RICARDO FLORES: CONSTRUÍNDO GALICIA NA EMIGRACIÓN

Manuel Pérez Lorenzo
Unha comida do Centro Provincial Coruñés de Buenos Aires no 1957. No centro, o seu presidente Ricardo Flores, apoiado sobre Ramón Suárez Picallo. Fotografía cedida por Marcela Castillo

En xullo de 2012 cumpríase unha década desde a morte de Ricardo Flores. O escritor e activista cultural e político, nacido en Sada de Arriba no 1903, falecía aos 99 anos, logo dunha vida dedicada por enteiro á dignificación de Galicia, da súa lingua e das súas manifestacións culturais.

Coincidindo con esta data, a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo organizou entón na Casa da Cultura Pintor Lloréns unha exposición biográfica e unha mesa redonda con varias persoas que o coñeceron e trataron, ademais de publicar un número dos Cadernos de Estudos Locais dedicado á súa figura.

Perfil vital

No 1929 chegaba Ricardo Flores a Buenos Aires, cumprindo coa palabra dada a unha noiva que cruzara o Atlántico algún tempo antes. Aquel mozo de 26 anos levaba na maleta tres obras teatrais da súa autoría, que logo había botar ao lume. Estreáraas unha compañía que el mesmo dirixía no Pabellón Moragra e no Salón Suízo da súa vila natal, con boa acollida de público.

Unha vez instalado na capital, achegarase aos círculos galeguistas. Integrarase na Sociedade Nacionalista Pondal, na arela de acadar o seu ideal, adquirido en Sada desde a infancia, dunha Galicia autogobernada e libre de complexos culturais e lingüísticos para desenvolver a personalidade propia. Co tempo, logo da Guerra Civil, formará parte da Irmandade Galega (continuación no exilio do Partido Galeguista) ou, con Suárez Picallo, do Consello de Galiza, do que será secretario. Ademais, presidirá o Centro Provincial Coruñés.

Con motivo da celebración do día da patria de 1933, sintetizaba nun artigo publicado na revista A Fouce –da que era colaborador habitual– o seu pensamento político:

Hoxe celébrase o seu Día, e como máis outamente pode todo galego homenaxeala, é: achegándose coa devozón máis fonda, perante o seu embrema azul e branco, e rendéndolle o xuramento de gardarlle enteira fidelidade, pra loitar sen trégola polo conquerimento da súa ausoluta Independenza, a que tanto percisa, pra sair da lama dos aldraxes en que vive embrullada, pra avigorar a súa vitalidade económica, pra esparcir as estramadelas da súa cultura, e por derradeiro, pra cobrirnos nós mesmos de honra, ao comparecermos perante os demais pobos ceibes, donos da nosa vountade, e non como escravos, tal como hoxe socede.
(A Fouce, 25/07/1933)

Obra literaria

En paralelo ao seu quefacer político, Ricardo Flores desenvolvería unha fértil actividade literaria. Ao pouco de se asentar en Buenos Aires, retomaría as súas labores de comediógrafo, estreando unha nova peza, Mai e filla, no 1932. Nos anos seguintes levaría ás táboas obras como Un ovo de dúas xemasCatro estampas de beira-marUgio ou Para isso som teu amigo, con gran éxito entre a colectividade galega, dado que conseguían retratar con naturalidade e fidelidade a Galicia da súa infancia e xuventude. De feito, a maioría das pezas están ambientadas en Sada, e nos seus diálogos non é difícil atopar referenzas a topónimos como Veloi, Mondego ou Sada de Arriba.

Pero, alén do retrato costumista, Ricardo Flores escribía coa vocación de eliminar os complexos culturais e lingüísticos dos galegos, entendendo o teatro como “meio proselitista”. Con Varela Buxán e Blanco Amor, converteríase no autor máis representado da emigración.

Tamén, ademais de articulista en diferentes medios, cultivaría a poesía, creando textos de inspiración popular. Por outra parte, a recompilación da lírica popular galega constituíu unha das súas principais dedicacións. No 1984 vería luz unha Escolma de cantigas galegas publicada por Caixa Ourense. Como parte dun mesmo todo, Ricardo Flores, baixo o pseudónimo de Herre Chiquelo, musicaría diversos textos poéticos para a súa posterior interpretación por parte das corais da colectividade.

Coa súa actividade literaria, ben a través do teatro, ben da lírica, pretendía Ricardo, por enriba de todo, dignificar a lingua galega, liberala de prexuízos e fomentar o seu uso. Ao longo dos seus moitos anos de vida, unha das súas maiores teimas estribaría na defensa da opción ortográfica reintegracionista, apostando por un achegamento ao portugués.

Sada sempre presente

O mozo de 26 anos que arribaba a Buenos Aires no 1929, levaba canda si unha paixón pola terra natal, por Sada, que nunca o había abandonar.
Ricardo Flores e Sada habían manter unha relación emotiva moi estreita, que cobra substancia na súa obra literaria e maniféstase en cada unha das entrevistas que concedeu. O vello escritor –aínda que mozo, pois nunca desistiu de aprender– terminaría os seus días agardando poder “dormir o sono final e eterno” no Fiunchedo.


* * *
O noso autor é, por moitas razóns, unha figura a recuperar se queremos comprender os procesos mediante os cales se configurou a nosa identidade e se revitalizou a cultura galega. Proxectos imposibles de abarcar de non teren contado co contributo de traballadores incansables como Ricardo Flores. Sada é, que dúbida cabe, un bo punto de partida para iniciar o recoñecemento dese esforzo de toda unha vida.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *