Fernando García Penas
O domingo 27 de outubro, ás 11:00 horas, chegou SON DO MAR a Sada. Ben, xa días antes un bo grupo de persoas percorreran as rúas tecendo espazos propicios, lembrando a vida, proxectando ensaios, ensaiando, creando imaxinación.
Este evento foi organizado e financiado por GALP GOLFO ÁRTABRO SUR, GRUPO DE ACCIÓN LOCAL DO SECTOR PESQUEIRO, con orzamento da CONSELLERÍA DO MAR e o FEMP, FONDO EUROPEO MARÍTIMO E DA PESCA; realizado por ALENTÍA TEATRO, baixo a dirección escénica de Afonso García Penas e coa colaboración activa da veciñanza de Sada e de Asociacións e institucións do Concello, como a Asociación Cultural IRMÁNS SÚAREZ PICALLO, a Asociación de Música Tradicional Galega NOVA TROULA, alumnado do IES ISAAC DÍAZ PARDO, o proxecto de cine ESPAZO DCINE, FILMES GALLAECIA, do EDLG do IES Isaac Díaz Pardo, CONFRARÍA DE PESCADORES DE SADA, ACERGA (Asociación de Armadores de Cerco de Galicia)
e o Concello de Sada.
SON DO MAR é unha actividade dinamizadora da cultura mariñeira que procurou amosala, proxectala e dignificala a través dun roteiro teatralizado vertebrado en doce escenarios e protagonizado por mulleres, homes, nenas e nenos do mar, alumnado dos centros educativos de Sada, asociacións culturais do concello e persoas que chegaron de concellos de toda Galiza: Touro, Palas de Rei, Cabana de Bergantiños, Santiago de Compostela, A Estrada, Arzúa, Melide, A Coruña, Oleiros, Betanzos…
Moitos destes actores e actrices viñeron xa coa experiencia que supón o SON D´ALDEA, evento que vén organizándose ano a ano a primeira fin de semana de setembro dende 2011 nas aldeas ulloás de Santiago de Albá e Santo Xusto, no concello de Palas de Rei. Ambos eventos, SON D´ALDEA e SON DO MAR, posibilitan o abrazo e a identidade entre dous mundos parellos no tempo e na realidade, a celebración e dignificación da vida dos devanceiros en harmonía coa natureza que ao seu arredor dispuñan, valéndose dela con respecto para sobreviviren dignamente. Posibilitan o encontro entre xente nova e xente maior, entre xente de distintos lugares de Galiza cunha mesma arela: recoñecer e apreciar quen somos, de onde vimos, quen nos trouxo ata aquí.
SON DO MAR consistiu nunha aproximación ás coordenadas sociais e culturais do mundo do mar de hai anos e dunha reflexión sobre novas vías da vida marítima no presente. Un recoñecemento á súa riqueza e á súa heteroxeneidade ao longo de todo o percorrido. Reflexionouse sobre a situación no pasado e no presente das persoas maiores, do que levaron a cabo, dos traballos relacionados co mundo domar a través dun ROTEIRO TEATRAL que transitou por diferentes escenarios do barrio da TENENCIA, do PASEO MARÍTIMO, do BARRIO DE FONTÁN, a PRAIA DE MORAZÓN e do PEIRAO. Ofreceuse unha radiografía subxectiva da situación do mundo do mar cargada de emoción e sensibilidade e con vontade de reflectir a filosofía do ser humano que habita esa contorna.
Partindo do punto de encontro na Praza de San Roque, foron xurdindo escenas nas que o espectador era o ser estraño; doce momentos ou estampas animadas no lugar onde poderían ter ocorrido anos atrás, e hoxe falan e cuestionan o futuro que delas derivou. Espazos colmados de vivencias e persoas que aínda bolen a pouco que a imaxinación esperte e se abra ao que fomos e somos. Espazos noutrora colmados de fermosura que interrogan a quen sexa capazde entrar na posibilidade humana de cohabitar coa natureza sen destruíla.
O visitante asistiu á recuperación de espazos,de vocabulario, historias esquecidas, cancións populares, técnicas de pesca… comprobou en primeira persoa a recuperación de relacións entre a veciñanza ao longo dun percorrido no que se recreou un mundo que o tempo foi distanciando na memoria.
Asistiu ao latexo do día a día, xa fose entre o peixe ou paseando, bailando e tomando un café na Terraza; ao cotexo da destrución ou derrube de vivendas construídas con arte e que posibilitaban unha vida máis acorde coa humanidade que do ser humano se espera.
En grupos de cincuenta persoas conducidas por dous guías caracterizados nos anos 50 do século pasado, quen ese día alí acudiu topou con O retornado, tras 65 anos fóra malamente recoñece o pobo e casa onde naceu; ou gozou de estampas extraordinarias como A Fonte do Recheo, A escola, As bañeiras ou Bulía a vida. Quen ese día alí acudiu, achegouse ao saber dos mariñeiros con Manolo de Villacampa, A Rula ou Redeiros; tamén coñeceu traxedias súas arrostradas coma propias por todo o pobo, contadas pola inocencia dunhas rapazas que volven da escola en Homes do mar. Pero o recordo da festa tamén estivo presente, os rapaces da Troula cobraron nova vida e pulo en A Pérola das Mariñas. Non faltou a lembranza de personaxes entrañables en O monte do pobre. E as lendas e a maxia, quen ese día alí acudiu entrou na praia de Morazón onde todo pode ocorrer, namorados e feitizo, marabillas e devoción, A furna de Covadanca.
Despois de dúas horas de mergullo na vila de hai varias décadas, ou tamén séculos, rematou este I ROTEIRO TEATRALIZADO no porto, escenario e punto de unión entre o mar e as xentes que ás súas costas encontraban natural acubillo.
SON D´ALDEA e SON DO MAR non son nin representan unha ollada de nostalxia, morriña ou saudade, senón unha volta ao pasado para entendermos o presente e enxergar
con consciencia construtiva o futuro.
Xurdan e teñan longo percorrido iniciativas coma esta que nos enfrontan ao paraíso que buscamos e destruímos; que nos levan a concibir con afouteza o que somos e de onde vimos; que nos presentan aos nosos case xa descoñecidos devanceiros, heroes e heroínas anónimos que nesta xornada tiveron a estima e o aplauso, déuselles as grazas e miráronse con aprecio.