PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS

Xoanseca
Era o meu primeiro día de traballo na nova empresa. A BP é unha das meirandes multinacionais do sector profesional no que eu me movo. A súa filosofía empresarial consiste en ofrecer produtos de calidade a un prezo competitivo. Un dos segredos do seu éxito está en considerar os seus traballadores como membros dunha grande familia. Tenos contentos e eles séntense importantes e valorados, dese xeito traballaban máis e mellor. Esa circunstancia foi clave na miña decisión de cambiar de traballo despois de tantos anos.

O primeiro día preferín subir polas escaleiras. Tiña tempo de abondo e quería sobrepoñerme ao nerviosismo da estrea. As escaleiras eran anchas e os chanzos moi cómodos e levadeiros. Subía pensando na transcendencia da miña decisión e polo tanto non reparei nunha muller que baixaba. Era unha muller loura, e non sei moi ben por que, pero tiven a intuición de que era británica (máis adiante souben que estaba no certo). Dirixiuse a min con moita educación, sen berrar, amodiño, pero con firmeza:

Suba pola dereita e agárrese ao pasamáns.

Eu seguín as súas instrucións case automaticamente, sen darlle máis importancia. Seguín cos meus pensamentos e axiña volvín a circular polo centro das escaleiras, como facía normalmente.

Decateime de que agora era un home quen me chamaba a atención, ademais nun ton un pouco máis elevado e menos amigable:

Agarre a varanda! Seica non coñece as normas!

Foi como se volvese á realidade despois dun longo soño. Soamente pensaba nestas últimas palabras. Que me quería dicir con iso das normas? Por certo, a muller loura tamén se estaría a referir a esas normas?

Xa chegara ao quinto andar. Tiña que me presentar ao director de proxectos, un holandés duns cincuenta anos que coñecera no proceso de selección. Creo que el fora o meu gran valedor para conseguir este novo emprego.

Todo foi moi ben. Presentoume a todos os compañeiros do departamento e ensinoume o meu lugar de traballo. Cando ía marchar, comenteille o que me pasara nas escaleiras. El riuse e explicoume que na BP a seguridade dos traballadores era prioritaria:

Os técnicos de seguridade da compañía teñen feitos moitos estudos e comprobaron que os tropezóns nas escaleiras eran unha das causas que provocaban máis accidentes laborais. Por iso, sempre que subas ou baixes polas escaleiras, agárrate á varanda. Se se che esquece, xa cho recordarán os teus propios compañeiros. Xa te irás acostumando.

Interiormente pensei que me estaba a tomar o pelo e ante a dúbida non me atrevín a lle preguntar se reduciran o número de baixas por accidentes laborais con esa medida. Seguro que sacaría a relucir datos recollidos nunha estatística formalísima que daba conta da eficacia destas medidas e da diminución das escordaduras provocadas polas caídas nas escaleiras.

Co paso do tempo funme acostumando asubir e baixar correctamente as escaleiras, aínda que ao principio estiven tentado a empregar o ascensor, pero como as normas tamén facían alusión ao beneficio que supoñía facer un pouco de exercicio…

Un día chegoume unha circular interna na que se me informaba de que a última semana do mes poderiamos asistir obrigatoriamente (esa era a interpretación correcta que eu tiraba da circular) a un curso de condución de seguridade. A sorpresa inicial foi mudando en comprensión. A empresa estaba tan preocupada pola seguridade dos seus traballadores que xa non lle chegaba con previr os accidentes laborais dentro da propia empresa, agora ata se preocupaba polos riscos que corriamos no traxecto da casa ao traballo e viceversa. Semella incríbel, pero era así. Este é o talante dos novos tempos. Todo está regulamentado, para todo hai protocolos e no contrato laboral hai unha cláusula na que se especifica que os traballadores terán que seguir as normas ditadas pola compañía para a prevención de riscos laborais, entre outras moitas cousas que agora non veñen ao caso.

Por suposto que asistín e aproveitei o curso obrigatorio de condución de seguridade. Aprendín moito e decateime de que o máis das veces deixamos de ter en conta os aspectos máis evidentes, como por exemplo o emprego do cinto de seguridade.

Pasou o tempo. Xa estou aclimatado á filosofía da empresa, incluso en todo o referido á prevención de riscos laborais, aínda que nunca lle cheguei a indicar a ninguén como debe subir ou baixar escaleiras.

Hai unhas semanas viñeron á central directores de proxectos da empresa de Alemaña, China, Estados Unidos e Inglaterra. O meu xefe decidiu que despois da xornada maratoniana de traballo sería bo ir a un restaurante típico da cidade e así demostrarlles que a sona do noso país era ben merecida.

Chamei un taxi. No asento de atrás subiron o meu xefe, o inglés e o alemán. Eu acomodeime diante, a carón do condutor. Automaticamente todos nos abrochamos o cinto de seguridade. Cando xa estabamos a piques de arrancar, o meu xefe díxome:

Rafa, xa sabes cales son as normas de seguridade da empresa no que se refire aos desprazamentos en automóbil.

Eu mostreime contrariado xa que todos levabamos posto o cinto. Pero el insistiu mirando de esguello ao condutor, que non o levaba. Eu intenteille explicar que o seu uso non era obrigatorio para os taxistas dentro da cidade; non obstante el insistiu:

Rafa, faille ver a necesidade de abrochar o cinto de seguridade.

E como lle digo eu a este taxista que debe poñer o cinto de seguridade!

Penseino un intre e dirixinme a el con certa covardía finxida para gañar a súa benevolencia.

Mire, é que estas persoas son uns executivos estranxeiros e as normas da empresa obrígaos a tomar medidas de seguridade e xa se sabe, estes estranxeiros sonlle así, moi cuadriculados… Non podería vostede poñer o cinto de seguridade!

Pouco a pouco foi torcendo a súa cara ata que me mirou directamente aos ollos cun aire de superioridade e tamén como pensando se eu lle estaba a tomar o pelo. Logo duns segundos de espera espetoume secamente:

Saian do taxi e vaian tocarlle o carallo a outro, que eu teño moito choio!

Non me dou outra opción e todos saímos do taxi. Os meus acompañantes non saían do seu abraio. Mentres agardabamos outro taxi (podería pasar bastante tempo ata a súa chegada) estáballe dando voltas á estratexia que debía seguir co seguinte taxista para quedar ben co meu xefe:

Doulle unha propina de dez euros se nos leva ao centro, pero co cinto de seguridade posto. E non pregunte.

Dedicado a Rafael Esteban
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *