PARA O MUSEO DO POBO GALEGO

CO GALLO DO SEU 40 ANIVERSARIO (29/OUTUBRO/1.977-29/OUTUBRO/2.017)

Xoán Xosé Fernández Abella
Museo do Pobo Galego,
innumerábel tesouro,
pois que dentro de ti encerras
da esencia da Terra, moito.

Cando foi o Seminario
de Estudos Galegos morto,
mellor digo derrubado,
quedou noso pobo orfo
naquel triste trinta e seis,
data de infausto recordo.
Aquel Seminario foi
teu precedente glorioso
para no setenta e sete
nacer ti, Museo do Pobo,
Museo do Pobo Galego,
innumerábel tesouro.
Eu cántote simplemente
que retratarte non ouso.
En ti está a cultura viva:
conferencias, cine, foros,
exposicións, excursións
para coñecer o noso,
e ducias de actividades
que, por ser breve, non poño.
Quen aman a nosa Terra
aman o Museo do Pobo.
En ti fixan a súa ollada
museos vellos ou novos,
xa sexa na etnografía
ou no campo antropolóxico
ou sexa na etnoloxía,
que tanto nos din do pobo.
Ten o Museo de obxectivos:
investigar, moi a fondo,
conservar e divulgar,
e defender, ardoroso,
e promover, a cultura
do noso galaico solo.
E que dicir do edificio?
É acolledor e precioso.
Quen o recorre se admira,
sen ser na beleza douto,
da súa estructura lograda
que invita a vérmolo todo.
O gran Domingo de Andrade
enfeitizounos cun soño
que é a escaleira helicoidal.
Para ela o eloxio máis fondo:
milagre da arquitectura
que nos marabilla adoito.
Como enumerar súas salas,
as súas coleccións e fondos?
O mar, o agro e oficios,
música, cadros, periódicos,
cancións, cartas, manuscritos,
festas, vivendas e fotos,
e máis de once mil rexistros
de donacións e depósitos.
O xeito de ser completo,
por máis que o intento,
[non topo.
Miles de pezas agardan,
de cote, o interese noso.
E tamén miles de libros
na Biblioteca, de asombro.
Quen aman a nosa Terra
aman o Museo do Pobo,
Museo do Pobo Galego,
innumerábel tesouro,
eu canteite simplemente,
que retratarte non ouso.

Os Tilos, 21/Outubro/2.017
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *