa que sempre recita, a mesma que puxo para as fotos que lle quitamos fotos despois de entrevistalo, mentres cociñaba a cea no seu piso.

O local é unha cova das marabillas, con pedra por todos lados; pero unha pedra acolledora, completamente diferente da de Celso Emilio Ferreiro. Coa usual tardanza ca que soen comezar este tipo de actos, saíu a primeira artista da noite. Para sorpresa de todos os asistentes, non era unha poetisa, senón unha violonchelista. Esa sorpresa rapidamente se transformou en caras de admiración e desfrute da melodía que inundou o ambiente.

Os sons da corda fretada cederon o paso aos versos dos poetas Lobo e Sáhara.

Despois, e antes de dar comezo ao micro aberto, fíxose un descanso e a xente aglomerouse en fila na porta do baño e entre fume diante da do bar. Pasaron os quince minutos de rigor e todo o mundo estaba de volta para escoitar máis poemas, cunha novidade entre o público: Luz Fandiño. A poetisa de renome, acabada de chegar, tamén nos leu un poema sobre o que fora e o que é o fascismo, sobre os seus exilios e vitorias.

Chegou case a medianoite pero ninguén quería marchar. Moitos quedaron botando grolos e falando do que fose. Nós marchamos. Tiñamos que descansar e, ademais, que escribir sobre o vivido.

As trabas que atopan as novas plumas da nosa literatura non son só de tipo persoal e artístico. Tamén se atopan cun panorama no que dar o salto de escribir para un a publicar e chegar a máis xente, é moi complicado. A clave de moitos está na autoedición. Conta Pablo Rodríguez, coordinador de Leite Edicións, un grupo formado por sete autores, que a autoedición non ten nada de misterioso.

O proceso acostuma comezar por contactar coa poeta ou poetisa que interesa á editorial e presentarlle a posibilidade de sacar algo baixo o seu selo.

 «Envían o texto, facemos en conxunto a edición do mesmo, preparamos a montaxe cando está listo e mandamos imprimir». Realmente é algo que está na man de calquera e que para o equipo de Leite Edicións «tiña sentido unificar baixo Leite Edicións como unha forma de axilizar o proceso de autoedición», conta Pablo.

Ademais de edición da cultura creada, tamén fai falla crítica. Falamos con Brais Nogueira, poeta, xornalista e un dos fundadores da revista Balea Cultural, que xurdíu «dun grupo de mozos que viron a necesidade dun medio que falase en galego sobre cultura dun xeito serio.» A día de hoxe aínda non conseguen gañar diñeiro do proxecto, que podería converterse nunha posibilidade de futuro laboral.

A maioría dos escritores coinciden nun primeiro contacto coa literatura case inconsciente. Para moitos escritores, como Vanesa Santiago, a literatura leva con eles até onde lles acada a lembranza. Esta escritora e bibliotecaria sadense, de pequena escoitaba relatos fabulosos da boca dos seus maiores, que ampliaban os horizontes do seu mundo impúbere. E esa literatura oral acadou consistencia física no momento en que aprendeu a ler e comprendeu que «nos libros podía atopar infinitas historias».

Para comezar a escribir unha novela ou un poema, tan fundamentais son as experiencias vividas na propia carne, como a través doutras páxinas. Ler, escribir e vivir son inseparables. Para ser un bo escritor antes debes ser un bo lector ou, incluso, un bo ouvinte.

Mais tamén temos exemplos coma o do poeta e xornalista Brais Nogueira, que nos confesa que tampouco leu tanto coma cabería supor. Para explicar a falla de patróns exactos, debemos contar cun factor imprescindible 

froito da heteroxeneidade do ser humano: o talento. É, en gran parte, algo innato, pero que tamén cómpre cultivar.

O maior medo de calquera escritor é non se saber enfrontar a unha páxina en branco.

Xian Lois Alcaide comeza por ter un impulso: «algo moi concreto, unha idea que quero contar; e unha estética que a rodea, unha maneira de contalo». Xusto antes de comezar a escribir unhas atrevidas primeiras palabras, os escritores repásanse a si mesmos nunha busca de temas que plasmar. Lembran as súas experiencias, as súas relacións, as súas influencias. Neves Seara, artista e poeta, fálanos dun poema que escribíu a raíz de vivir unha relación tóxica de anos. «Este poema revive o entorno no que eu crecín, de falta de coidados e amor, que é parte da resposta heteropatriarcal e machista». Escribir, para ela, é empoderarse, é «un proceso interno para entenderse a unha mesma. E se de paso podo abrirlles unha ventaniña a outros moito mellor».

 

 «A raíz dos encontros de poesía de
Compostela xerouse un movemento
cultural pola cidade», Diego Horchovki

Os novos escritores galegos tamén precisan de espazos onde expoñer a súa obra.

Unha parte fundamental da poesía para o poeta é recitala. Recitando pódense sacar á luz as emocións, expoñer o verdadeiro significado do poema. Recitar é a cara máis verdadeira da poesía, a máis humana e real. En termos de recitais de poesía e micros abertos, Compostela confirma o seu papel de capital cultural. É a cidade de Galicia co maior número proxectos e con maior afluencia, en gran parte debido á fervente vida universitaria. A presenza da Universidade tamén explica a baixa media de idade das persoas que se moven nos círculos literarios.

O creador do recital de poesía e micro aberto do Pub Modus Vivendi, Diego Horchovski conta que «aquí en Compostela hai moitas ganas de facer poesía e os eventos que fago soen ser moi concorridos. A raíz dos encontros de poesía de Compostela xerouse un gran movemento cultural pola cidade». Existen concursos como o Poetry Slam Compostela (tamén coordinado por Horchovski) que son unha ocasión para que os novos poetas galegos reciten os seus poemas e poidan, quizais, ascender ao nivel da competición estatal.

Máis non é Compostela o único lugar de Galicia de movemento literario. Existe unha latente vida cultural por todo o país. Un episodio desta foi o colectivo Alter Ego en Vigo. Pese a disolverse moi recentemente, tivo cinco anos de actividade que non supoñen un punto final, senón unha primeira etapa de poetas que seguen creando e espallando poesía pola cidade olívica e o resto de Galicia. Coma se dunha árbore se tratase, a fin dun proxecto só da lugar a máis ramificacións que seguen medrando e alzándose, co ceo sempre coma obxectivo. Desirée García, a que foi a directora do colectivo poético di que a experiencia abriu un espazo en Vigo para a mocidade interesada pola poesía. Despois, xurdiron máis espazos e cada un semella ter o seu propio estilo. Reflexionando sobre o vivido, cóntanos que «recitar con amigas ou compañeiras crea ambientes moi bonitos, cargado de intimidade».


DINAMITA CULTURAL: A VANGARDA
LITERARIA DO MOMENTO

A mocidade galega vén cargada con moitas ganas de facer literatura. Dean a benvida a unha nova xeración de escritores que fai fronte ás problemáticas da nosa sociedade actual, como poden ser a saúde mental, o machismo ou a falla de traballo, que tratan na súa obra e viven nas súas carnes.

Sobre a dimensión emancipadora e revolucionaria da cultura, Uxío Novoneyra, o fillo do ‘Lobo do Courel’, díxonos que esta «é unha das verdades que nos pode salvar da alienación do Turbocapitalismo isquémico que se está a dar xusto agora». A maiores, a loita cultural dende o noso recuncho do mundo, librámola con fusís de galego, unha lingua minorizada pero cunha tradición literaria digna do seu pobo. Coas pasadas xeracións de creadores é coas que as actuais e as vindeiras enlazarán, deste xeito ve Uxío «saúde para a nosa literatura polo menos até o ano 2100.»


Fotografías das autoras

[arriba] O poeta David Casal, facendo a cea na súa cociña 

e recitando no Modus Vivendi [abaixo á dereita] O poeta 

Brais Nogueira [páxina anterior e abaixo] Unha rapaza 

le un poema no bar Modus Vivendi

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *