UN MAR DE PEDRAS COLOREA A LIÑA DO HORIZONTE

Teresa Ramiro
A Milucho Mariñas

Ti que andaches nos abismos
sobre o sol que declina
na praia do Areal
De Fisterra ata as Sisargas
do Roncudo ata Prior
ollando o mar de fronte
coa ferrada ás costas


Dende A Torre ata Ortegal
fuches gravando en salitre
os nomes das pedras
O Gancho, O Grelle,
O Macallás, O Cabalo
a Rosa dos Ventos
memoria húmida de argazo e sal


As Longuiñas, A Perdiz
O Coído, Os Coitelos
O Redondo, O Morro Baixo
Un feixe de estrelas
refachos enfiando ceo e mar
Os Carpanchos, Os Abarracidos
a Furna do Herminio


Paraíso espellado nos meixóns
As Tousas de Leste
As Tousas de Vendaval
As Acentes
Eterno reino
onde se perde a memoria
baixo unha lúa cativa


Un vento ceibe ulula
albiscando as túas enxarcias
nas Corredoiras, O Gueivouteiro
A Furna dos Touciños
O Xogadoiro, O Boi, A Vaca,
O Becerro, O Becerriño,

A Rabaleira

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *